Pablo Crespo: "No PPdeG dos 90 era normal recibir doazóns en metálico"

Pablo Crespo © Marta Jara

Pablo Crespo, o número dous da trama Gürtel, pasou tres anos en prisión preventiva en relación á súa participación nas empresas da trama de Francisco Correa. Na actualidade, está a esperar a celebración do xuízo. Agora, decidiu dar o paso de empezar a falar cos medios de comunicación. Neste contexto recibe a eldiario.es nun céntrico hotel madrileño. É a primeira entrevista, pero non será a única. Crespo cansou de calar e asegura sentirse un chibo expiatorio.

O que foi lugartenente de Francisco Correa defende a legalidade dos seus actos e afirma que as súas empresas prestaban servizos polos que recibían un pago a prezo de mercado. Crespo, que foi número tres do PP galego cando Manuel Fraga gobernaba Galicia, pon en dúbida a legalidade dos sistemas de financiamento dos partidos. El viviuno de preto, e recoñece participar en entregas de diñeiro en efectivo ao tesoureiro do PP sen que mediase recibo nin maiores aclaracións sobre a procedencia das doazóns.

Por que estivo vostede tres anos no cárcere?

Estiven tres anos inxustamente encarcerado porque nin o caso nin os feitos o merecían. Pero esa é a realidade. Aí estiven 1.090 días. Se todo ese tempo en prisión é moi duro para calquera, estar no cárcere preventivo e sen xuízo é extraordinariamente duro e inxusto. Non só para min, para calquera persoa. Xa me gustaría a min que a Fiscalía se ocupase de defender os dereitos do acusado no meu caso como o fixo con Miguel Blesa.

O xuízo espérao con ganas ou con medo?

Espero con moitísimas ganas o xuízo, e medo ningún. Medo só teño á inxustiza.

Que fixo eses 1.090 días entre reixas?

Son unha persoa metódica. Leveino con bastante dignidade e puiden non só estar entretido, senón axudar a moita xente alí dentro. En prisión hai xente que pasa moita necesidade, sobre todo no aspecto xurídico, e eu no ámbito dos recursos penais puiden axudar a moita xente.

"Somos os cabezas de turco dunha operación nacida no Ministerio do Interior en 2006 e perfectamente planificada"

Séntese cabeza de turco neste proceso?

Eu creo que, sen dúbida, nós somos os chibos expiatorios dunha operación que naceu nos despachos políticos do Ministerio do Interior no ano 2006 e que foi perfectamente planificada polos seus ideólogos. Desatouse o 6 de febreiro de 2009, cando nos meteron nos calabozos de Moratalaz mentres o señor Garzón se dedicaba a unha fin de semana de gatillo e alegría cos seus amigos, entre os que estaba o ministro de Xustiza naquel momento e o comisario xefe da Policía Xudicial, como xa se sabe.

En prisión estivo acompañado de Francisco Correa. Tivo que coidalo?

O que fun para Francisco Correa é un apoio, igual que el o foi para min. É a relación de dous amigos no medio dunha gran desgraza.

Por que decidiu agora saír aos medios e falar despois de tanto tempo?

Creo que é o momento de empezar a pelexar os informes policiais, os informes da Axencia Tributaria, as acusacións moitas veces infundadas e sen base que se fixeron e, sobre todo, de combater o que é o impacto mediático que este caso tivo, e é bo que a xente saiba a verdade.

"Nós non somos as empresas Gürtel. Somos un grupo de empresas normais e correntes"

Que é o caso Gürtel?

É o caso dun grupo de empresas que tiñan como principal cliente ao Partido Popular e que se viron envoltas nun escándalo dunhas dimensións absolutamente desproporcionadas. Nós non somos as empresas Gürtel. Somos un grupo de empresas normais e correntes, como tantas outras neste país.

Que o seu cliente principal fose o PP complicoulles a vida?

Como o que se ía buscando era o financiamento irregular do Partido Popular... Ou a relación do señor Correa con determinados cargos do Partido Popular. Se non houbese esta relación, toda esta cuestión limitaríase a unha inspección da Axencia Tributaria por temas fiscais que se resolvería nese seo, como sucede día a día con moitas outras compañías que tampouco son tramas organizadas.

Seguen existindo as súas empresas?

As empresas foron clausuradas por orde de Baltasar Garzón. Os traballadores han ir todos ao paro, moitos deles imputados sen ningún tipo de responsabilidade. Baixo a tutela xudicial as empresas non existen por non dicir que se lles causou un importante prexuízo patrimonial.

Que relación ten vostede co señor Camps?

Eu non coñezo o señor Camps, vino só dúas veces na miña vida, nunha delas el estaba na sala de vistas do TSJ de Valencia e eu fun declarar como testemuña. Nin o trato nin teño relación con el. A persoa coa que tiña relación en Valencia era o señor Álvaro Pérez, pero ningunha relación estraña como se dixo.

Camps di que pagou os seus traxes. Mente?

Non.

"Os agasallos son algo normal no ámbito de calquera compañía, gastos que se fan nas relacións comerciais cos clientes"

Cando a vostede lle chegaba unha factura dun bolso Louis Vuitton a Rita Barberá, que pensaba?

Son gastos que se fan nas relacións comerciais con clientes. Pero debo matizar que xamais fixemos un obsequio a un cliente como contraprestación a algún traballo que nos outorgaron ou a algún concurso público que gañásemos. No ámbito de calquera compañía, os obsequios son algo normal.

Xa, pero o PP non é unha empresa. Non comprende que á xente pódelle parecer desmedido esa listaxe de agasallos a cargos públicos?

Podo comprender que en función dos titulares que se dean, xere máis ou menos escándalo. Que un bolso de luxo ou un reloxo poidan parecer un escándalo dependerá moito do volume de negocio que ese cliente teña coa compañía. Iso é unha cuestión absolutamente relativa. E, repito, ningún obsequio se fixo a cambio de nada.

Non eran só agasallos de representación. Pagarlle a Ana Mato os aniversarios dos nenos entra na normalidade desa práctica empresarial? Isto como se explica?

O señor Sepúlveda era naquel momento secretario da área de organización do Partido Popular e eu non podo afirmar que iso se lle regalou a el. A señora Mato negou saber que iso fose un obsequio que non se pagou e o señor Sepúlveda recoñeceu que a súa señora non sabía nada diso. Era unha relación entre unha empresa provedora de servizos a un partido e un dos representantes da compañía [en referencia ao PP] que neste caso era o señor Sepúlveda. Como poderiamos ter ese detalle co director comercial de Endesa, porque nos daba eventos.

Que Ana Mato non saiba nada nin do Jaguar, nin dos pagos da festa de aniversarios dos seus fillos é comprensible?

Eu podo entender que en función de como se presente a noticia haxa xente que non o comprenda. Hai moita xente que cando decide cambiar de coche coméntalle á súa parella se o financia ou lle fai un desconto o concesionario. Hai outros que decidiron comprar un coche e non lle explican á súa parella como o compran. Ou ninguén llo pregunta. Podo entender á xente que teña dúbidas sobre iso, pero tamén podo entender o que dixeron a señora Mato e o señor Sepúlveda.

Falemos de Aznar. Soubemos que as empresas da trama regalaron servizos ao expresidente na voda da súa filla. Por que?

Matizando que eu me incorporei con posterioridade, eu si sei que o señor Correa e o señor Agag eran moi amigos nesa etapa. O certo é que o señor Correa foi testemuña na voda do señor Agag, o que xa dá medida da amizade que tiñan. Eu iso sitúoo no típico obsequio de voda que se fai cos medios propios dunha das compañías do amigo. Pode parecer caro, moito, pouco? Sitúese vostede no ámbito da voda, no ámbito dunha amizade e na facilidade que teñen determinadas persoas para facer un agasallo utilizando os seus propios medios.

Agora Alejandro Agag di que o señor Correa era un invitado máis á súa voda.

Se o di o señor Agag, eu pouco máis podo dicir. El era convidado e era testemuña.

"Correa relacionouse con xente de moito nivel, pero cando faleceu seu pai con el en prisión, no enterro había 14 persoas"

Están a negalos no PP os que antes estaban tan preto de vostedes?

Cada persoa na vida responde os seus actos e os seus valores persoais e a súa actitude determina a súa personalidade. Eu xamais neguei a un amigo, por mal que lle fose. O señor Correa e eu mesmo tivemos moitos amigos no Partido Popular. O señor Correa relacionouse con xente de moito nivel e, con todo, cando faleceu o seu pai con el en prisión, no enterro do seu pai había 14 persoas. Creo que se non lle sucedese o que lle sucedeu, sería un enterro moi concorrido. A vida é así.

Centrémonos en Rajoy. Pagáronlle unha viaxe de luxo a Canarias?

Eu recordo que ao finalizar as eleccións de 2004, desde Xénova pedíronnos algún tipo de servizo que non sei se era relacionado co señor Rajoy directamente ou coa súa familia. O que non recordo é se iso está pago ou non, pero, en calquera caso, ben seguro a policía debe ter información diso. Se analizaron até de canto os papeis da compañía, imaxínome que iso tamén estará.

Non sabe se se lle regalou esa viaxe a Rajoy?

Non o lembro porque son moitos datos e moita documentación a que hai da época. Pero, repito, se está sen pagar, ten que figurar nalgún informe da policía.

Vostede é de Pontevedra. Foi secretario de organización do PP en Galicia. Cal foi a súa relación co presidente do Goberno?

Eu coñézooo, pero non tiven unha relación persoal co señor Rajoy. Coñézoo como nos coñecemos todos os que somos dunha cidade pequena.

E o seu pai?

Meu pai tivo unha relación directa con Rajoy na etapa na que ocupou a vicepresidencia da Xunta de Galicia. Concretamente foi o xefe do seu gabinete.

"É certo que eu lle entreguei, como secretario de Organización do PPdeG, 21 millóns de pesetas ao tesoureiro nacional do PP"

Cando vostede era número tres do PP galego pagou 21 millóns de pesetas en metálico ao tesoureiro do PP Álvaro Lapuerta. Era normal no PP pagar esas cantidades en metálico?

Polo menos naquela etapa érao. Eu creo que o financiamento dos partidos é posible que fose pouco trasparente. É algo no que coincide case todo o mundo e supoño que, nesa medida, o Lexislativo terá que regular iso dalgunha forma se a actual non parece satisfactoria. Naquela época, si era normal recibir donativos en efectivo. É certo que eu lle entreguei, no meu papel de secretario de Organización do partido, 21 millóns de pesetas ao tesoureiro nacional do PP, concretamente a Álvaro Lapuerta.

Álvaro Lapuerta deulle un recibo por aquel pago?

Non. Ambos os dous eramos conscientes de cada unha das posicións respectivas e non era necesario.

"Os feitos estarían prescritos, así que dicir o nome dos empresarios só serviría para engadir mala fama a xente que quixo axudar o PPdeG"

Quen eran os empresarios que lle entregaron ese diñeiro?

Aí houbo donativos de todo tipo. Non só de empresarios. Había donativos de particulares tamén. Os feitos aos que se refire esta información de revestir algunha tipoloxía delituosa estaría prescrita, polo tanto o feito de que eu mencionase eses empresarios só serviría para engadir mala fama a xente que o fixo con absoluta claridade naquel momento para axudar o Partido Popular. Do mesmo xeito que o fixeron co Partido Popular non lle caiba ningunha dúbida que o fixeron con outros partidos políticos.

Pídolle sinceridade na seguinte resposta. Fináncianse os partidos políticos estritamente de acordo coa lei?

Eu creo que non. Pero creo que esa é unha materia que excedería do ámbito desta entrevista e mesmo do ámbito de determinados temas que eu hei de declarar no seu día en sede xudicial.

Pablo Crespo CC-BY-SA Marta Jara

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.