Oito claves sobre a independencia de Escocia

Acto a prol da independencia de Escocia CC-BY-NC-SA PhylB

Quedan 20 meses para outubro de 2014 cando Escocia votará en referendo se seguirá formando parte de Reino Unido ou se se constituirá como Estado independente. Tras décadas amasando unha teórica votación en xornais e faladoiros, agora toca fortalecer os discursos en clave electoral e arraigar as teorías nas preocupacións cotiás dos votantes escoceses.

As últimas enquisas dan un 50% de apoio ao 'non' e un 30% ao 'si', pero a clave está nos indecisos

O acordo entre o primeiro ministro británico, David Cameron, e o ministro principal de Escocia, Alex Salmond, botou a áncora por fin no territorio das realidades, dos cidadáns, das papeletas, das decisións. Salmond e Cameron rubricaron que o que se vote no referendo será vinculante e que ambas as dúas partes haberán de traballar para pór en pé a decisión que tome o pobo. Escocia, dentro ou fóra de Reino Unido?

Os unionistas son os que se terán que entregar máis á tarefa de rabuñar votos. As últimas enquisas dan un 50% de apoio a favor de que Escocia permaneza dentro da unión e tan só un 30% en prol da creación dun novo estado soberano. As campañas oficiais do 'si' e do 'non' estanse formando ao redor de dous grupos: Yes Scotland e Better Together.

O líder de Yes Scotland, o xornalista Blair Jenkins, que foi responsable de BBC Escocia, é consciente da desvantaxe coa que parten os independentistas. "Xa hai unha parte da poboación que ten firmes intencións de votar si e un grupo moi considerable que xa está persuadido de votar non. Pero o maior do tres grupos é o dos indecisos, os que han de ser convencidos, os que din 'estamos interesados en escoitar máis, en ser convencidos'".

"O voto pola independencia é un billete sen retorno a territorio descoñecido", din os contrarios á segregación

Alistair Darling, o anterior ministro de Facenda laborista, dirixe Better Together, un grupo composto por xente de varios partidos políticos a favor da unión. Darling naceu en Londres pero criouse e estudou en Escocia e di que os Xogos Olímpicos demostraron que non é contraditorio sentirse orgulloso de ser escocés e á vez de ser británico. Di que o voto pola independencia é "un billete sen retorno a territorio descoñecido" e repite aos votantes que esta non é unha decisión temporal que se poderá cambiar dentro de catro anos como os gobernos. Estamos ante unha votación histórica".

Estes son os principais argumentos electorais a favor dun e outro bando:

Por que votar si á independencia?

1. Escocia ten recursos para ser unha economía potente. O ministro de Economía escocés, John Swinney, di que a Escocia independente podería converterse na sexta potencia económica do mundo. O petróleo do Mar do Norte sería o seu maior recurso para escalar tan alto no podio, "un combustible do que Reino Unido se estivo beneficiando demasiado tempo", afirma. Para Swinney, "Escocia contribúe máis ás arcas de Reino Unido en impostos do que obtén en investimentos públicos".

Escocia podería converterse na sexta potencia económica do mundo grazas ao petróleo do Mar do Norte, segundo 'Yes Scotland'

2) A semiindependencia da que goza Escocia non é satisfactoria. Os poderes sobre decisións fiscais e o control da economía seguen estando en Westminster e non no Parlamento de Holyrood, como se coñece informalmente ao lexislativo de Escocia. A independencia permitiría a Escocia rebaixar os impostos para as empresas e promover o crecemento económico. Os independentistas argumentan que outros países pequenos como Noruega ou Irlanda son máis dinámicos.

3) Escocia ten o seu propio Parlamento e o seu propio sistema de xustiza. Cos poderes autonómicos que xa ten Escocia, a unión con Reino Unida cada vez é máis débil. O sentimento e a autoestima nacional están moi altos e, para os partidarios do si, é hora de dar un paso máis.

4) A independencia levaría a voz de Escocia a lugares influentes como a ONU e a Unión Europea, e os escoceses poderían loitar polos seus propios intereses (como a pesca e a agricultura) que, segundo Yes Scotland, non son atendidos convenientemente polos ministros británicos en Bruxelas.

Por que votar non á independencia?

1) Novo país, nova moeda? Os partidarios da unión pregúntanse que moeda vai utilizar Escocia se se independiza. Alex Salmond dixo que en principio permanecerían coa libra esterlina e que no futuro podería someter a votación popular a adhesión ao euro. Os servizos financeiros escoceses contan agora co apoio indispensable da City londiniense. Cambiar de moeda sería igual a construír un muro entre a economía escocesa e a prosperidade que actualmente obteñen dese centro financeiro.

'Better Together' cre que ambiar de moeda sería igual a construír un muro entre a economía escocesa e a prosperidade

O ministro de Facenda de Reino Unido, George Osborne, declarou que os detalles dunha unión monetaria entre os dous estados non foron considerados polo SNP. "A independencia significaría unha taxa de interese máis alta en Escocia". E coa libra Escocia non tería independencia monetaria nin fiscal.

2) A Unión foi útil aos intereses de ambos os países durante 300 anos (desde a Acta de Unión de 1707). Os poderes autonómicos concedidos a Escocia son un experimento novo e é demasiado pronto para xulgalo.

3) Escocia ten máis influencia en Bruxelas como parte de Reino Unido que a que pode ter como un Estado independente. Alistair Darling, líder de Better Togheter, apunta que é evidente que os países influentes en Europa son os países grandes e pregúntase se unha Escocia independente non quedaría arrinconada ante as grandes potencias e perdería o seu actual ascendente como parte de Reino Unido.

4) Unha economía británica integrada será máis eficiente ante os retos da globalización. A necesidade de organizar as súas propias estruturas de defensa e seguridade suporía un problema engadido. "Mentres o mundo fai esforzos por converxer, Escocia non pode retroceder", di Darling.

Un mozo nun mitin a prol da independencia CC-BY-NC-SA PhylB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.