O TSXG xulgará unha contratación fraudulenta do ex alcalde de Carnota

Carnota © wikiloc.com

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidirá se imputa o popular José Oreiro, ex alcalde de Carnota, e Marisol Piñeiro, ex tenente de alcalde e na actualidade deputada do PP no Parlamento galego, pola contratación fraudulenta dunha asesora en 2007. A Fiscalía ve "indicios racionais de criminalidade suficientes" para xustificar a imputación, e a xuíza Carmen López Moure, titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Muros, vén de inhibirse en favor do alto tribunal galego. O fiscal, a partir da denuncia realizada polo actual alcalde carnotán, Ramón Noceda (BNG), eleva o caso ao TSXG pola condición de aforada de Marisol Piñeiro, que xunto con Oreiro podería chegar a ser inhabilitada.

En 2007 o Concello de Carnota contratou unha muller como administrativa de apoio á alcaldía. Foi, como sinala o BNG, unha das varias contratacións que xa no seu momento denunciaran os nacionalistas polo seu elevado custe para as contas municipais, pois nos seus primeiros meses de xestión, Oreiro despediu 9 traballadores que por teren subvencións supoñían un gasto de só 10 mil euros anuais ao concello, para logo contratar para as mesmas funcións 8 traballadores por un custe de 150 mil euros. Pero, ademais, a contratación desta asesora fíxose, segundo o fiscal, saltando "os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxetividade".

A contratación desta asesora fíxose, segundo o fiscal, saltando "os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxetividade"

O fiscal tamén sinala que José Oreiro e Marisol Piñeiro mentiron ante o xuiz, ao asegurarlle que manexaron o currículum de varios aspirantes ao posto e que a persoa contratada era a de mellores aptitudes. Segundo o BNG, isto foi desmentido polo Secretario municipal, que negou que chegara ningun curriculum ao concello. Na instrución comprobouse, ademais, que quen asinou efectivamente o contrato desta persoa foi Marisol Piñeiro, pois José Oreiro estaba de baixa médica. Posteriormete a alcaldía asinou "arbitrariamente prórrogas, cambios de posto e categoría, subidas de soldo, transformárona en indefinida e e lle aumentaron o soldo a uns 3.000 € brutos ao mes, todo iso sen mediar máis procedemento que sucesivos decretos de alcaldía asinados indistintamente por José Oreiro ou Marisol Piñeiro", segundo os nacionalistas.

Na instrución comprobouse, ademais, que quen asinou efectivamente o contrato desta persoa foi Marisol Piñeiro, pois José Oreiro estaba de baixa médica

Precisamente hai uns días dende o Partido Popular lanzáronse acusacións contra o actual alcade de Carnota, Ramón Noceda, por decidir o despido dalgunha das persoas contratadas polo goberno municipal de Oreiro, entre elas a da muller contratada de forma irregular. O BNG subliña que se viu obrigado a prescindir destas persoas "porque os ingresos do Concello son insuficientes para manter unha plantilla inflada en tempos de bonanza". E lembra, por exemplo, que a Axencia de Desenvolvemento Local, que só recibía 543 euros anuais de axudas, tiña adscritos dous traballadores cuxos soldos sumaban máis de 80 mil euros. De feito, salientan que presente lexislatura ano a ano se vai solucionanto o grave problema de deficit que presentaban até 2011 as contas do Concello (con máis dun millón de euros de perdas en cada exercicio). Para os nacionalistas, o PP busca unicamente con estas acusacións desviar a atención da investigación en marcha contra Oreiro e Piñeiro: "lonxe de avergonzarse, os implicados lanzaron unha cruzada mediática contra Ramón Noceda", sinalan.

"Moitos veciños aínda lamentan como se pedía o traballo en tempos do PP, cando para pedir choio había que presentarse ante o alcalde coa cabeza baixa e o sombreiro na man"

O BNG conclúe que "o PP está rabioso porque agora Carnota contrata con luz e taquígrafos" e engade que "moitos veciños aínda lamentan como se pedía o traballo en tempos do PP, cando para pedir choio había que presentarse ante o alcalde coa cabeza baixa e o sombreiro na man e o libro de familia na outra, existindo incluso sonados casos de humillacións inhumanas aos candidatos tanto por parte de Oreiro como de Marisol".

Carnota © wikiloc.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.