Propostas para unha reforma democrática da lei electoral galega

Feijóo preside un comité de dirección do PPdeG © PPdeG

A Xunta amósase disposta a consumar unha reforma electoral sen máis apoios que o da súa propia maioría absoluta. Despois de que, en días pasados, o conselleiro da Presidencia e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, xa ratificase que a intención do seu partido é reducir os escanos do Parlamento de 75 a 61 antes das vindeiras eleccións, Alberto Núñez Feijóo confirma ademais que está disposto a pasar a tesoira polo lexislativo sen ningún consenso previo e sen ter en conta outras alternativas. E podería comezar a facelo xa esta mesma semana, ante as críticas de PSdeG e BNG e doutros partidos sen representación parlamentaria, que critican a modificacións lexislativa, que cualifican de "pucheirazo" e dun intento do PP de "reducir a pluralidade" e de conseguir así unha vitoria electoral que non ten para nada segura.

"O feito é que nin a Constitución Española, nin o Estatuto de Autonomía de Galicia, nin a Lorex (Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral) establecen normas específicas sobre os criterios de proporcionalidade e de representación territorial, e hai unha ampla marxe (entre 60 e 80) en canto ao número exacto de membros do Parlamento de Galicia. Todo o demais depende do desenvolvemento que se faga na Lei de eleccións ao Parlamento de Galicia e está suxeito, por tanto, ao debate de reforma desa lei."

O blog político de Praza presenta diversas propostas para a mellora da lei electoral e da calidade democrática do país

Con ese punto de partida, e tras realizar unha detallada explicación das posibilidades que unha reforma electoral ofrece, o blog de política de Praza debulla diversas propostas para satisfacer esas demandas cidadás das que fala o Partido Popular. Pero "todas, e non unicamente as que a Xunta e o PP propoñen". Ante a imperfección da actual lei electoral galega, no blog Extramuros preséntase unha ampla serie de alternativas, moitas delas defendidas durante anos por diversos colectivos políticos e social do país, e outras moitas en vigor xa en numerosos réximes democráticos. Todas, co obxectivo de perfeccionar unha norma que leva anos en cuestión. A continuación, ofrecemos un resumo dalgúns dos aspectos máis importantes abordados no texto.

A prioridade de suprimir as deputacións

O concepto de provincia non se adapta en nada ao modo histórico de poboación e estruturación do territorio galego. Son moitos os anos que se leva debatendo sobre as deputacións, ás que moitas forzas políticas acusan de inútiles e de malgasto. No entanto, o Goberno central vén de reforzalas a través de variacións lexislativas, malia os recoñecidos escándalos de institucións como a de Castellón ou Ourense, por poñer só dous exemplos.

O procedemento, aínda tendo en conta o tempo que pode levar, é sinxelo: abonda con que o Parlamento galego vote maioritariamente a favor desa proposta e lla transmita ás Cortes españolas, que procederán a aprobar a modificación a través da promulgación dunha lei orgánica (CE, art. 141.1). Dese xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia pasaría a ser uniprovincial e a Xunta asumiría as competencias que hoxe desenvolven as catro deputacións provinciais existentes.

Máis deputados non equivale a máis gasto. Hai outras vías para reducir gastos sen diminuír a calidade da democracia

O número de deputados

A proposta é clara: o mantemento do actual número de deputados do Parlamento de Galicia, como garantía de que non diminúan a pluralidade nin a proporcionalidade da representación popular expresada a través do voto. Só uns datos: se Galicia aplicase a media dos parlamentos das diferentes autonomías, non só non reduciría o número de escanos senón que debería elevalo en dez máis, até un total de 85 (que supera o teito de 80 imposto no Estatuto).

Cantos menos representantes existan, maior será a elitización da clase política e maior e o distanciamento a respecto da cidadanía. Pero o que é máis importante: Máis deputados non equivale a máis gasto. Hai outras vías para reducir gastos sen por iso diminuír a xa precaria calidade da democracia. Por exemplo, as que aquí seguen.

Redución de salarios dos deputados e de numerosas partidas

O aforro sería varias veces superior ao proposto polo PP a través da redución de salarios dos deputados e da minoración ou eliminación de partidas en todo ou en parte desnecesarias. A redución do salario de cada un dos 75 deputados en só 1.000 euros/mes representaría, sen ningunha outra medida adicional, un aforro maior que o que se deriva de reducir 14 deputados, cos beneficios engadidos de non reducir nin a pluralidade nin a proporcionalidade.

Ademais, tal e como se pode comprobar analizando os Orzamentos da Xunta, poderíase aforrar moito máis reducindo capítulos de gasto –algúns realmente opacos, outros moi discutibles na súa natureza e/ou na súa cuantía– tales como axudas de custo (2.325.000 euros), subvencións aos grupos parlamentarios (2.131.955), traballos realizados por outras empresas (669.000), locomoción (580.000), gastos en investimentos de carácter inmaterial (255.000).

Así, a proposta de Compromiso por Galicia incide aínda máis nunha redución de salarios e de gastos que superarian o aforro dun millón de euros previsto coa supresión de deputados.

A distribución dos escanos

É evidente que a distribución territorial dos escanos debería facerse con criterios estritamente proporcionais ou, no peor dos casos, cun mantemento da actual porcentaxe de escanos asignados en función da poboación de cada circunscrición electoral. No peor dos casos calquera demócrata debe esixir –independentemente de intereses partidarios– que a porcentaxe distribuída con criterios de proporcionalidade se manteña, aínda que o desexable sería que se incrementase para dar un reflexo máis fiel do país. As provincias menos poboadas precisan políticas activas de desenvolvemento, de fixación da poboación ao territorio e de renovación demográfica, non unha sobrerrepresentación política que non pasa dunha compensación simbólica para distraer a atención sobre o desleixo con que esas áreas son tratadas e sobre a
discriminación que sofren.

A esixencia dunha porcentaxe mínima de votos para obter representación deixa fóra unha parte importante de electores

Derrogación das porcentaxes mínimas para a entrada no Parlamento

A esixencia dunha porcentaxe mínima de votos para obter representación deixa fóra automaticamente unha parte importante das persoas que efectivamente exercen o seu dereito ao voto. Resulta, ademais, que no ano 1992 o PP realizou unha reforma ad hoc –precedente claro da actual– pola cal elevou do 3% (o máis común no Estado español) ao 5% ese limiar mínimo para entrar no reparto do pastel, co obxectivo
de impedir que forzas galeguistas minoritarias obtivesen escano, unha regra que mostrou a súa eficacia non só neses casos, senón tamén noutros máis recentes, facendo vítimas como Esquerda Unida ou Terra Galega.

Un sistema proporcional puro

Existe unha crenza xeneralizada de que as distorsións na representación son culpa da aplicación dese método na lexislación electoral, cando o certo é que a lei d' Hondt é responsable dunha pequena parte do problema, cuxa verdadeira raíz se encontra no número de circunscricións, no seu tamaño e nos mínimos que se lle asignan, ben como na esixencias de porcentaxes mínimas de voto para entrar no reparto.

A lei d' Hondt favorece os partidos máis votados e que o fai crecentemente cantos máis sexan os escanos en disputa, mais a desviación é mínima se a comparamos coa provocada polos outros elementos citados. Falando de datos, seguramente a ninguén lle escapou o feito de que, cun sistema proporcional, o PP non disporía de maioría absoluta, polo que non é de estrañar que a súa proposta de reforma vaia exactamente no sentido contrario, tornar o reparto menos proporcional e excluír da representación electoral un importante número de votantes.

Cun sistema proporcional, o PP non disporía de maioría absoluta, polo que non é de estrañar que a súa proposta de reforma vaia no sentido contrario

18 propostas máis para a  mellora da democracia

Pero a democracia non se reduce só a contar votos primeiro nas urnas e despois nos parlamentos, senón que require unha serie de condicións máis e, sobre todo, melloras cada vez máis esixidas. O respecto polas minorías, a mellora dos mecanismos de participación cidadá na toma de decisión, o control social da acción dos representantes electos ou a transparencia na xestión da res publica son són algunhas desas melloras. A continuación, enuméranse 18 que xa son aplicadas nunha morea de réximes democráticos.

A prohibición da acumulación de cargos por parte dunha mesma persoa. Por exemplo, que a condición de deputado do Parlamento galego non sexa compatible con outros cargos electos.

A limitación do número de mandatos en cargos electos, nomeadamente nos de carácter executivo. Por exemplo, establecer un máximo de 2 mandatos en cargos executivos e de 3 mandatos en cargos lexislativos. Desprofesionalizar así a política, facendo que a cidadanía perciba que os representantes institucionais non son unha raza diferente.

Definición de criterios obxectivos que determinen automaticamente a perda do mandato. Entre as causas de perda automática do mandato deben constar, polo menos, as seguintes: absentismo, transfuguismo, ocultación ou falseamento de datos e quebra de contrato de compromiso eventualmente asinado coa candidatura pola que se presentou o deputado electo.

Todos os cargos que o sexan en representación do Parlamento de Galicia, electos entre os seus membros, ou nomeados polo Presidente da Xunta de Galicia elixido no seu seo, non darán dereito a ningún tipo de remuneración adicional, agás as axudas de custo por transporte, aloxamento e manutención, cando for o caso.

Establecer topes máximos para a remuneración dos cargos electos en cada un dos niveis das Administracións Públicas, atendendo a criterios obxectivos. Estes topes aplicaranse tanto ao salario como ao resto dos rendementos recibidos (complementos,
axudas, dietas...) e serán obrigatorios para todos os servidores públicos.

Obrigatoriedade da publicación do patrimonio e rendementos de todos os cargos electos e da variación anual sofrida durante o exercicio do cargo.

Supresión dos privilexios dos cargos electos na percepción de remuneracións tras o abandono do cargo e para o cómputo da xubilación. Ou sexa, establecemento de criterios obxectivos que conxuguen a valoración dos servizos públicos prestados coa equidade e a igualdade ante a lei.

Incompatibilidade das persoas empregadas en cargos de confianza para opositar a prazas de funcionariado dependentes do departamento no cal desenvolven os seus servizos.

Aprobar para os traballadores do sector privado (asalariados por conta allea e autónomos) mecanismos homologables aos vixentes para os do sector público no atinente ás garantías do exercicio de funcións políticas sen detrimento da súa estabilidade laboral e da súa carreira profesional.

Implantación de referendos obrigatorios para todas aquelas decisións estratéxicas que non constaban nos programas electorais aprobados pola cidadanía e de mecanismos de revogación dos cargos institucionais electos por parte do corpo electoral que procedeu á súa escolla.

Instauración da moción de confianza popular para a ratificación, se for o caso, do presidente da Xunta de Galicia. Ou sexa, permitir que sexa a cidadanía quen exerza o poder que hoxe conferen as mocións de censura aos grupos parlamentares e as mocións de confianza ao propio Presidente da Xunta.

Establecemento dunha xornada periódica de atención por parte dos deputados ás demandas dos cidadáns. Por exemplo: mensualmente, resérvase unha xornada na cal, en sesión de mañá e tarde, todos os deputados estarán á disposición de calquera cidadán que desexe facerlles chegar as súas demandas e/ou consultas.

Adopción das prácticas de goberno aberto e transparencia. Así, o Parlamento de Galicia terá de prazo até o primeiro día da próxima lexislatura para ofrecer, a través do seu portal web, a información detallada e actualizada do traballo realizado por cada un dos deputados.

Alusión (pódese facer, por exemplo, nunha disposición adicional) á obrigatoriedade de aprobar no Parlamento Galego, nun prazo non superior a un ano, unha Lei de Participación Cidadá e Transparencia Pública, e nos concellos normativas sobre o a mesma materia que inclúa mecanismos de control cidadán da actividade institucional.

Establecer a obrigatoriedade de debates nas campañas electorais, que deberán ocorrer tanto nos medios de comunicación como en foros abertos á participación directa da cidadanía. Evidente: canto maior sexa o debate social, máis madura será a conformación da vontade colectiva expresada nas urnas.

Prohibición do mailing (envío masivo de propaganda ás persoas censadas) e do envío de papeletas aos domicilios. De aquí nacen boa parte das débedas dos partidos políticos e, con iso, das prácticas de financiamento irregular.

Igualdade de acceso aos espazos electorais públicos. Tanto nos medios de comunicación como nos espazos públicos urbanos e nas vías e estradas, todas as candidaturas deben partir coas mesmas posibilidades.

Aludir á obrigatoriedade da aprobación dunha Lei de Garantías do Dereito á Información (co mesmo procedemento indicado no punto 14), que preserve o dereito da cidadanía a producir e recibir información veraz e de calidade a través dos medios de comunicación e que recolla mecanismos de respecto e fomento da lingua e da cultura galegas.

Ademais, a incorpotación ao currículo do ensino obrigatorio dos mecanismos de acceso á información e de control da actividade política, de cara á formación dos cidadáns. Tamén, a creación de canais de TDT e/ou web (de televisión e/ou radio) nos cales se retransmitan en vivo as actividades do Parlamento Galego, ben como as sesións plenarias das Deputacións e dos concellos.

Pode ler o informe completo, aquí

 

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.