O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Ourense, Leonardo Álvarez, decidiu admitir a trámite a querela da Fiscalía contra o ex presidente do PP e da Deputación ourensá José Luis Baltar por un suposto delito de prevaricación logo de que máis dun cento de persoas fosen contratadas polo organismo provincial que el dirixía xusto antes de que o seu fillo fose elixido presidente provincial do Partido Popular na provincia. O auto de incoación aclara a intención do maxistrado de tomar declaración ao propio Baltar, así como a varios xefes de servizo e persoal contratado que acudirán como testemuñas.
O xuíz chama a declarar a Baltar e varios xefes de servizo e persoas contratadas
Xa que logo, o auto de admisión a trámite da querela fai referencia a máis de cen contratos. Para a instrución, o xuíz chamará a declarar a Baltar, denunciado tanto pola Fiscalía como polo PSOE xa hai tres anos, e a un grupo de xefes de servizo e a unha decena das persoas contratadas, presuntamente, de xeito irregular.
O ex presidente da Deputación di estar "encantado" de poder acudir ao xulgado
O ex presidente da Deputación de Ourense asegurou estar "encantado" de poder acudir ao xulgado a declarar, xa que, segundo di, demostrará que "todo está ben feito" e poderá achegar a súa versión do ocorrido, tal e como aclarou nunha entrevista a Radio Ourense.