PSdeG, AGE e BNG únense contra o "secuestro" do Parlamento

Jorquera, Losada e Beiras, en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Na pasada lexislatura houbo que agardar ata case o ecuador do mandato para presenciar un xesto público de unidade da oposición parlamentaria, daquela formada por PSdeG e BNG, e no conxunto do período abondaban -e sobraban- os dedos dunha man para contar este tipo de accións conxuntas. A novena lexislatura autonómica apenas vén de comezar e este luns o Parlamento xa foi escenario dun xesto unitario entre as tres forzas da oposición. Os voceiros de PSdeG, AGE e BNG compareceron conxuntamente ante a prensa cunha mesma mensaxe. O estímulo para a unidade déulleo tres días antes a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, coa súa decisión de prohibir que os grupos políticos conviden a cidadanía a presenciar as seccións plenarias.

"Este é o Goberno tripartito, en minoría" e con "agallas", ironizaba polos corredores do Parlamento Xosé Manuel Beiras, voceiro de Alternativa. Fíxoo despois da rolda de prensa na que, con breves intervencións, os voceiros anunciaron a súa intención de desenvolver unha, en verbas de Francisco Jorquera, "resposta conxunta, firme e contundente" á decisión de Pilar Rojo no caso de que esta "non rectifique" o "secuestro" do Parlamento. "Ten aínda tempo a rectificar e queremos esperar; se non o fai, teredes a oportunidade de constatar en que vai consistir a resposta", abonda o nacionalista, quen aínda "está esperando" a que a conservadora responda as súas chamadas de teléfono.

A oposición anuncia unha resposta "conxunta, firme e contundente" este mesmo martes

"Fixemos un emprazamento a que rectifique unha decisión aparentemente tomada" e comunicada "de maneira verbal", especifica o socialista Abel Losada, que concreta que se todo segue igual o movemento da oposición se producirá "mañá mesmo", isto é, no pleno do Orzamentos, o primeiro no que o acceso ou non de persoas convidadadas á tribuna do salón de plenos depende en exclusiva de Pilar Rojo. "Se nos dixo que ela asumía o criterio de decidir quen accedía á tribuna de convidados do Parlamento". "Ese -lamenta Losada- foi o único criterio exposto", que para Beiras é mostra dun "despotismo sen ilustración" que esixía "esta coincidencia" entre as tres forzas "na defensa dun Parlamento democrático". Rojo, di o líder de AGE, debe lembrar que preside unha Cámara e non é "a directora dun reformatorio ou centro conventual do século XVIII".

O PP ve "radicalidade" e "esaxeración"

A resposta do PP á unidade da oposición chegaba minutos despois a través, Pedro Puy, quen repartiu acusacións de "tendencia á esaxeración" nun ton sensiblemente máis airado do que é habitual no voceiro dos conservadores. "A medida da presidenta é proporcionada e non é unha novidade nos Parlamentos que hai en España", di o popular, quen ademais asegura que a presidenta "en absoluto limita a entrada de persoas", senón que "limita a entrada de persoas que non se ateñan ao Regulamento".

Puy reprocha que os grupos non controlasen "os seus convidados" aínda que portasen "camisolas ou cartaces"

En calquera caso, nos case corenta e cinco minutos en que contestou ás preguntas da prensa Puy non foi quen de aclarar cales serán os criterios a seguir para as prohibicións preventivas de acceso ás sesións. Será "o criterio que entenderá ela", a presidenta, a quen lle corresponde establecer un "certo control" para que ninguen acuda "rebentar o normal funcionamento da institución democrática". Isto, di, sería o que terían que facer os grupos cando "no pasado" -ata a pasada semana- podían convidar "automaticamente" a cidadanía. Pero non o facían aínda que as persoas convidadas levasen "camisolas ou cartaces" de protesta, material que, suxire, portaban ao "saír" das instalacións dos grupos parlamentarios da oposición.

"Parece que quen ten un tic antidemócrata é quen defende as institucións", censura Puy, quen coida que a medida é "a decisión menos radical posible" nun contexto no que, ao seu xuízo, non cabe "comparar" protestas como as dos afectados polas preferentes coa dos alcaldes do PP que, en 2005, protagonizaron incidentes no Parlamento contra o Goberno bipartito. O que si conclúe o conservador é que o PSdeG ten "merecida" a "benvida" que "o señor Beiras lle deu á radicalidade".

Jorquera, Losada e Beiras, en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.