Por que Eduardo Madina agora?

Eduardo Madina © El Diario

Que Eduardo Madina pode ser o futuro do PSOE non é nada novo. O seu nome leva soando xa desde a etapa de Zapatero como posible aposta de cara  a un futuro nun partido que necesita renovarse. O novo é que, como contan hoxe El Mundo e La Razón, Madina xa non di non.

Os socialistas temen, cada vez máis, a posibilidade de que IU se achegue tanto ao seu nivel de votos que acaben por superalos. Ante esas pantasmas, son moitos os que nas filas de Rubalcaba piden cambios, algo refrescante que poida atraer os seus votantes ante a previsible desfeita que o exministro de Interior non conseguiu frear. Até hai tan só uns meses, as cousas no PSOE pasaban polos eixos de Rubalcaba ou Chacón; non había máis. Agora, con todo, a situación cambiou e Eduardo Madina recibiu cantos de serea de ambos os dous bandos. Instaurouse a sensación de que o seu nome nunha papeleta podería acougar as guerras intestinas nas que os socialistas demostraron ter unha especialización dilixente.

Rubalcaba segue en Ferraz aferrado aos prazos, evitando o debate sobre se se presentará e tentando durmir a pelota política á espera de que o desgaste do PP de Rajoy sexa tan evidente que todos vexan que é a esquerda quen gobernará

Mentres tanto, Rubalcaba segue en Ferraz aferrado aos prazos, evitando o debate sobre se se presentará e tentando durmir a pelota política á espera de que o desgaste do PP de Rajoy sexa tan evidente que todos vexan que é a esquerda quen gobernará, aínda que o faga sen maiorías claras de ninguén; un novo tempo. O secretario xeral do PSOE foi hoxe máis claro ca nunca ao insinuar, nunha entrevista en Telecinco, que si se presentará ás primarias. Quizais o anuncio de Madina, distribuído en dous xornais de tirada nacional, empurrouno a aumentar a súa aposta.


A clave andaluza

A ninguén se lle escapa que o PSOE é un partido no que xogan once contra once e ao final decide Andalucía

A dirixente andaluza Susana Díaz saíu hoxe en defensa dos tempos de Rubalcaba e declarou que "non é momento de abrir ese debate". A ninguén se lle escapa que o PSOE é un partido no que xogan once contra once e ao final decide Andalucía. A federación andaluza é a máis numerosa, o seu goberno (á marxe de Asturias) é a referencia de oposición ao de Rajoy. Pero o máis importante, Andalucía quere un candidato andaluz á presidencia do Goberno.

Como se conxuga todo iso co anuncio de Madina? En que lugar queda Patxi López e as súas aspiracións á dirección do PSOE? Que pasa con Emiliano García Page, apoiado por Bono como gran esperanza de futuro? O ex lehendakari foi o plan B de Rubalcaba pero nada diso fraguou e Patxi López perdeu os nervios, segundo fontes da dirección do PSOE, empezou a actuar por libre e enfadou o seu partido. Emiliano García Page segue soando como opción pero é Madina quen presumiblemente ofrece unha candidatura máis transversal con apoios en todas as faccións socialistas.

O seu non é a negociación, o traballo diario ou a organización de equipos. Con todo, esas mesmas fontes insisten en que o valor do mozo político vasco é que representa o perfil máis próximo aos tempos políticos que vivimos

En conversa con varios dirixentes socialistas, El Diario solicitou unha opinión practicamente unánime no negativo sobre Madina: o seu non é a negociación, o traballo diario ou a organización de equipos. Con todo, esas mesmas fontes insisten en que o valor do mozo político vasco é que representa o perfil máis próximo aos tempos políticos que vivimos. Se noutras formacións como IU, perfís coma os do Alberto Garzón son os que están á alza, o PSOE parece estar a reaccionar a esa fotografía, reaccionando en consecuencia.

Fontes de Ferraz sinalan que é moi cedo para postularse tal e como o fixo Madina. Ao PSOE quédalle moito tempo ata que o seu futuro se aclare. Madina, hoxe en boca de todos, ten por diante un longo camiño se persiste na súa intención de facer aquilo que un día lle propuxo Zapatero: tomar nas súas mans as rendas do socialismo.

Eduardo Madina © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.