O Valedor pedía en 2009 máis velocidade na Dependencia, que agora propón "suspender"

O Valedor, nunha visita a un centro de maiores © Valedor do Pobo

A Vicevaledora do Pobo marcha. Dolores Galovart, encargada das área social da institución, decidiu este venres presentar a súa dimisión despois de que o Valedor incendiase este xoves parte da opinión pública e irritase os grupos da oposición parlamentaria ao propoñer un curioso camiño para pór fin aos problemas de aplicación da Lei de Dependencia: deixar de aplicala. Durante a súa intervención ante a Comisión de Peticións do Parlamento Benigno López considerou un "erro" a posta en marcha a normativa para asistir as persoas dependentes sen "respaldo orzamentario" pero, ao ver "difícil, por non dicir imposible" que che acheguen "máis cartos" a esta materia, "ao mellor conviría deixar en suspenso a aplicación da lei ata que teñamos a sorte de vir a mellor fortuna".

"En ningún momento reclamou a suspensión da Lei de Dependencia", asegura o servizo de comunicación do Valedor

Co incendio político e mediático xa provocado e coa vicevaledora fóra da institución López tentou este venres emendar ou, cando menos, matizar as súas propias palabras. A través dunha nota elaborada "coa fin de que respecten a literalidade das súas declaracións", o servizo de comunicación do Valedor remitiulles aos medios a transcrición da exposición de López e, ademais, unha engádega aclaratoria. "En ningún momento o titular da institución reclamou a suspensión da Lei de Dependencia", senón que, "aludindo ás súas disfuncionalidades, enumerou unha serie de hipóteses de futuro co que podería ocorrer de manterse a actual conxuntura económica". "Neste senso, insistiu en que non está na man da defensoría, senón dos lexisladores, facer que esa lei xenerosa continúe sendo aplicada", sinala.

Aínda que dende o alto comisionado se atribúe a polémica a "interpretacións libres que en nada coinciden co espírito da defensoría", o certo é que entre as "hipóteses" de Benigno López figurou a posible suspensión da lei ata que amaine a crise, vía á que engadiu que el "non fai máis que apuntar unha problemática puntual neste tema".Ademais de supoñer toda unha toma de posición política a súa exposición, na que tamén considerou "imprescindibles, xustos e necesarios", constitúe unha significativa mudanza nas posicións que o alto comisionado viña mantendo neste ámbito, especialmente a respecto do anterior Goberno da Xunta.

López consideraba hai dous anos que os prazos da lei eran demasiado "xenerosos"

Dende o inicio da aplicación da lei, en 2007, o Valedor comezou a recibir queixas cidadás relacionadas coa súa aplicación. Ao existir un novo dereito, os potenciais beneficiarios reclamaban que a súa posta en marcha efectiva amosase toda a celeridade posible e non sempre era así. Por este motivo, a comezos de 2009 o Valedor dirixiuse ao departamento daquela encargado dos asuntos sociais na Xunta, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, reclamando máis velocidade no recoñemento das prestacións. Nomeadamente, López facíase eco de varias reclamacións para instar o Goberno de PSdeG e BNG a valorar e asistir as persoas dependentes nos prazos "legal e regulamentariamente previstos", sen demoras "inxustificadas". Os prazos que a Xunta se daba para aplicar a lei eran "moi xenerosos" e cumpría acurtalos, sinalaba o Valedor, que ademais formulaba outra petición moi concreta: a Vicepresidencia debía abonarlles de maneira retroactiva aos coidadores as prestacións que lles correspondían aos dependentes que faleceran durante a tramitación.

Entre acusacións de "irresponsabilidade" cara a área do Goberno na altura dirixida por Anxo Quintana celebráronse as eleccións autonómicas e o PP regresou á Xunta. Neste contexto o Valedor trasladáballe á nova titular de Benestar, Beatriz Mato, as reclamacións que, aseguraba, o bipartito non resolvera satisfactoriamente. Do mesmo xeito, poucos meses despois, a comezos de 2010, Benigno López aseguraba, no marco dunha xuntanza con Mato, que seguiría "vixiante" na aplicación da Lei da Dependencia se ben aseguraba que o decreto que neses días aprobaba o gabinete de Alberto Núñez Feijóo supoñía "unha porta de esperanza para a cidadanía". O Executivo de socialistas e nacionalistas "desoíra" as súas recomendacións e o do PP asumíraas "nun 99%".

Aínda en 2011 o alto comisionado vía "perentorio" resolver "con máis dilixencia as reclamacións de dependencia"

Malia ao evidente cambio de ton ata hai poucos meses o Valedor do Pobo seguía apostando por manter a asistencia aos dependentes no medio da crise. Así, por exemplo, o pasado verán dirixía un artigo á revista Entremayores, especializada en servizos sociais para a terceira idade advertindo de que, malia ás "limitacións orzamentarias provocadas pola crise", as "necesidades colectivas neste terreo non fan máis que crecer". Por este motivo, consideraba, "unha política pública orientada á protección integral da vellez resulta unha esixencia no Estado Social e Democrático de Dereito" que, lembraba, define a Constitución. "Por iso, resulta perentorio resolver con máis dilixencia as reclamacións de dependencia e ampliar o insuficiente catálogo de servizos postos á disposición da súa atención", dicía.

O feito de que Benigno López realizase as súas controvertidas valoracións na súa derradeira quenda de palabra, cando xa non había lugar a réplica da oposición, motivou que nin PSdeG e BNG puidesen valorar ante López a súa mudanza de criterio. Non obstante, pouco despois o Bloque remitía aos medios un comunicado no que consideraba "totalmente improcedentes" as declaracións do alto comisionado e lamentaba que López "confunda o seu papel e converta a súa comparecencia no Parlamento nunha toma de partido político". "A función de Benigno López é garantir dereitos que están amparados por lei, non pedir que se derroguen", lembraban os nacionalistas.

O Valedor, coa conselleira de Benestar, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.