O único deputado galego por Ciudadanos abandona o partido

Antonio Rodríguez, á esquerda, no Congreso © Ciudadanos-Ames

Mentres Albert Rivera visitaba Venezuela, Ciudadanos afondaba na súa crise en Galicia. A decisión da dirección estatal de prescindir do xa ex deputado e antigo número un da lista pola Coruña, Antonio Rodríguez, e substituílo de cara ás vindeiras eleccións xerais por José Canedo agranda as diferenzas. Finalmente, e polo momento, son oito os membros das xuntas directivas da formación na provincia os que veñen de dimitir: tres deles en Ames e cinco na Coruña. Ademais, outras dúas direccións locais, as de Oleiros e Cambre, meditan a súa decisión, ao tempo que outros destacados militantes, aínda que non con cargo, tamén están a deixar a militancia. 

Oito membros de dúas directivas locais abandonan os seus cargos e deixan descabezada a formación na Coruña e en Ames

É o caso de Antonio Rodríguez, que non só abandona o seu cargo na directiva de Ciudadanos en Ames, senón que confirma que deixa tamén a militancia. "Marcho do partido, non teño dúbida ningunha; non podo seguir onde non estou cómodo e onde creo que non se é coherente cos principios que se dicían defender", confirmou a Praza o que fora único deputado por Galicia da formación laranxa na anterior lexislatura. O resto da directiva na localidade deixa o cargo pero medita se abandona tamén a formación, ao igual que cinco dos sete membros da xunta na Coruña que renunciaron.  

Será a dirección estatal quen decida agora, despois do 26-X, se convoca eleccións para elixir novas executivas locais ou se nomea unha xestora para dirixir a formación na cidade máis poboada da provincia e noutra das principais localidades. Non sería a primeira vez. Hai un mes, e tamén por unha crise interna, a dirección en Vigo foi disolta ao perder máis da metade dos seus cargos para quedar en mans dunha xestora. 

Antonio Rodríguez non só dimite do seu cargo en Ames, senón que abandona a militancia do partido

Esta nova crise de Ciudadanos chegou logo dos cambios nas listas electorais -ratificada polo consello xeral da formación co 85% dos votos- que incluían a substitución de Rodríguez -cuxa ausencia de proxecto para Galicia causou polémica durante a campaña- pola de José Canedo, ex candidato de UPyD á Xunta. Os críticos critican o "dedazo" imposto desde a dirección estatal, á que acusan de "saltarse a democracia e as primarias" e mesmo de coacción e chantaxe con ameazas ao xa ex candidato no caso de que non aceptase e admitise a renuncia

Desde a dirección, o secretario de Organización, Fran Hervías, acusara os críticos de levar a cabo "críticas destrutivas" por "intereses persoais" e mesmo os vinculou cun presunto interese do PP en desgastar a formación en Galicia. 

Pero o caso é que as crises no partido laranxa en Galicia sucédense a cada pouco. O pasado mes de marzo, o mesmo Francisco Hervías informaba aos militantes galegos da destitución dos dous delegados territoriais da formación: José Canedo e Juan José Chouza, logo da disolución e a grave crise interna das cúpulas en Vigo e na Coruña.

Chouza e Canedo foran destituídos pola dirección estatal de Ciudadanos; agora son líder en Galicia e candidato pola Coruña respectivamente

Chouza regresou ao pouco para ocupar o posto de delegado territorial en Galicia, mentres que Canedo é agora o candidato pola Coruña e a persoa con máis posibilidades de representar Ciudadanos-Galicia no Congreso. Non hai moito, Javier Sánchez-Agustino, candidato da formación laranxa en Compotela e ex concelleiro polo PP na época de Conde Roa, foi nomeado voceiro do partido na comunidade en substitución da lucense Olga Louzao, que durou pouco máis dun mes no posto.

Antonio Rodríguez, á esquerda, no Congreso © Ciudadanos-Ames
Fran Hervías, secretario de Organización de Ciudadanos © Ciudadanos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.