PSdeG e BNG reformarán o IGAPE e impulsarán o uso do solo industrial

Francisco Conde visitando este martes unha industria en Pontecaldelas como conselleiro de Economía Dominio Público Xunta de Galicia

As políticas industriais centraron este martes a campaña electoral de boa parte das principais forzas políticas galegas. PSdeG e BNG coincidiron en prometer a reforma do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e un maior impulso ao uso do solo industrial, mentres que cargos da Xunta visitaron empresas de éxito para salientar a colaboración do Goberno galego no seu crecemento. Pola súa banda, Feijóo centrou as súas mensaxes do día en materia de política social mentres que En Marea presentou en Ourense, o feudo do baltarismo, as súas propostas de transparencia e participación cidadá como antídoto contra o caciquismo.

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, reuniuse este martes en Vigo cos traballadores e a dirección do estaleiro Vulcano, onde cualificou de “gran fracaso” a política industrial do PP. Leiceaga prometeu “reformar o IGAPE para convertelo nunha ferramenta útil, eficaz e dinámica”. Do mesmo xeito, o socialista lamentou que siga a existir necesidade de solo empresarial nas proximidades das zonas industriais de Galicia, para o que avogou por crear unha axencia específica de promoción dese tipo de solo. Igualmente, prometeu un plan estratéxico para a industria metalúrxica.

Desde o BNG, a súa candidata, Ana Pontón, apostou por transformar o Igape nun “instituto de crédito” e crear unha “banca pública galega” ao servizo da economía produtiva con microcréditos a “xuro cero”. Pontón comprometeuse a que os menores de 35 anos e as mulleres que poñan en marcha un proxecto poidan dispor de naves industriais de xeito gratuíto durante o primeiro ano “se non teñen beneficio”. Do mesmo xeito, dixo que é necesario “duplicar os fondos” tanto para os “investimentos en capital risco” como “en I+D+i”.

O PP fai campaña visitando empresas de éxito con cargos públicos da Xunta

Precisamente este martes, mentres o candidato Feijóo centraba o seu discurso nas políticas sociais cun acto en Ferrol, os responsables das áreas industriais no actual Goberno galego, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, candidato por Lugo, e o director da xestora de capital risco da Xunta, Xesgalicia, Juan Cividanes, visitaban como cargos públicos dúas empresas galegas de éxito nas que salientaron o apoio público que a industria está recibir. Conde eloxiou a recente expansión de Aludec no polígono industrial de Pontecaldelas e salientou a importancia da I+D na automoción en Galicia. Pola súa banda, o responsable de Xesgalicia salientou o apoio da súa entidade pública á empresa Abcr Labs, instalada no polígono industrial de Vilapouca, en Forcarei. Tamén este martes a Xunta anunciou a ampliación ata o 30 de setembro do prazo de solicitude de axudas para autoemprego e creación de empresas por parte de emigrantes retornados.

Contra o caciquismo en Ourense

En Marea promove en Ourense a transparencia e a participación contra o caciquismo da "coalición Baltar-Feijóo"

Pola súa banda, o candidato de En Marea, Luis Villares, elixiu o feudo baltarista de Ourense para presentar alí as propostas da súa formación en materia de transparencia e participación cidadá. Segundo dixo, “En Marea representa a fin do caciquismo e da corrupción que alimenta a coalición Baltar-Feijóo”. Para loitar contra eses problemas Villares propuxo unha reforma da lei electoral galega “que revise as actuais circunscricións, avance nas garantías de igualdade de xénero, axilice a participación dende o exterior e deite máis luz sobre o financiamento das campañas”. Villares tamén prometeu a implantación de orzamentos participativos en 2018, unha lei que regule os grupos de presión, un observatorio independente que avalíe e fiscalice as políticas públicas e unha lei de participación democrática.

Leiceaga en Vulcano Dominio Público PSdeG
Ana Pontón en Carballo Dominio Público BNG
Villares en Ourense Dominio Público En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.