Pontón advirte a Feijóo de que o "aval" a Baltar torna en "papel mollado" a súa política de igualdade

Pontón e Adán, durante o coloquio con mozas en Compostela CC-BY-NC-SA BNG

O calendario interno do PP provocou que a reelección de José Manuel Baltar como presidente do PP de Ourense cadrase a poucos días da súa declaración ante a xuíza polo presunto ofrecemento de traballo a cambio de sexo a unha muller ourensá, pero tamén xusto antes do Día Internacional da Muller. A dupla coincidencia provocou toda unha fervenza de reaccións políticas que continuou este luns a través da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que nun acto con mozas centrado na igualdade viu no "aval" de Alberto Núñez Feijóo ao barón ourensán a mellor mostra de que o compromiso do presidente na defensa dos dereitos das mulleres é "papel mollado".

No marco deste coloquio, celebrado nunha cafetaría compostelá, Pontón considerou "indigno" o aval outorgado por Feijóo e polo conxunto do PP para que Baltar siga a ser "o representante máximo do partido en Ourense" malia estar investigado por prevaricación e suborno e despois de que a xuíza que instrúe o seu caso abrise tamén a porta a investigalo por acoso sexual. "É unha vergoña" que, di a nova líder do Bloque, "deixa en papel mollado calquera retórica sobre a limpeza da vida pública e a defensa dos dereitos das mulleres por parte de Feijóo e do PP".

A líder do BNG lembra que Feijóo "ten reclamado a dimisión de persoas por comentarios sexistas" pero apoia a Baltar "como representante máximo do seu partido en Ourense"

"Feijóo -subliña Pontón- ten reclamado a dimisión de persoas por comentarios sexistas", lembra. Así, di, cabe preguntarse "se non tería que cesar de xeito fulminante unha persoa" a que a xustiza atribúe "delitos moi graves". A continuidade de Baltar, afirma, "é un insulto a todos e todas as que pensamos que a igualdade é un valor fundamental" e ratifica, di, a visión do BNG a respecto de que os gobernos de Feijóo foron "absolutamente corrosivos" para a igualdade entre mulleres e homes, ámbito no que "falta vontade política mesmo para cumprir a legalidade vixente", afirma.

O Bloque está a desenvolver a campaña 'Feminismo para transformar'

O acto celebrado en Santiago enmárcase na campaña 'Feminismo para transformar' e nel, xunto a Pontón, participou a voceira parlamentaria da formación en materia de igualdade, Carme Adán. A intención destes actos, di a parlamentaria, é chamar a atención sobre realidades como a fenda salarial entre homes e mulleres, que en Galicia acada un 23%, "a máis alta do Estado". "A situación económica das mulleres galegas é alarmante e as mozas son as peor paradas", resume.

Neste escenario, salienta, unha das necesidades máis urxentes é un plan de igualdade no traballo. Ese proxecto, di Adán, debera "analizar e penalizar a fenda salarial", así como fomentar a creación de emprego. Estas medidas, advirte, deben ser "reais" e promover a conciliación "alén dos cheques benvida de Feijóo en ano electoral".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.