Os alcaldes "rebeldes" chaman ao "cambio imparable" para que as súas políticas "salten" ao Estado

Os alcaldes, durante o Encontro polo Ben Común © En Marea

Aprobaron os gobernos e candidaturas municipalistas triunfadoras o pasado 24M se o que querían era fortalecer a súa colaboración e amosar un propósito común e o apoio cidadán. Logo de que Pablo Iglesias e a Marea Atlántica ateigaran o Palexco da Coruña nun acto de campaña aos comicios locais, o recinto volveu encherse este sábado -aínda que non con tantas ringleiras como daquela- no acto das Cidades polo Ben Común que xuntou varios dos autodenominados "alcaldes e alcaldesas rebeldes". Con máis aire institucional, pero con semellante entusiasmo, e cun chamado a que "o cambio salte ao Estado" a que as experiencias municipalistas se espallen por todas as administracións. 

"Non imos pedir perdón por ter gañado as eleccións, nin imos perder o sorriso nin o rock and roll", reivindicou Martiño Noriega, alcalde de Santiago, que presentou o acto lembrando a Neira Vilas e Chao Rego e reivindicando "tecer rede e crear irmandade, como facían as Irmandades da Fala" e apostando por "máis marea". "Por nós non vai quedar para que o cambio se consolide no Estado e sexamos capaces de abrir unha fiestra para poder mudalo todo... Máis marea para mollar os pés dos tristes e deixar a praia limpa para as futuras xeracións", dixo. 

"É o momento", reivindicaron os alcaldes, que piden que as experiencias municipais "salten ao Estado" para un "cambio imparable"

"Estamos aquí porque queremos tecer alianzas para un cambio imparable", continuou Joan Ribó, rexedor de Valencia, que aludiu ao 15M, ás prazas e ao municipalismo "triunfante" do 24M. "Isto só acaba de empezar", continuou quen fixo un repaso polas novas políticas instauradas na súa cidade e reivindicando a pluralidade lingüística e cultural, a vivenda, a sanidade pública ou a loita contra a corrupción. "Chegou o momento, é o momento de dar o salto para que as nosas experiencias municipalistas salten ao Estado", insistiu. 

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, reivindicou o labor da Marea Atlántica porque fai "o que ten que facer" malia todos os atrancos e agradeceu a colaboración de Compostela e Ferrol. "Hai maneiras de facer país sen caer en localismos", continuou antes de pedir o apoio á coalición En Marea de cara ás eleccións xerais para conseguir aliados no Estado e continuar "coa marea imparable". "Xogámonos a vida o 20D", engadiu mentres o público berraba Hai Marea! e aplaudía os candidatos da candidatura de confluencia. "O PP vaino perder todo, o Goberno central en decembro e a Xunta o ano que vén", asegurou. "Galicia quere cambio, díxoo nas municipais e vaino dicir o 20D", insistiu.  

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, deu a benvida á "revolución cidadá" e apelou pola "unidade popular" que "pode vencer este réxime que é unha ditadura". Ademais, lembrou que a maioría de servizos básicos da súa cidade "están entregados a Florentino Pérez, o alcalde de facto de Ferrol". "Esa é a nosa loita para a remunicipalización", dixo. "Venceremos nós porque temos a dignidade da xente do común, da mobilización obreira, do activismo e da credibilidade de quen sempre estivo na rúa", continuou, porque "a xanela do cambio está aberta". "Sumémonos a esta Marea, á que debe representarnos a todos", pediu. 

Jorge Suárez apela á "revolución cidadá " e á "unidade popular" para "vencer este réxime"

A alcadesa de Barcelona, Ada Colau, fixo referencia á "dificultade" de gobernar ante os "poderes fácticos" e asumiu erros pero reclamou "cambiar as institucións" e mellorar en aspectos como a conciliación. "Estamos facendo historia, a historia das persoas normais tomando decisións polo ben común", incidiu quen apostou por "feminizar" a política coa presenza de máis mulleres e pediu solución á violencia machista. "A revolución democrática empezou nas cidades, como na República nos anos 30", concluíu e asegurou que o 20D "xogámonos moitísimo para defender todos estes proxectos municipalistas" e a "plurinacionalidade do Estado". "Esta marea fraterna ten que gañar as eleccións", engadiu. 

Na súa intervención, Rita Maestre, concelleira de Ahora Madrid na capital do Estado, apelou ao "sentido común" das candidaturas cidadás. "Empezamos por non roubar, algo básico", aclarou quen apostou por "traballar para a maioría da xente e non para os amigos minoritarios". "Non se enteraron aínda de que isto xa acabou, desde o 15M hai unha esixencia maioritaria de cambio na política", engadiu para apostar por que "as cidades van cambiar este país de países"

Pola súa banda, o alcalde de Cádiz, José González, Kichi, empregou o galego para lembrar as súas orixes por parte de pai e reivindicou o "dereito a ser feliz" a partir dun "presente sen medo" e a "defensa dos dereitos". "Guerra ás súas guerras, non no noso nome", engadiu quen fixo un alegato contra o belicismo e cargou contra Rajoy e Albert Rivera. "Se tantas ganas ten de ir á guerra, vaia vostede o primeiro". Ademais, Pedro Santisteve, rexedor de Zaragoza, pediu non renunciar á "alegría" e lembrou que "o medio cambiou de bando". 

Beiras, Yolanda Díaz, Antón Sánchez e Errejón apoiaron coa súa presenza os alcaldes municipalistas

O acto dos alcaldes reivindicou a nova política pero tamén virou en apoio ao "cambio" e á candidatura galega En Marea de cara ás xerais. Os deputados de AGE, Yolanda Díaz, Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez; o número un da lista na Coruña, Antón Gómez-Reino; a de Pontevedra, Alexandra Fernández e o número 2 de Podemos, Íñigo Errejón, entre outros, estiveron presentes. 

Foi o acto final dun encontro municipalista no que os gobernos locais da Coruña, Ferrol, Compostela, Barcelona, Madrid, Badalona, Cádiz, Zaragoza ou Valencia insistiron no "fortalecemento do traballo en común e en rede". Na creación dunha fronte común para o traballo diario e para a "busca de solucións conxuntas a problemáticas similares" e para "enriquecer o traballo con propostas alternativas".

Os gobernos locais insisten en facer rede e unha fronte común para a "busca de solucións conxuntas" 

Representantes municipais levaron a cabo varias mesas de traballo durante a fin de semana sobre temas como transparencia, seguridade e convivencia, emprego, economía social, consumo responsable, comunicación, igualdade e cultura. Deles xurdiron desde a creación de "mecanismos para aproveitar as experiencias" de cada concello, como a organización de "redes de traballo temáticas intercidadás" para novas políticas públicas ou a realización conxunta de estudos de análise.

 

O PP ameaza con denunciar ante a xunta electoral

Reivindicáronse os rexedores entre acusacións do PP de Galicia, que advirte que analizará se as candidaturas locais empregaron as institucións para actos partidistas. De ser así, tomarán medidas e denunciarano ante a xunta electoral. Paco Reyes, voceiro do PSOE en Santiago, cualificou de "inaceptable" que o alcalde Noriega organice "na casa de todos" un acto "claramente partidista e mesmo electoralista". 

PP e PSOE acusan os alcaldes das mareas de organizar actos "claramente partidistas" a través dos concellos

Íñigo Errejón, número 2 de Podemos, contestou antes do acto ao secretario xeral do PPdeG e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que foi quen advertiu da investigación dos actos e dunha hipotética utilización de fondos públicos. "Se queren investigar, eu investigaría o que se fai cos cartos públicos nalgunhas deputacións", dixo, en referencia ao caso Baltar, presidente provincial "que ofreceu un traballo a cambio de sexo e denigrou a dignidade de todas as mulleres". 

"Pensa o ladrón que todos son da súa condición", dixo Noriega en referencia ás acusacións de Rueda

"Non dixo Rueda que hoxe tivemos encontros institucionais porque estes alcades representan a oito millóns de cidadáns. Durante todo o día viaxamos en transporte público e foi a Marea quen pagou o aluguer do Palexco. Pensa o ladrón que todos son da súa condición", respondeu tamén Martiño Noriega. Xulio Ferreiro, pola súa banda, lembroulle ao PP que o acto "pagouse cos cartos da plataforma cidadá" e fíxose "grazas ao esforzo da xente dela". "Deixe de disparar ao aire, señor Rueda; somos novatos e non sabemos nin enchufar nin pedirlle á Gürtel que nos pague os mitins", rematou. 

Alcaldes e representantes municipais, no tren camiño de Compostela © Concello da Coruña
Xulio Ferreiro diríxese ao auditorio no acto © Marea Atlántica

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.