Pachi Vázquez evita a confrontación con Espinosa, que reivindica a súa "independencia"

Vázquez, con membros do grupo parlamentario do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Unha batalla paralela sen máis contacto ca o inevitable, na recta final. Este semella ser o esquema escollido polos dous aspirantes á secretaría xeral do PSdeG, o actual líder socialista, Pachi Vázquez, e a ex ministra Elena Espinosa. Na primeira xornada con dúas candidaturas sobre a mesa, tanto quen aspira a revalidar o cargo como quen inicia a carreira evitaron lanzar dardos cara ao lado contrario -cando menos directamente-. A escasos cinco días do Congreso Nacional semella que a vontade dos dous políticos ourensáns é amosar músculo político en forma de apoios internos e lanzar mensaxes "en positivo" cara ao exterior.

"Todos imos ao mesmo, a construír", aseguraba Vázquez no inicio dunha maratoniana xornada que incluíu xuntanza co grupo parlamentario -no que conviven partidarios de ambas opcións-, encontro con algúns dos autores do relatorio marco da cita congresual e unha terceira reunión con alcaldes e alcaldesas de concellos pequenos. No día da estrea do seu lema para o Congreso, Galicia, o noso partido, o actual secretario xeral asegura non estar sorprendido pola chegada da candidatura de Espinosa, aínda que esta chegase a última hora. "O excepcional sería que non houbese outra" candidatura, di, xa que "nós non somos o PP", onde os cargos "se herdan de pais a fillos", ironiza.

"Ninguén pode decidir máis ca os delegados, e iso dáme forza", di Pachi Vázquez

Así e todo, e malia á luva branca que semella querer empregar ata o sábado, Pachi Vázquez non evita o que ben podería ser interpretado como unha mostra da retranca marca da casa en forma de mensaxe á súa rival. "Cando este partido vai a un congreso ninguén pode decidir máis ca os delegados, e iso dáme forza", asegura. Por este motivo, di, a cita congresual só pode "saír ben", porque "vai saír o que queiran os delegados" que "nunca se equivocan".

Mentres Vázquez realizaba estas declaracións ante a prensa no Parlamento, nun hotel compostelán Espinosa mergullábase en augas semellantes para tentar espantar un dos reproches que lle comezan a chegar dende a candidatura oposta. Antes de participar nunha xuntanza sobre políticas centradas nas mulleres, a candidata reivindicaba a "independencia total" da súa opción ou, o que é o mesmo, a inexistencia de mandos a distancia nas mans de, por exemplo, o ex ministro José Blanco ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Espinosa di ter contacto "continuo" con Orozco e Besteiro

Nesta liña, como xa fixera o propio ex titular de Fomento, Espinosa lembra que o lugués "non é delegado" no Congreso, polo que "non vai poder votar" por ningunha das dúas listas, o que non quita o seu "aprezo e cariño" a quen é "un gran compañeiro" e foi "un gran ministro para Galicia". Sen saír de Lugo, provincia clave na elección, a aspirante salientaba ademais a "amizade" que a liga tanto co alcalde da capital da provincia, José López Orozco, como co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. Se ben "teñen que responder eles" sobre se a apoiarán para ser secretaria xeral, salienta que o contacto con ambos é "continuo e telefónico".

Sen "división" tras o Congreso

Alén das mensaxes cruzadas, no que si coinciden os líderes das dúas candidaturas é en descartar "divisións" despois do Congreso. "Eu sempre buscarei un proxecto integrador no que caibamos todos" porque o contrario "non o permitirían os galegos", asegura Pachi Vázquez. "Están vendo como se pechan centros de saúde ou escolas e están agardando por unha alternativa forte no PSdeG". "Por primeira vez" en tres anos o PP "é vulnerable", asegura, polo que cómpre aproveitar ese "desgaste" para "volver gobernar este país".

Nesta liña, Espinosa mantén que o que se dirimirá no Congreso Nacional son "proxectos únicos que se poden encamiñar de diferentes xeitos", igual que se pode "ir a unha cidade dun xeito ou doutro". "Os delegados teñen que dicir cal é o camiño que lles gusta máis para cumprir os obxectivos que son comúns a todos os socialistas", asegura. O seu "desexo", conclúe, non é outro que facer do PSdeG a "alternativa que Galicia precisa para que todos os galegos poidan ter un porvir mellor". "Agora veno bastante negro", afirma.

Vázquez, con membros do grupo parlamentario do PSdeG CC-BY-SA PSdeG
Presentación da candidatura de Espinosa CC-BY-NC-SA @xuventudes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.