"O titular é moi bo". O alcalde de Oza dos Ríos, Pablo González, resumía deste xeito o efecto creado en apenas vinte e catro horas polo anuncio, lanzado polo presidente da Xunta no debate de política xeral, do anuncio do seu municipio co lindeiro de Cesuras. Pero a pólvora dialéctica disparada por Alberto Núñez Feijóo no seu discurso ante o Parlamento mollouse vinte e catro horas despois ao saír á palestra os "protagonistas" da operación, o propio alcalde de Oza e o seu homólogo de Cesuras, Julián Lucas. Convocados polo xefe do Goberno no Pazo de Raxoi, escenario das grandes solemnidades do Goberno galego, os rexedores botaron man de realismo para explicar que á súa unidade aínda lle queda moita tea que cortar e polo momento non é máis ca unha "intención", sinala González. Aínda que ambos amosan total disposición a constituír un único municipio, Lucas advirte de que este é "o inicio do proceso", un "primeiro paso" cuxa saída á luz pública se precipitou pola propia intervención do presidente, este martes ante os parlamentarios.
"A cousa deuse por feita, pero estamos no inicio", di o alcalde de Oza
Fronte á concreción de Feijóo, que no seu discurso deu por feito que a fusión sería "unha realidade neste 2012", os alcaldes arrefrían as expectativas tamén en canto a prazos ou no referido a detalles como o nome do municipio resultante. "Xa o veremos", responden. "A cousa deuse por feita, pero estamos no inicio", insiste o rexedor de Oza ao ser preguntado polo horizonte temporal da unión. Neste contexto, o precipitado do anuncio obsérvase tamén no feito de que en Cesuras a oposición municipal, formada por tres edís do BNG e un do PSdeG, tivo coñecemento da posible fusión na propia mañá deste mércores. "Díxenllelo esta mañá, non sabía que o ían adiantar vostedes", recoñeceu Julián Lucas en resposta aos xornalistas.
Inicialmente concibida como unha comparecencia sen preguntas, a solemnidade do acto veu da man do presidente. Nunha intervención na que introduciu un treito en castelán pola presenza das cámaras de televisións de ámbito estatal o xefe do Goberno galego tentou situarse como referencia estatal. A súa intención, afirma, é "trasladar a vontade expresada de forma solemne, diante de toda Galicia e para España" para iniciar a "adaptación da planta municipal de España". "Abrimos dende Galicia o reordenamento dun novo mapa municipal" para adaptar a estrutura dos concellos "do século XIX ao século XXI". Coa mesma terminoloxía na que asentou o seu discurso no debate parlamentario, o verbo máis conxugado polo presidente é "anticipar". O seu Executivo, di, favorece que Cesuras e Oza se "anticipen, con valentía e sen imposicións".
Feijóo tenta situarse como referencia do "novo mapa municipal" do Estado
Malia á escenografía orientada á pasar á posteridade o propio Feijóo deixa entrever que a fusión non está nin moito menos pechada. Partido da base de que "a maioría dos galegos está a favor das fusións", os alcaldes van ter "todo o apoio da Xunta, con independencia de como resulte" a negociación entre os concellos. Que estean dispostos a iniciar as conversas é, para o titular da Xunta, mostra de que hai "vida intelixente nos concellos e nos políticos locais". Con todo, o líder popular deixa sobre a mesa unha distinción: "esta iniciativa non parte de ningún político, esta iniciativa parte dos alcaldes que conforman os seus municipios".