Pontón e Aymerich intercambian eloxios no relevo na portavocía do BNG

Pontón e Aymerich, durante a comparecencia conxunta CC-BY-NC-SA BNG

Unha illa de eloxios e mesmo de emoción no medio da tensión interna. O BNG fixo este martes efectiva unha das consecuencias máis inmediatas da súa Asemblea Nacional, o relevo na portavocía parlamentaria. E fíxoo nun clima ben diferente ao das hostilidades entre correntes. Mentres o conxunto da organización frontista, especialmente a súa nova dirección, agarda pola decisión do Encontro Irmandiño a respecto da súa permanencia no Bloque -decidirano en asemblea o vindeiro domingo-, Carlos Aymerich oficializou a súa renuncia a liderar o grupo parlamentario e entregoulle o relevo a Ana Pontón, ata agora vicevoceira. Fíxoo nunha comparecencia conxunta ante os medios inzada de gabanzas mutuas.

Visiblemente emocionado, Aymerich aproveitou a comparecencia posterior á primeira Xunta de Portavoces do ano para enmarcar a súa decisión nun exercicio de "coherencia política e persoal" que é "consecuencia" do proceso asemblear. A "emoción" da xornada, explica o nacionalista, veu dada pola petición "dos compañeiros" para "que reconsiderase a decisión". Non obstante, subliña, decidiu poñer fin a "sete anos de momentos bos e malos compartidos" e tamén de "erros" e "palabras das que un se arrepinte". Ese período, asegura, foi tamén de "relación simbiótica" cos xornalistas, grazas aos que "chegou a voz do BNG" á cidadanía a través del, di. "Se chegou mal ou distorsionada penso que o problema é meu, de non me ter explicado ben".

Aymerich culminaba a despedida cos eloxios á súa sucesora, a priori non agardados entre o líder de Máis Galiza e unha integrante destacada da Alternativa pola Unidade. Pontón, di, está "de sobra capacitada e ten solvencia de sobra para afrontar isto, e xa o vai demostrar no vindeiro pleno, facéndolle a pregunta a Feijóo". Xa no seu papel de voceira, Pontón fixo que as louvanzas fosen mutuas. "En nome propio" no de "todo o grupo", expresou "recoñecemento público a Carlos Aymerich" quen, di, lle deixa "o listón moi alto". Os anos de traballo parlamentario conxunto serviron para establecer "relacións de compañeirismo e amizade". Neste contexto a parlamentaria deixa unha reflexión que, dada a efervescencia interna do Bloque, pode ter unha lectura que pode transcender o relevo na Cámara: "A pesar de que nalgunhas ocasións os amigos discuten, iso non quere dicir que deixen de ser amigos", afirma.

Chamadas á concordia ante a "reflexión" irmandiña

O relato de Ana Pontón sobre o "apoio unánime" do grupo parlamentario a Aymerich e tamén sobre a necesidade de centrar os esforzos do BNG en "contruír alternativas" ao PP prodúcese cando dende a dirección nacionalista se multiplican as chamadas á unidade interna. No horizonte inmediato está a asemblea do Encontro Irmandiño, convocada de maneira "aberta" -poden participar nela persoas que non militen no colectivo de Beiras- baixo unha interrogante, saber "se o BNG é ou non rexenerábel", din.

A decisión dos irmandiños a respecto de permanecer ou non no Bloque será o primeiro episodio dunha xeira que continuará co reparto de responsabilidades na Executiva -distribución adiada precisamente a petición do EI- e que finalizará coa Asemblea Nacional de Máis Galiza, o 11 de marzo, sobre a que tamén planea a sombra da marcha, se ben non dun xeito tan intenso como na xuntanza do vindeiro domingo.

Pontón e Aymerich, durante a comparecencia conxunta CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.