“É o momento da militancia”, destacou este mércores Ana Pontón, candidata á Portavocía nacional do BNG, no acto de presentación da lista que a acompaña. Unha lista "conformada maioritariamente cos nomes propostos pola militancia nas asembleas comarcais", e que "comporta equilibrio de xénero, territorial, activismo social e acción institucional, sobre todo de persoas que traballan desde os concellos", destacou. Unha candidatura “plural, que combina renovación e experiencia, para darlle un novo pulso ao BNG e dar a cara nun momento difícil”, concluíu.
Pontón subliñou que o nacionalismo “ten que poñerse a punto para enfrontar o futuro”, “facer autocrítica individual e colectiva” e apostou pola "refundación" como a mellor maneira de “fortalecer” a alternativa nacionalista
Pontón subliñou que o nacionalismo “ten que poñerse a punto para enfrontar o futuro”, “facer autocrítica individual e colectiva” e apostou pola "refundación" como a mellor maneira de “fortalecer” a alternativa nacionalista "que representa o BNG". "A folla de ruta dese proceso, os tempos e o alcance do mesmo serán os que determinen as bases do Bloque na Asemblea nacional deste 28 de febreiro, a futura dirección da organización a executora", engadiu
“Escoitaremos todas as voces para avanzar colectivamente desde o convencemento de que é o BNG é unha ferramenta política necesaria para Galiza, fundamental para dar un cambio real e sacar ao país da cuneta onde a deixaron os anos de goberno de Feijóo e, ao tempo, recuperar a autoestima como pobo”, argumentou. “Somos unha candidatura integradora, unida pola ídea de que todos e todas somos nacionalistas e que Galiza precisa un proxecto como o que representa o Bloque, sabendo que a situación non é doada pero que imos saír para adiante”, concluíu.
Mini: “Imos debater, debater e debater para sacar en limpo que esta organización tira para adiante poñéndose a punto cos tempos que mudan"
No acto tamén interviron outras das persoas que conforman a lista, como Xosé Luís Rivas, Mini, que afirmou que “imos debater, debater e debater para sacar en limpo que esta organización tira para adiante poñéndose a punto cos tempos que mudan. Todos e todas somos necesarias”. Ou Goretti Sanmartín, número dous da lista, que destacou o feito de que a candidatura suma persoas que teñen “coñecemento da organización e da base social, e capacidade para sacar adiante os retos do momento”. Fixo tamén un chamamento á participación de todas as persoas “que consideren necesaria unha alternativa nacionalista para este país e para a súa maioría social”.