Os cargos públicos 'irmandiños' só serían tránsfugas se deixan de apoiar o BNG

Noriega recibe o bastón de mando ao ser reelixido alcalde de Teo CC-BY-SA Concello de Teo

Unha cuestión política ou mesmo ética, pero non legal. Unha das cuestións máis espiñentas que están sobre a mesa tras a marcha do Encontro Irmandiño das filas do BNG é o futuro dos cargos públicos ostentados por membros do partido que lidera Xosé Manuel Beiras, aos que accederon como candidatos do Bloque. O pasado luns, o propio Beiras, comezaba a abordar este asunto co portavoz nacional da formación frontista, Guillerme Vázquez, e co seu candidato á Xunta, Francisco Jorquera, e semella que haberá novas xuntanzas. En caso de non haber acordo, o futuro dos postos destes edís dependerá unicamente da vontade dos 'irmandiños' e, atendendo á lexislación vixente, o Bloque tería difícil a súa declaración como tránsfugas, mesmo se, como ten indicado Jorquera, abandonan o seus actuais grupos municipais para pasaren ao grupo mixto.

Son tránsfugas?

Un dos casos que, a priori, se presenta como máis problemático é o do Concello de Teo, gobernado con maioría absoluta polo irmandiño Martiño Noriega. Atendendo á doutrina da Comisión de Expertos do Pacto Antitransfuguismo, Noriega ou algún dos seus concelleiros se converterían en tránsfugas se deixan o grupo do BNG e, xa dende o mixto, apoian, por exemplo, a PP ou PSOE para que gobernen o municipio. Acontecería o mesmo se, con independencia da súa militancia, Noriega non renunciase á súa acta e algúns dos seus edís manobrasen para retirar o irmandiño da alcaldía, outorgándolle a un membro doutro partido.

Que acontece se renuncian?

Dado que a acta de concelleiro pertence a cada edil e non á formación pola que se presentou ás eleccións municipais -no caso do Bloque, ademais, engádese a circunstancia particular de que non é un partido, senón unha fronte deles-, a única vía para que o BNG poida dispoñer dos postos de membros do EI é que estes renuncien. Nese caso, segundo establece a Lei de Réxime Electoral Xeral (Lorex), cada escano "atribúese ao candidato ou, no seu caso, ao suplente da mesma lista a quen corresponda, atendendo á súa orde de colocación".

A Lorex tamén contempla o que cómpre facer no caso de que unha renuncia en masa de edís deixe a lista sen "candidatos ou suplentes a nomear". Se iso se produce, "as vacantes serán cubertas por calquera cidadán maior de idade que non estea incurso en causa de inelixibilidade". "Estes suplentes serán designados polo partido (...) cuxos concelleiros teñan que ser substituídos", explica o texto legal. Na práctica, suporía que o BNG elaboraría unha nova lista para cubrir as baixas ata o remate do mandato.

Hai lugar á moción de censura?

Outra vía para o relevo dos irmandiños, á máis improbable, sería a derivada dunha situación de absoluta hostilidade entre os partido de Beiras e o BNG. Neste caso quedaría a opción da moción de censura, aínda que coas limitacións que establece a recente reforma da lexislación electoral. Regresando ao caso de Teo -única alcaldía irmandiña-, esta moción tería que ser impulsada por edís do BNG aliados con outros grupos políticos do Concello, no que sentan seis concelleiros do PP, unha do PSdeG e un independente. Ao propoñer a moción edís que "forman parte do grupo político municipal ao que pertence ao alcalde", a maioría absoluta precisa para a moción "veríase incrementada no mesmo número de concelleiros" do Bloque que se propuxesen desaloxar a Noriega, un suposto que converte esta operación practicamente en política ficción.

Noriega recibe o bastón de mando ao ser reelixido alcalde de Teo CC-BY-SA Concello de Teo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.