PP e PSOE impiden que Carnota exerza a acusación por prevaricación contra o anterior alcalde

Concello de Carnota © ayuntamientos.es

Os votos de PP e PSOE botaron a baixo este venres unha moción presentata polo BNG para que o Concello de Carnota exercese a acusación particular no proceso que o TSXG instrúe contra os máximos responsables do anterior goberno municipal, o ex alcalde José Oreiro e a ex-tenente de alcalde e actual deputada autonómica Marisol Piñeiro, ambos os dous do Partido Popular, xunto co secretario municipal Carlos Bousoño, todos eles imputados desde o 2013 por suposta prevaricación na contratación durante a anterior lexislatura, unhas actuacións polas que a fiscalía xa aprezaba hai un ano "indicios racionais de criminalidade".

O Bloque critica especialmente a actitude dos dous concelleiros socialistas, cuxo voto foi decisivo para o resultado final, pois aínda que o PP conta con cinco edís dous deles (os propios Oreiro e Piñeiro) non podían votar por estar directamente implicados. "En Carnota todos saben que desde o día seguinte das eleccións de 2011 comezaron os contactos entre PP e PSOE para un goberno conxunto. O verdadeiro escándalo é que se hai un pacto esté a fraguarse de espaldas á veciñanza e con nocturnidade e alevosía", destaca a formación nacionalista nun comunicado. De igual xeito, o Goberno municipal da localidade, en poder do BNG, criticou que "a dirección municipal do PSOE, en lugar de defender aos veciños de Carnota e perseguir un presunto delito de prevaricación, preferiu mirar para outro lado, coa vista posta nun posible pacto nas vindeiras eleccións municipais". 

A votación impide que o Concello de Carnota exerza a acusación particular contra os imputados, para reclamarlles as responsabilidades económicas que correspondesen, a pesar de ser o principal prexudicado dos feitos denunciados

A votación impide que o Concello de Carnota exerza a acusación particular contra os imputados, para reclamarlles as responsabilidades económicas que correspondesen, a pesar de ser o principal prexudicado dos feitos denunciados polas consecuencias que supuxo para a facenda municipal.

 

O caso

O procedemento penal comezou grazas a unha denuncia formulada en xaneiro de 2013 polo actual alcalde, Ramón Noceda. En 2007 o Concello de Carnota contratara unha muller como administrativa de apoio á alcaldía. Foi unha das varias contratacións que xa no seu momento denunciaran os nacionalistas polo seu elevado custe para as contas municipais, pois nos seus primeiros meses de xestión, Oreiro despediu 9 traballadores que por teren subvencións supoñían un gasto de só 10 mil euros anuais ao concello, para logo contratar para as mesmas funcións 8 traballadores por un custe de 150 mil euros. Pero, ademais, a contratación desta asesora fíxose, segundo o fiscal, saltando "os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxetividade". 

O ex alcalde José Oreiro e a ex-tenente de alcalde e actual deputada autonómica Marisol Piñeiro están imputados desde o 2013 por suposta prevaricación na contratación

Ao longo da instrución, o fiscal sinalou que José Oreiro e Marisol Piñeiro mentiron ante o xuiz, ao asegurarlle que manexaron o currículum de varios aspirantes ao posto e que a persoa contratada era a de mellores aptitudes. Segundo o BNG, isto foi desmentido polo Secretario municipal, que negou que chegara ningun curriculum ao concello. Na instrución comprobouse, ademais, que quen asinou efectivamente o contrato desta persoa foi Marisol Piñeiro, pois José Oreiro estaba de baixa médica. Posteriormente a alcaldía asinou "arbitrariamente prórrogas, cambios de posto e categoría, subidas de soldo, transformárona en indefinida e e lle aumentaron o soldo a uns 3.000 € brutos ao mes, todo iso sen mediar máis procedemento que sucesivos decretos de alcaldía asinados indistintamente por José Oreiro ou Marisol Piñeiro", segundo os nacionalistas.

Concello de Carnota © ayuntamientos.es
Carnota © wikiloc.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.