Pablo Crespo, de home do maletín no PPdeG a cerebro da Gürtel

Pablo Crespo © Marta Jara

Segundo que bando conte a historia, a carreira política de Pablo Crespo Sabarís (Pontevedra, 1960) truncouna unha auditoría ou as vellas guerras intestinas do Partido Popular en Galicia. Poida que houbese un pouco de todo na súa saída ás présas do PP en 1999.

Até daquela, durante case un lustro, este ex-director de sucursal de Caixa Galicia en Vilagarcía de Arousa exercera como secretario de Organización dunha maquinaria electoral infalible. A seguinte época, cando o PP deixou de ser o seu partido para converterse no seu mellor cliente, foi aínda mellor para el: como lugartenente de Francisco Correa na trama que agora xulga a Audiencia Nacional chegaron os iates, os chalés, os coches e a colección de reloxos.

Cando o PP deixou de ser o seu partido para virar no seu mellor cliente, foi aínda mellor para el; chegaron os iatos, os chalés e os coches

Fagamos un pouco de memoria.  A finais dos 90, o PP converteuse en Galicia nunha réplica do PRI mexicano que arrasaba en todos os procesos electorais, gobernaba a Xunta e as deputacións e impregnaba a maior parte do tecido social.  Xa fosen clubs de fútbol, asociacións veciñais, comisións de festas ou confrarías de pescadores, sempre había un home do partido á fronte.

O PP, o Goberno e o que se deu en chamar sociedade civil confundíanse e nese contexto até parecía comprensible que o home forte da Xunta, o eterno golfiño de Fraga, Xosé Cuiña, compatibilizase a secretaría xeral do PP galego e a carteira de Obras Públicas no Goberno autonómico.

Cuiña elixiu a Crespo para ocuparse das cousas do diñeiro, un dirixente discreto fillo de con quen traballara na Deputación

Foi precisamente nesa era, en plena orxía de investimentos en estradas, portos e autoestradas cos fondos chegados de Europa, cando Cuiña buscou a alguén de confianza para ocuparse das cousas do diñeiro. Elixiu a Crespo, un dirixente discreto con cuxo pai traballara na Deputación provincial, dunha boa familia de Pontevedra. Un home sen pasado político, con escasa formación -apenas un ano de Dereito- pero afeito a tratar desde a caixa con empresarios da península do Salnés nas Rías Baixas, coñecida polo turismo, a pesca... E tamén o contrabando de tabaco e o tráfico de drogas.

Traballando desde as sombras

Durante a súa etapa de número 3 do PP galego non deu roldas de prensa, non fixo traballo parlamentario, apenas tratou cos alcaldes. En linguaxe corrente: era o home do maletín. Correron lendas atroces sobre o financiamento daquela época de maiorías absolutas do PP en case todas as institucións galegas.

Como número 3 do PP non deu roldas de prensa, non fixo traballo parlamentario e apenas tratou cos alcaldes: era o home do maletín

O partido concentraba cada ano a 30.000 persoas na cima dun monte para comer polbo, empanada e escoitar un mitin, sen que ninguén preguntase quen pagaba a factura. Poucas fotos representaron mellor unha exhibición de poder que a do presidente José María Aznar falando por teléfono con George W. Bush desde a caseta dunha desas romarías.

A prensa galega nunca reparou demasiado naqueles excesos e as denuncias da oposición foron esmagadas sistematicamente polo rolete parlamentario. Se alguén tivese investigado, non sería difícil concluír que aquelas festas montábaas un dirixente espigado, peiteado cara atrás e con pinta de rico madrileño, chamado Paco Correa.

"O 65% do diñeiro das campañas, en negro"

Tivo que pasar unha década longa e tres anos de cárcere para que Crespo, acusado dunha lista interminable de delitos como un dos xefes de Gürtel, develase os segredos económicos do PP de Fraga en 2013 a Jordi Évole no programa Salvados: "Declarabamos que nas campañas gastábanse 1,2 millóns de euros, cando en realidade custaban tres ou catro. Recibía doazóns que non se declaraban. Cada ano, polo menos uns 300.000 euros, o cal se incrementaba moitísimo en campaña. Entre un 35% do diñeiro era regular e o 65% era irregular, non declarado, por así dicilo. Metíase nuns cartafois de cartón azul con gomas que había hai anos. Era diñeiro non declarado. Era parte do meu traballo, eu tiña que coidar que eses donativos que chegaban non se perdesen polo camiño. A organización por dentro funcionaba así e até hai pouco seguía facéndoo. O meu traballo era conservar a estrutura aboiando, que a xente cobrase a fin de mes e os provedores cobrasen a fin de mes. Eu era consciente de que eran métodos irregulares".

Grazas a esa engrenaxe perfecta, Crespo puido entregar 21 millóns de pesetas ao daquela tesoureiro do PP, Álvaro Lapuerta, tal e como deixou escrito Luis Bárcenas nos seus papeis.

Todo o sistema veu abaixo en 1999 como consecuencia da eterna batalla interna que malia aos éxitos -ou talvez por eles- libraban as dúas faccións históricas do PP galego: o sector do birrete, encarnado por dirixentes conservadores da Galicia urbana como Mariano Rajoy e José Manuel Romay Beccaría; e a facción da boina que encabezaban políticos como o propio Cuiña ou José Luis Baltar, que controlaban gran parte do territorio rural e as deputacións e mesmo presumían de ser caciques bos preocupados polos seus veciños.

A sorpresa chegou cando Palmou solicitou un informe das contas ao chegar: malia as achegas de empresarios, o PPdeG estaba en números vermellos

A finais do milenio, Fraga decidiu que Cuiña acumulara demasiado poder e decidiu apartalo do control do partido. Na secretaría xeral o presidente fundador do PP colocou outro home da súa confianza, Xesús Palmou, quen nada máis chegar solicitou un informe sobre as contas.

Aí empezaron as sorpresas. A pesar das xenerosas achegas dos empresarios da obra pública, o partido estaba en números vermellos. E entre as supostas débedas acumuladas figuraba unha declaración xurada de Pablo Crespo na que advertía que se debían 300.000 euros a Special Events, a empresa de Francisco Correa.

Entre as débedas do partido, unha declaración xurada de Crespo que advertía de que se debían 300.000 euros a Special Events

Palmou contou daquela a Fraga que non había documentación que apoiase ese pagamento e esixiu o despedimento de Crespo, que -cousas da vida- mudouse a Madrid a traballar en Special Events da man de Correa. "Presentoumo Cuiña, díxome que era ouro molido", contou Correa ao xuíz este mes noutra das súas medias verdades.

A trama xa non volveu operar co PP galego. O último traballo foi unha campaña de promoción da carne, tras a crise das vacas tolas, que financiou a Xunta a través da Consellería de Agricultura no ano 2000.

Cando estoupou o caso Gürtel, en 2009, Fraga advertiu desde o seu retiro no Senado: "Á persoa que mencionou, ceseina inmediatamente  e iso que fora proposto por un gran home de Galicia como foi o señor Cuiña. El tería todo o coñecemento, eu non, e en canto souben algo boteino", despexou as preguntas dos xornalistas.

Chamadas de Bárcenas a Galicia

Na sede do PP galego aínda algúns traballadores lembran as chamadas de Bárcenas a principios de 2000 preguntando por que se rompeu a relación con Correa e as súas empresas, que xa daquela andaban coma calquera pola sede madrileña de Génova 13.

Na sede do PPdeG aínda se lembran as chamadas de Bárcenas en 2000 preguntando por que se rachara a relación con Correa

O resto da historia está escrita nun sumario que acumula decenas de miles de páxinas e polo que desfilarán como testemuñas os representantes da plana maior do PP nos anos 90, agás Aznar.

Para Crespo, o dirixente que esta semana apenas lembraba nada no xuízo que se celebra na Audiencia Nacional, o home que atribuíu a macrocausa a un invento do ex-ministro socialista Alfredo Pérez Rubalcaba "e uns policías amigos", a Fiscalía solicita 85 anos de cárcere por unha morea interminable de delitos: "fraude continuada ás Administracións Públicas, suborno activo continuado, falsidade continuada, malversación de caudais públicos continuada, delito continuado de malversación en concurso con delito de prevaricación continuada, delito contra a Facenda Pública polo concepto de IRPF de 2003 e 2004, branqueo de capitais, tráfico de influencias continuado, delito continuado de fraudes e exacciones ilegais ás Administracións".

Crespo, ao contrario que Correa, só recoñece fraude fiscal e dá por feita a condena aínda que confía no Supremo

A súa defensa, que se desmarcou da estratexia de Correa de admitir as mordidas dos empresarios a cambio de contratos e a maior parte de ilegalidades que recolle o escrito de Anticorrupción, só recoñece a fraude fiscal. Tal e como dixo o propio Crespo a Évole: "Fomos un pouco laxos en materia tributaria e non pagamos cousas que tiñamos que ter pagado".

O antigo cerebro das finanzas do PP galego dá por feita a condena na Audiencia Nacional, pero garda a esperanza, segundo contou aos seus, de que o Tribunal Supremo poida tirar abaixo o caso.

Hai dirixentes convencidos de que Crespo podería contar moito, como os sobresoldos que recoñeceu pagar a varios políticos do PPdeG

Das guerras fratricidas do PP galego, que se pecharon en 2006 coa proclamación de Alberto Núñez Feijóo como líder do partido en substitución de Fraga -o triunfo definitivo dos birretes- non quedan brasas. Só un círculo de dirixentes en horas baixas, convencidos de que se Crespo quixese, tería moito que contar. Por exemplo, os sobresoldos que recoñeceu pagar a varios políticos do PP galego "co coñecemento da dirección do partido", cando Rajoy era secretario xeral. De momento, Crespo decidiu calar. E Cuiña, o seu mentor, faleceu en 2007.

Tampouco fala a caixa de seguridade que gardaba nun banco de Pontevedra. Cando a fiscal preguntoulle esta semana a Crespo que había nela,  o gardián das finanzas do PP galego nos noventa respondeu que papeis das empresas de Correa e unha colección de reloxos. Ah, "e algo de cartos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.