Os ecosocialistas ven o resultado de AGE coma "o éxito da unidade e da transversalidade"

Xuntanza do Consello Político Nacional do Espazo Ecosocialista © Espazo Ecosocialista

Espazo Ecosocialista celebrou unha reunión do seu Consello Político Nacional para analizar os resultados electorais do 21-O, en especial os obtidos pola Alternativa Galega de Esquerda, coalición da que formou parte. EE celebrou o "resultado espectacular" acadado por AGE "con poucas semanas de existencia e con escasos recursos", salientou que "a irrupción de AGE demostra a necesidade de novos referentes para a cidadanía, recolle parte da desafección que doutro xeito tería amplificado a vitoria electoral do PP e, sobre todo, osixena un Parlamento necesitado de maior pluralidade política" e engade que "os resultados nas cidades, que a sinalan como segunda forza nalgunha delas, sinala a conexión de AGE cos sectores máis dinámicos do país, especialmente coa mocidade".

"Os resultados nas cidades, que a sinalan como segunda forza nalgunha delas, sinalan a conexión de AGE cos sectores máis dinámicos do país, especialmente coa mocidade"

Con todo, a formación lamenta que "non fomos quen de conseguir o noso principal obxectivo, que era botar fora do goberno ao PP e parar as políticas de dereitas, moi pola contra esta sae reforza institucionalmente". E esixen que se fai "cada vez máis necesario que nunca unha reforma electoral que achegue ao máximo a proporción elector/voto de xeito que a cidadanía recupere a confianza na participación electoral".

Os ecogaleguistas salientan que "AGE recolleu votos desafectados da esquerda e do nacionalismo, ou dito doutro xeito, recolle antigos votantes do PSdG e do BNG pero a través de un proceso de abandono previo". De igual xeito fan fincapé na importancia da superación "da división nacionalismo/non nacionalismo a través dun proxecto nacional" sobre todo "nunha etapa na que o eixo social e democrático adquiren preponderancia" e chaman a "seguir avanzando en maiores graos de unidade".

EE chama a "construír novos paradigmas culturais sen necesidade de binomios artificiosos, paradigmas centrados na defensa do ben común (esquerda transformadora) e das liberdades (radicalidade democrática), incluída a defensa do autogoberno, pero non situado en debates abstractos senón concretos. Soberanismo entendido no século XXI non coma unha aposta de independencia tal como se formulaba hai 50 anos senón como o dereito a decidir nun marco global de soberanías compartidas e onde os grados de relación: federal, confederal, ... iranse fixando en funcións dos intereses das persoas (soberanismo cívico)".

Os ecogaleguistas salientan que "AGE recolleu votos desafectados da esquerda e do nacionalismo, ou dito doutro xeito, recolle antigos votantes do PSdG e do BNG pero a través de un proceso de abandono previo"

Finalmente destacan que a coalición AGE debe asentarse "nunha nova cultura cooperativa da esquerda plural e aberta onde convivan a esquerda independentista, a esquerda federalista e a esquerda nacional renovadora, construíndose de xeito estable e ligada aos movementos e organizacións sociais para canalizar as súas demandas e propostas".

Xuntanza do Consello Político Nacional do Espazo Ecosocialista © Espazo Ecosocialista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.