Os 45 anos de silencio dos Estatutos

Cartaces da campaña do Estatuto do 36 Dominio Público Castelao / Díaz Baliño

Galegos, para conquerir a libertade hay que tronzal-a cadea. Para tronzala poñede SI cando votedes o Estatuto

Díaz Pardo

Galicia tivo dous Estatutos. Unha parella de documentos que acumulan, entre os dous, 45 anos de silencio.O do franquismo, pero tamén o da democracia. Son moi distintos entre si, porque foron froito de propostas políticas de épocas determinadas. Pero o obxectivo era o mesmo: o autogoberno de Galicia.

O freo do Bienio Negro e a Guerra Civil

O Estatuto do 36 xestouse coa redacción do Anteproxecto de Estatuto de Galicia do Seminario de Estudos Galegos. Recollía que Galicia era un estado libre dentro da República Española. No 1932, o alcalde de Santiago, Raimundo López Pol, militante da ORGA e un dos fundadores do Partido Nacional Republicano convocou aos concellos para debater o texto.

O Estatuto do 36 xestouse coa redacción do Anteproxecto de Estatuto de Galicia do Seminario de Estudos Galegos

Finalmente o documento recolle que Galicia é unha rexión autónoma, establece a cooficialidade de galego e castelán e atribúe numerosas competencias. Apróbase en decembro co apoio do 77% dos concellos. A chegada do Bienio Negro, durante o que gobernaron os partidos de centro-dereita republicana, encabezados polo Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux, aliados coa dereita católica da CEDA e do Partido Agrario, imposibilitou que o proxecto chegase a Cortes. Así, haberá que agardar ata o 36.

A chegada do Bienio Negro imposibilitou que o proxecto estatutario do 32 non chegase a Cortes

Precisamente, o ano do comezo da Guerra Civil e para conseguir o Estatuto, o Partigo Galeguista apoiou á Fronte Popular, que provocou que a dereita galeguista se desvincunlasen do partido, aínda que colaboraron no referendo. A campaña polo Si foi meteórica, cos cartaces de Castelao, Seoane, Maside ou Díaz Pardo. O 28 de xuño de 1936 celebrábase o plesbicito do Estatuto, con 993.351 votos a favor e 6.161 en contra. A Guerra Civil escachou as arelas dunha xeración de políticos galegos que remataron asasinados ou exiliados.

A aldraxe

En 1979 comezouse a redacción dun novo estatuto de autonomía. Para tal fin nomeouse unha comisión de 16 representantes políticos. Oito membros eran de UCD, dous do PSOE, tres de AP, un do Partido Comunista Galego, outro ao Partido Obreiro Galego, outro ao PG e outro ao Partido dos Traballadores de Galicia. O grupo foi coñecido como "A comisión dos dezaséis". O resultado do seu traballo foi rexeitado pola xente de esquerda e os nacionalistas que o consideraron pouco ambicioso, e moi por debaixo dos de Cataluña ou País Vasco. O 4 de decembro do 79, unha multitudinaria manifestación en Vigo clamaba contra o que deron en chamar Estatuto da Aldraxe. O presidente do Estado Español, Adolfo Suárez, recoñeceu que era un texto erróneo. No 1981, un novo pacto posibilitou que saíse adiante un novo texto, que, a diferenza do 36, só contou co 30% dos votos. A abstención foi enorme.

Na época do bipartito o BNG reabriu o debate sobre a necesidade dun novo estatuto, pero isto caeu, finalmente, en saco baleiro. Iso si, o goberno bipartito finalizaba a súa lexislatura con 12 competencias novas, oito máis que o último goberno de Fraga.

O goberno bipartito finalizaba a súa lexislatura con 12 competencias novas, oito máis que o último goberno de Fraga.

A actual parálise competencial

Entre 2009 e 2014 o Goberno de España transferiu ás distintas comunidades un total de 64 competencias, case o 90% delas mentres José Luis Rodríguez Zapatero estivo en La Moncloa. Durante estes anos unicamente Navarra, Murcia e Galicia mantiveron o seu autogoberno onde estaba, sen avance ningún. Mentres, Euskadi logrou o traspaso de 14 competencias e Catalunya, de 9, todas mentres gobernou o PSOE. A continuación sitúase Aragón, con 8 competencias novas.

Por certo, no 2010, e tras a resaca do Estatut catalán, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresara o seu compromiso de presentar nesa lexislatura unha "reforma constitucional" do Estatuto de Autonomía de Galicia. Por aquel entón, Feijóo declarara que a única nación que hai en España "é España, e Cataluña é unha nacionalidade histórica igual que Galicia". "Galicia", apuntaba o presidente, "con esta sentencia iniciará un proceso de reforma estatutaria constitucional e útil, aínda sendo conscientes de que non é a prioridade dos galegos". Prioridade da cidadanía galega ou non, cinco anos despois, o debate nunca se encetou.

A parálise no avance do autogoberno prodúcese nun contexto no que, tanto no programa de 2009 como no de 2012, o PP se comprometeu a negociar novas competencias sobre a base do acordo parlamentario acadado pouco despois da chegada de Feijóo á Presidencia. O, daquela novo presidente, comprometíase a continuar o traballo iniciado polo Goberno anterior, fixando o seus esforzos na consecución de traspasos como as obras hidráulicos, a ordenación pesqueira, a investigación oceanográfica ou a ordenación do dominio público marítimo-terrestre, entre outras.

O, daquela novo presidente, comprometíase a continuar o traballo iniciado polo Goberno anterior, fixando o seus esforzos na consecución de varios traspasos

Nese paquete de competencias pendentes estaba tamén a meteoroloxía, que, en maio de 2014, o PP rexeitou pedir formalmente no marco dun debate co BNG. Daquela os populares consideraron máis oportuno "reforzar e explorar a vía de colaboración" coa Axencia Estatal de Meteoroloxía no canto de transferir a competencia e reforzar así Meteogalicia, organismo autonómico que o Goberno de España aposta por eliminar. Aquela proposta contemplaba tamén que a Xunta asumise o control das autoestradas AP-9 e AP-53, traspaso que o Ministerio de Fomento dirixido por Ana Pastor, candidata ao Congreso polo PP de Pontevedra, se nega a executar malia ás deficiencias da Autoestrada do Atlántico e ás neglixencias de Audasa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.