PP, PSOE e BNG esixen a destitución de dous concelleiros na Coruña pola anulada compra de pisos

Imaxe do salón de plenos da Coruña © Concello da Coruña

Toda a oposición do Concello da Coruña pediu este mércores a dimisión de dous concelleiros do goberno local. PP, PSOE e BNG votaron xuntos unha moción para reclamar o cesamento de Xiao Varela, concelleiro de Rexeneracion Urbana e Dereito á Vivenda, e de Alberto Lema, concelleiro de Economía e Emprego tras o ditame do Consello Consultivo, que considerou nula a compra de dúas vivendas por parte da administración local para alugueiro social.

A polémica por estes pisos provocou a dimisión da xefa de servizo de Rehabilitación e Vivenda do Concello. O informe do Consello Consultivo considerou nula a compra de dúas vivendas que foron sinaladas polos populares por ser propiedade dun dos asinantes do manifesto fundacional da Marea Atlántica. Considera que as operacións son nulas porque, no momento no que se presentaron ao concurso, non cumprían cos requirimentos esixidos polo que se vulnerou a libre concorrencia.

A moción apoiada por PP, PSOE e BNG insta o alcalde a "depurar responsabilidades" e cesar a Xiao Varela e Alberto Lema

Na moción aprobada hoxe polos tres grupos da oposición no pleno extraordinario ínstase ao alcade Xulio Ferreiro a "depurar responsabilidades políticas pola compra irregular de dúas vivendas cesando de todos os seus cargos" a Xiao Varela, como responsable urbanístico do expediente, e a Alberto Lema, como concelleiro responsable de Contratación. Ademais, tamén se aprobou instar ao goberno municipal a levar a cabo "todas as accións oportunas para recuperar o máis axiña posible" os cartos perdidos "de todos os coruñeses" polas irregularidades sinaladas polo Consultivo. 

Na súa intervención, Varela recoñeceu que "a primeira edición do concurso público para a ampliación do parque de vivenda municipal non acadou os obxectivos previstos". "Pido desculpas por iso, como xa fixo o alcalde", engadiu, tras asumir os "erros" e advertir ao PP que o perdón é unha actitude que no seu partido "nunca" tomarían. Ademais, insistiu en que, malia as acusacións "dos populares e dos seus medios", en ningún caso "se tomaron decisions para favorecer a ningunha persoa en concreto". 

Varela asume "erros", pide "desculpas" e asegura que en ningún caso "se tomaron decisions para favorecer a ningunha persoa en concreto"

Ademais, Varela lembrou casos como a Pokémon, o de Someso ou o do edificio Conde de Fenosa, que afectan a gobernos populares e socialistas, e cargou contra a "corrupción" do PP, que situou o caso do concurso de vivenda nunha "compra irregular de inmobles a un colega", no "amiguismo" ou no "nepotismo", ao igual que fixo o PSOE. "A desculpa do alcalde chega tarde e é falsa porque non asume culpa ningunha nin responsabilidade", dixo Rosa Gallego, voceira popular. Desde os socialistas, José Manuel Dapena acusou a Marea de "mentir", de actucar con "covardía" e dun proceso "ateigado de irregularidades". 

PP e PSOE coincidiron en acusar o goberno da Marea de "amiguismo" e "nepotismo" e de actuar "con covardía"

Pola súa banda, a voceira do BNG no Concello, Avia Veira, uniuse á petición de dimisión por "pura coherencia". "Que tería feito a Marea de estar no meu lugar hoxe?", preguntouse. Con todo, advertiu de que non era agradable "estar na melé" co PP, ao que lle lembrou varios dos seus problemas coa xustiza, o "enchufismo" levado a cabo durante o seu goberno, o caso Someso ou os desaloxos ou desafiuzamentos efectuados co popular Carlos Negreria na alcaldía. Para a portavoz do Bloque, o goberno local levou a cabo unha "fuxida cara adiante" e "non soubo asumir responsabilidades". 

O BNG recoñeceu a incomodidade de votar xunto ao PP pero apelou á "pura coherencia"

Por último, Xiao Varela insistiu en que ten "a conciencia tranquila" e en que "non hai a máis mínima proba de trato discrecional de favor, desviación de poder ou resolución a sabendas da súa inxustiza". "A pesar deste tropezo, estamos a conseguir o que nunca sucedera na Coruña: que as decisións urbanísticas as tome só o Concello, sen atender a outro interese que non sexa o xeral", dixo o concelleiro de Rexeneración Urbana, que acusou o PSOE de ser "palmeiro do PP" e ao que retou a "ir á Fiscalía" se de verdade cre todas as súas acusacións. 

Alén disto, Varela retrucou ás acusacións de PP e PSOE sobre o gasto que suporá para o Concello a irregularidade do concurso lembrando numerosas sentenzas sobre a ilegalidade de varios procesos urbanísticos levados a cabo polos populares no goberno local --"nin dimitiron nin pediron perdón", lembroulles aos edís-- ou recordando o labor da socialista Mar Barcón como conselleira de Caixa Galicia na época de maiores escándalos da desaparecida entidade financeira. "Tampouco pediu perdón nin dimitiu", rematou. 

O ambiente do pleno constatou a tensión existente. Afíns á Marea e ao PP coincidiron entre o público e o alcalde amosou sen disimulo o seu enfado con algunhas acusacións da oposición, en especial coas vertidas polo edil socialista Dapena, que se preguntou se o beneficiario dun dos pisos postos en cuestións se reunira no Concello con algún concelleiro. "Xa lle contesto eu, non", retrucoulle para logo amosar a súa disconformidade coa súa intervención e insinuacións. Entre os asisntentes, membros destacados do PP como Gonzalo Trenor ou Diego Calvo, que non dubidaron en pedir a "dimisión" a berros, mentres o rexedor coruñés pedía "decoro" á tribuna. 

Xiao Varela, durante o pleno extraordinario © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.