Pola "unidade das esquerdas" contra a troika e polo dereito a decidir en Europa

Un momento do debate organizado por 'Sin Permiso' © Catalunya Plural

O soño europeo no que creron diferentes sensibilidades da esquerda converteuse nun pesadelo. Esta é unha das sensacións que reinou durante o debate La izquierda y la UE no simposio Europa Sin Permiso, que se celebrou até este sábado en Barcelona e que o venres pechouse cunha conclusión compartida: para recuperar Europa, antes haberá que romper co modelo actual. O acto serviu para ver xuntos a significativos representantes do pluralismo das esquerdas que hoxe conviven, non sempre en sintonía, en Cataluña e no resto do Estado. É o caso do portavoz nacional de Anova e do grupo parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras, do candidato de ICV ás eleccións europeas, Ernest Urtasun, da candidata de EUiA nos mesmos comicios, Nuria Lozano -que non puido intervir por afonía- e do representante de Procés Constituent Gerardo Pisarello.

Para recuperar Europa, antes haberá que romper co modelo actual, esa foi a conclusión compartida do encontro

O marco constitucional fixado no Tratado de Lisboa -asinado polos representantes de todos os estados membros da Unión Europea (UE) en 2007- "actúa como cómplice dun neoliberalismo que expulsou os dereitos humanos, sociais e colectivos do centro do debate europeo". Así comezou a súa intervención Ernest Urtasun, que alertou, ante o crecemento da desigualdade, a pobreza e a precariedade laboral, o auxe da ultradereita. "Eles si saben o que hai que facer e o que hai que dicir", dixo o ecosocialista que animou as diferentes sensibilidades presentes a atopar un discurso forte desde a esquerda capaz de recuperar os valores humanos máis elementais diluídos na gobernanza do vello continente.

Urtasun, que substitúe a Raül Romeva nos comicios europeos, insistiu en novas fórmulas de articulación política, sindical e nos movementos sociais para combater o "o austericidio" -e non austeridade- que impera e quere blindarse en Europa. Este austericidio, dixo, "non é posible sen o autoritarismo de quen hoxe nos goberna", en alusión ás políticas neoliberais dos gobernos de dereita que dominan a Eurozona. O número tres na lista de Izquierda Unida citou na súa intervención a Angela Merkel que, segundo el, quere exportar a Europa o modelo da gran coalición alemá cun pacto entre liberais e socialdemócratas "para desmontar o Estado de Benestar". Antes de concluír, deixou unha pregunta no aire: "cando faremos unha gran mobilización a nivel europeo en contra da austeridade e a débeda?".

"Cando faremos unha gran mobilización a nivel europeo en contra da austeridade e a débeda?", preguntouse Urtasun

Derrubar o proxecto actual para construír de novo un modelo que sitúe o benestar das persoas no centro de gravidade, viría ser a mensaxe do fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, seguramente o relator que máis sorrisos desencadeou nunha sala moi calorosa. Sobre as posibilidades que ten de prosperar un modelo de benestar en Europa, o veterano político afirmou que "ou se aborda en clave de ruptura democrática unha deconstrucción do aberrante edificio construído, ou non poderemos co monstro". Na súa intervención lamentou tamén que non culminase unha fronte ampla de esquerdas contra a troika de cara ás eleccións europeas. "En demasiadas ocasións fomos cada un ao noso", dixo a modo de autocrítica. Porque o partido Beiras, que finalmente concorrerá ás europeas da man de EU, sufriu unha importante crise interna precisamente pola determinación do seu líder de concorrer coa formación de Cayo Lara.

"Ou se aborda en clave de ruptura democrática unha deconstrucción do aberrante edificio construído, ou non poderemos co monstro", di Beiras

Neste sentido, unha das voces máis esperadas era a de Gerardo Pisarello, un dos nomes fortes do Procés Constituent e que a punto estivo de recalar na lista de EUiA para as europeas. Unha negociación que terminou sen éxito e que, durante o debate -que apenas deu lugar a quenda de preguntas- quedou no aire. Pisarello centrou a súa intervención en pedir, "dunha vez por todas", o abandono da "política do mal menor". O representante do movemento cívico e político que lideran os activistas Arcadi Oliveras e a monxa benedictina Teresa Forcades convidou, sen citar nomes, os sindicatos maioritarios e algúns partidos de esquerdas a romper co poder establecido e abandonar o conformismo. Animou as esquerdas a rescatar as diferentes tradicións plurais que teñen e a reflexionar sobre as mellores leccións herdadas por algúns dos seus máximos representantes, momento no que citou o legado de figuras históricas -como Rosa Luxemburgo, Bakunin ou Lennin-.

 

O dereito á autodeterminación como radicalidade democrática

En pleno proceso soberanista en Cataluña, o debate sobre o dereito a decidir tivo a súa cota de representación. O dereito á autodeterminación dos pobos foi un dos puntos coincidentes entre as diferentes voces. Non en clave identitaria, senón máis ben en clave de radicalidade democrática, de dereito fundamental. Pisarello mostrouse partidario dun "universalismo sensible coa diversidade dos seus pobos". En concreto, falou de "un europeísmo internacionalista, universalista e compatible co respecto á diversidade dos pobos, renunciando ao colonialismo".

"Os que estamos sometidos ao réxime dos Borbóns, padecemos un nacionalismo configurado desde o Estado cara a abaixo; iso é chovinismo, non nacionalistmo", dixo Beiras

O máis contundente neste ámbito foi Beiras, que cargou contra a monarquía española e cualificou o nacionalismo de "arriba a abaixo" que practica o Estado como "chovinismo". "Os que estamos sometidos ao réxime dos Borbóns padecemos, desde hai 300 anos, un nacionalismo configurado desde o Estado cara a abaixo. Isto é chovinismo e non nacionalismo", espetou. Beiras relacionou a loita de clases co dereito de autodeterminación nunha UE formada por "un mosaico de sociedades con estruturas de clases diferentes". Ernest Urtasun, que nunha entrevista en Catalunya Plural afirmou que ICV fora a forza que máis defendera o dereito a decidir en Europa, falou do dereito á autodeterminación como un trazo identitario dos valores fundacionais do vello continente.

O simposio foi organizado pola revista Sin Permiso co obxectivo de pór en común un diagnóstico sobre a crise na Eurozona e buscar posibles solucións facendo autocrítica do proceso de construción europea do últimos vinte anos.

Un momento do debate organizado por 'Sin Permiso' © Catalunya Plural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.