Podemos inicia o proceso para constituír a súa estrutura municipal e galega

Encontro cos veciños e veciñas da Gaiteira, na Coruña Dominio Público Podemos A Coruña

Podemos completou a pasada fin de semana o longo proceso da súa asemblea cidadá, que combinou os actos presenciais cos debates e votacións telématicas e que, coa elección de Pablo Iglesias como secretario xeral e dos integrantes dos restantes órganos (consello cidadán e comisión de garantías), dixo oficial a súa constitución como partido. De inmediato comezou unha segunda fase: a conformación das estruturas locais e autonómicas de Podemos, seguindo un modelo e unha metodoloxía semellantes ás empregadas no primeiro proceso. 

Cada unha das estruturas locais de Podemos (círculos) levará a cabo o seu proceso constituínte (de acordo co regulamento aprobado) de cara á conformación oficial destes círculos, que ata agora viñeron funcionando de maneira provisional. Do 16 de novembro ao 5 de decembro está aberto o proceso de presentación de candidatos e candidatas á Secretaría Xeral e ao Consello Cidadán en cada localidade. Os candidatos e candidatas deben presentar un proxecto político-organizativo para a organización no seu concello.

Do 16 de novembro ao 5 de decembro está aberto o proceso de presentación de candidatos e candidatas á Secretaría Xeral e ao Consello Cidadán en cada localidade

Non se escollerán Consellos Cidadáns naqueles concellos nos que Podemos teña menos de 100 persoas inscritas. Cando haxa entre 100 e 200, o Consello Cidadán estará formado por 7 membros. Naqueles que conten con entre 200 a 500, será de 11 integrantes. De 500 a 1000, será de 17. De 1000 a 2000, o Consello de Cidadán será de 21 persoas. E por riba dos 2000 afiliados e afiliadas, estará integrado por 25 persoas. Do 6 ao 25 de decembro levarase a cabo a campaña electoral. As votacións, por listas abertas, celebraranse do 26 ao 30 de decembro, aplicando un mecanismo de corrección para asegurar o equilibrio de xénero nos Consellos Cidadáns.

Do 9 ao 13 de febreiro realizaranse as votacións para escoller a Secretaría Xeral de Podemos en Galicia e máis o Consello Cidadán galego

Xusto despois, iniciarase o proceso para elixir os órganos de Podemos en cada unha das comunidades autónomas. Do 7 ao 25 de xaneiro poderán presentarse candidatos e candidatas á Secretaría Xeral e ao Consello Cidadán, que estará formado por 34 persoas, "de forma provisional en tanto non se decida autonomamente noutro senso". Do 26 de xaneiro ao 8 de febreiro levarase a cabo a campaña electoral e do 9 ao 13 de febreiro realizaranse as votacións.

 

Implantación en Galicia

Podemos conta en Galicia con 13.556 persoas inscritas (7.265 na provincia da Coruña, 1.092 en Lugo, 953 en Ourense e 4.256 en Pontevedra), segundo o censo correspondente ao 29 de outubro. Por localidades Vigo é a que suma máis afiliacións, cun total de 2.235 (o que lle dá dereiro a elixir un Consello Cidadán con 25 membros); A Coruña chega a 1.966 (21); Compostela a 721 (17); Lugo a 671 (17); Ourense a 588 (17); Pontevedra a 524 (17); e Ferrol a 495 (11).

Fóra das sete cidades, hai outras dez vilas galegas que tamén superan os 100 afiliados e afiliadas e que, polo tanto, tamén poderán escoller o seu propio consello cidadán

Fóra das cidades, hai dez vilas galegas que tamén superan os 100 afiliados e afiliadas e que, polo tanto, tamén poderán escoller o seu propio consello cidadán: Narón: 255 (11 membros), Arteixo: 156 (7), Oleiros: 130 (7), Vilagarcia: 127 (7), Ponteareas 127 (7), Moaña: 116 (7), Sada: 114 (7), Redondela 114 (7), Carballo: 113 (7) e Cambre 111 (7). Outros concellos quedan por debaixo desa cifra mínima de inscritos e inscritas, ficando sen consello cidadán: Marín (98 persoas afiliadas), A Estrada (84), Ames (84), Teo (79), Tui (79), Monforte (77), Betanzos (74), Nigrán (74), Fene (66), Lalín (65), Mos (65) ou Viveiro (59). 

 

Inicio do proceso a nivel municipal

Os círculos de Podemos en Galicia iniciaron esta semana os procesos para a súa constitución. En todas as cidades e moitas das vilas máis impotantes celebráronse ou están convocadas asembleas abertas para informar sobre o proceso e para a presentacións dos primeiros candidatos e candidatas. O Círculo Podemos de Ourense celebra asemblea aberta este mesmo xoves, día 20. En Ferrol celébranse asembleas abertas este xoves 20 e tamén o venres 21. En Narón o sábado 22. O círculo de Compostela convoca asemblea aberta para o vindeiro o xoves 27. En Vigo celebrarase o venres 28. De igual xeito, en Lugo convócase unha charla informativa sobre o proceso este sábado día 22.

Encontro cos veciños e veciñas da Gaiteira, na Coruña Dominio Público Podemos A Coruña
Asemblea de Podemos en Compostela Dominio Público Podemos Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.