Pablo Iglesias ofreceu ante un público entregado o seu primeiro discurso como secretario xeral de Podemos. Un discurso inzado de referencias emotivas á curta aínda que intensa existencia do partido que lidera, pero que se centrou en ofrecer un bosquexo de cales serán as políticas que porán en marcha cando, como anticipou, “gañemos en novembro do próximo ano”. Entón, advertiu, “comezarán as dificultades de verdade”.
Nunha votación na que participaron 107.488 persoas de de as 251.998 inscritas, Iglesias foi elixido secretario xeral co 88,6% dos votos emitidos, 95.311. Un 8,47% (9.101) fixérono en branco. O equipo de Iglesias, 'Claro que Podemos', tamén copou os órganos internos: o Consello Cidadán e a Comisión de Garantías Democráticas, sendo Íñigo Errejón o candidato máis votado.
Nunha votación na que participaron 107.488 persoas de de as 251.998 inscritas, Iglesias foi elixido secretario xeral co 88,6% dos votos emitidos
Iglesias arrincou a súa intervención cun longo agradecemento ás persoas e representantes de organizacións que acudiron este sábado ao teatro Nuevo Apolo de Madrid. A portavoz de Guanyem Barcelona, Ada Colau; a deputada valenciana de Compromís, Mónica Oltra, ou un representante do Goberno palestino levaron as maiores ovacións dos asistentes. Tamén destacou a presenza de Joan Herrera e Ernest Urtasun (ICV), Rubén Sánchez (Facua), Oskar Matute (Alternatiba-Amaiur), José Antonio Pérez Tapias (PSOE), Manolo Monereo (IU), representantes da marea verde e da marea branca e dos galegos Yolanda Díaz e Martiño Noriega (AGE) ou do activista coruñés Anton Gómez-Reino, Tone.
Antes, o líder de Syriza, Alexis Tsipras, ofreceu un longo discurso no que chamou a todos os países do sur a ter esperanza en que as cousas van cambiar. “Antes preguntábannos a nós que iamos facer con Merkel cando cheguemos ao poder; agora pregúntanlle a Merkel que vai facer cando cheguemos nós”, asegurou Tsipras entre aplausos do público.
Iglesias ofreceu un discurso lonxe do ton mitineiro propio de actos de proclamación coma o que se celebraba hoxe. “Axitar o medo é unha mala estratexia”, aconsellou o secretario xeral de Podemos aos seus rivais desde un escenario onde volveu a soar L'Estaca de Lluís Llach como peche de festa, acompañada da canción de Mercedes Sosa Todo cambia. “Non é o que o medo estea a cambiar de bando, é que o sorriso tamén está a cambiar de bando. Cando vos insulten e difamen sorride, porque imos gañar”, pediulles Iglesias aos seus seguidores.
“Non é o que o medo estea a cambiar de bando, é que o sorriso tamén está a cambiar de bando. Cando vos insulten e difamen sorride, porque imos gañar”
O líder de Podemos asegurou que ninguén debería ter medo ao seu partido, xa que Podemos non é o culpable do alto índice de paro, da pobreza infantil, do desmantelamento dos servizos ou de que a débeda excedese o 100% do PIB e reiterou a que será unha das propostas estrela do seu programa electoral e quizais a que foi máis contestada polos seus adversarios: unha auditoría que permita determinar que parte da débeda é lexítima para negociar unha reestruturación, porque “é a mellor solución”.
Inmediatamente, Iglesias saltou ao segundo grande eixo da súa proposta. “Dinnos que vivimos por riba das nosas posibilidades e dicimos que non. Dinnos que hai que facer máis recortes para ser competitivos, pero iso vai crear máis deflación e menos investimento interno”, expuxo Iglesias, para explicar a solución que propón Podemos: “O problema non é reducir os gastos, senón aumentar os ingresos”. Iglesias prometeu modificar o sistema tributario español. “Fai falta diñeiro”, recoñeceu. “Imos propor unha reforma fiscal para que paguen os que máis teñen e para deixar de depender do financiamento dos mercados internacionais”. O líder de Podemos relacionou directamente a inequidade coa corrupción: “A corrupción non ten que ver con mazás podres; ten que ver con non pagar impostos e democratizar a economía”.
“O problema non é reducir os gastos, senón aumentar os ingresos”
Como terceiro eixo, un novo sistema produtivo: “Un modelo precario e e improdutivo non o cambiaremos sen un plan de desenvolvemento integral que nos saque do ladrillo”. Estas medidas son, en opinión de Iglesias, as que asustan aos poderosos, “aos oligarcas do réxime e aos seus partidos”. “Quen ten que ter medo? Os que non pagan impostos”, resolveu entre aplausos.
No seu primeiro discurso como secretario xeral, Pablo Iglesias entrou tamén en dous asuntos nos que Podemos foi acusado de se por de perfil: o aborto e o encaixe de Cataluña no Estado. O primeiro asunto resolveuno cunha frase concluínte: “Defendemos que a muller poida elixir cando ten os seus fillos”.
“España é un país de nacións. Por iso defendemos o dereito a decidir e apostamos por un proceso constituínte”
No segundo detívose máis tempo. “Non somos tan diferentes”, asegurou Iglesias mentres debullaba o número de multimillonarios que hai en Cataluña e en Madrid. En opinión do líder de Podemos, PP e CiU comparten unha defensa das minorías poderosas en contra da maioría social e advertiu tamén contra a 'esquerrovergencia', en referencia a unha posible coalición entre Convèrgencia e ERC. Sobre o futuro de Cataluña, Iglesias deixouno moi claro: “España é un país de nacións. Por iso defendemos o dereito a decidir e apostamos por un proceso constituínte”.
Por último, Iglesias referiuse á UE. “Converteron Europa nun pesadelo oligárquico”, dixo, para prometer "recuperar Europa para os cidadáns, para os traballadores e traballadoras. E recuperar aquilo do que somos fillos: liberdade, igualdade e fraternidade”.