Pachi Vázquez celebra que o PSOE avale as primarias galegas, malia non ser vinculantes

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, celebrou este sábado que o Comité Federal do PSOE dea vía libre á celebración dunhas primarias na formación galega para elixir o seu secretario xeral. Así, agradeceu á Executiva Federal que dese o seu aval a este método, que será ratificado hoxe mesmo.

"Sen dúbida ningunha, o próximo secretario xeral ou secretaria de Galicia será o que alcance a maioría nesa consulta", di Vázquez

Pachi Vázquez, á súa chegada ao Comité Federal,  destacou que as eleccións internas aumentan os dereitos dos militantes e non conculcan os de ninguén e supoñen "un paso máis de liberdade e de democracia" do que sente "profundamente satisfeito". "Sen dúbida ningunha, o próximo secretario xeral ou secretaria de Galicia será o que alcance a maioría nesa consulta", dixo cando se lle preguntou polo feito de que, aínda que a dirección socialista apoia as primarias, establece que o seu resultado non será vinculante.

Neste sentido, asegurou que a dirección socialista apoiou exactamente a mesma redacción que defendeu a federación galega respecto das primarias. "O regulamento non ten nin unha coma máis nin unha coma menos, é literalmente como o propuxo Galicia", resolveu. Preguntado se o próximo secretario xeral do PSOE tamén debería xurdir dunhas primarias, Vázquez limitouse a comentar que iso o tería que aprobar o Congreso Federal do partido.

O PSOE aclara que a consulta será "experimental e non vinculante"

A Comisión Executiva Federal do PSOE deu este venres luz verde á celebración dunha consulta, ao modo dunhas primarias, no PSdeG para elixir ao seu próximo secretario xeral, un procedemento que non reflicten os estatutos do partido, de modo que deixa claro que este procedemento é "experimental e non vinculante". Así figura nunha proposta de resolución que deberá ratificar neste sábado, no Comité Federal, máximo órgano do partido entre congresos.

Pachi Vázquez, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.