Pontón chama a "centrar o esforzo en facer oposición ao PP" tras a marcha dos 'irmandiños'

Bouza e Pontón, en rolda de prensa CC-BY-SA Merixo

Primeira xuntanza do reestrurado grupo parlamentario do BNG e primeira comparecencia pública tras a marcha do Encontro Irmandiño. A portavoz do Bloque no Parlamento, Ana Pontón, tivo a responsabilidade de encabezar este luns ambos encontros e fíxoo cunha mensaxe central: os "esforzos" do nacionalismo deben estar agora centrados en "facerlle oposición" ao PP. Acompañada pola nova vicevoceira do grupo, Ana Luisa Bouza (de Máis Galiza) e á espera da Executiva Nacional que oficializará a escisión 'irmandiña', Pontón detalla que o seu labor está na Cámara e que, nese ámbito, os únicos "axustes" veñen derivados do relevo de Carlos Aymerich e da marcha de Teresa Táboas e fixéronse "coa participación de todo o mundo".

As valoracións políticas correspóndelle polo tanto á Executiva -nomeadamente ao portavoz nacional, Guillerme Vázquez-, se ben Pontón coida que, dende o "respecto a todas as decisións", a "preocupación fundamental" do grupo do BNG no Hórreo non debe ser a marcha do EI ou outras cuestións internas, senón "o sector naval, os mozos en paro, as persoas que non lle poden facer fronte ás súas hipotecas ou os dereitos das mulleres". Niso e "en construír unha alternativa sólida" para un país "no que o nacionalismo segue a ser imprescindíbel" e "no que o BNG se vai esforzar". "O grupo parlamentar está integrado por 12 deputados e deputadas do BNG que van continuar co labor de oposición", conclúe.

A aperta de entre Aymerich e Beiras

"O líder de Máis Galiza abrazouse ao seu amigo Beiras como te abrazas a outro amigo nun acto político"

Tamén Bouza apostou ante os xornalistas por realizar valoracións unicamente en clave parlamentaria, aínda que o aluvión de preguntas llo dificultou notablemente. Os interrogantes céntranse no futuro de +G dentro ou fóra do BNG, avivados pola asistencia de Carlos Aymerich á sesión de clausura da asemblea na que o Encontro decidiu marchar do BNG. Neste contexto, a vicevoceira sinala que a propia reestruturación do grupo parlamentaria está concibida para continuar en vigor "como mínimo, o período de sesións", isto é, ata o mes de xuño. "Pero o futuro está sen escribir", di.

En canto á comentadísíma aperta, a parlamentaria explica que "o líder de Máis Galiza acudiu a unha xuntanza doutra organización política á que foi convidado" e alí "abrazouse ao seu amigo e compañeiro Beiras, como te abrazas a outro amigo e compañeiro nun acto político". "Hai unha asemblea nacional [de +G] o día 11 e alí é onde se tomarán as decisións oportunas", constata.

 

Pontón e Bouza, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.