Nove meses despois de que o Concello da Coruña solicitase unha xuntanza con José Llorca, presidente de Puertos del Estado, para tratar o futuro dos peiraos da cidade, este accedeu finalmente este martes a acudir a María Pita. Sobre a mesa estaba a proposta realizada polo Goberno municipal para crear un consorcio público (con participación de todas as administracións) que decida os usos deste espazo. E tamén o acordo ao que hai dúas semanas chegaron a Xunta e o ente portuario estatal, sen convidar o Concello a participar.
Ferreiro acusa a Xunta e Puertos de querer "excluír á cidade da Coruña do debate e da toma de decisións"
A reunión finalizou sen acordo ningún e non serviu para achegar posicións. O alcalde herculino, Xulio Ferreiro, cualificouna de "decepcionante" e acusou a Puertos del Estado e ao Goberno galego de querer "excluír á cidade da Coruña do debate, da toma de decisións e da soberanía que lle corresponde como o lugar onde se deben definir as políticas urbanas que nos afectan". "Prefiren seguir tomando as decisións no consello de administración da Autoridade Portuaria, onde entre ambas administracións teñen unha maioría que lles permite deixar de lado á cidade”, denunciou. O único resultado do encontro foi a promesa de Puertos e Autoridade Portuaria de que estudarán a proposta remitida polo Goberno local e emitirán unha valoración no prazo dun mes.
O alcalde da Coruña reiterou a proposta de crear un consorcio para "garantir a titularidade e a xestión pública dos terreos"
O rexedor salientou que o Concello quere “chegar a fórmulas pactadas e un acordo global, para despois tomar as decisións para cada terreo portuario” e reiterou a proposta de crear un consorcio para "garantir a titularidade e a xestión pública dos terreos" e "a toma de decisións de forma cooperativa entre todas as administracións", co obxectivo de rescatar os terreos portuarios e o impulso ao litoral coruñés "sen ter que recorrer, en ningún caso, á especulación". "Estamos falando dun dos asuntos máis importantes que temos na nosa cidade no presente e seguramente para as próximas décadas", salientou. "Hoxe, a cambio de nada e máis alá de vaguidades, o que se buscaba era a beizón do Concello para a poxa dun único elemento, como é o hotel Finisterre, e iso non vai suceder sen un acordo global", subliñou
Ferreiro foi moi crítico coa actitude mantida por Llorca nos últimos meses e tamén este martes na propia reunión, sinalando que acudiron á xuntanza “sen un só papel. Nin unha valoración sobre a nosa proposta nin unha proposta alternativa”. Llorca foi recibido na Praza de María Pita por unha concentración convocada polos colectivos contrarios á privatización dos terreos portuarios, con faixas que rexeitaban "a venda da fachada marítima" e pedían a "devolución gratuíta" á cidade de todos os terreos que hoxe xestiona a Autoridade Portuaria, entre eles o complexo da Solana, o Hotel Finisterre e os peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego.
Dúbidas, sobre todo, sobre San Diego
O acordo anunciado por Alberto Núñez Feijoo e José Llorca deixaba aberto o futuro de San Diego e dende o Concello acúsase a Puertos e Xunta de buscar, simplemente, gañar tempo
Hai dúas semanas Xunta de Galicia e Puertos del Estado anunciaban un acordo polo que a Autoridade Portuaria renunciaba a unha parte do seu proxecto de privatización e venda dos terreos dos peiraos. O Porto comprometíase a vender nin a Solana nin os terreos de Batería e Calvo Sotelo, espazos estes últimos nos que o convenio de 2004 prevía construír novas grandes superficies comerciais nos de Calvo Sotelo e Batería, con edificios que ata 9 alturas. Porén, quedaba pendente o futuro dos terreos de San Diego, terreos que non quedarán desafectados ata o ano 2022 e onde o proxecto inicial pretendía erguer catro mil vivendas, con inmobles de ata 10 andares.
Este espazo de San Diego era onde a Autoridade Portuaria esperaba obter máis beneficios (entre 85 e 250 millóns na estimación de 2004, hoxe imposible de cumprir). E, polo tanto, constitúe a parte máis importante de calquera acordo. O acordo anunciado por Alberto Núñez Feijoo e José Llorca deixaba aberto o futuro de San Diego e dende o Concello acúsase a Puertos del Estado e Xunta de buscar, simplemente, gañar tempo, rebaixar o ambiente de rexeitamento creado na cidade ao redor da privatización do porto e, se cadra, agardar unha conxuntura política máis favorable.
É por iso que dende o Goberno municipal se esixe un compromiso global para garantir o carácter público dos terreos portuarios, a exclusión dos usos residenciais e un consenso entre todas as administracións para conseguir "unha mellor integración entre o porto e a cidade, a mellora da mobilidade na contorna, compensar déficits de espazos libres e equipamentos públicos singulares, e conseguir un peche da fachada marítima de calidade arquitectónica e ambiental". Este rescate dos terreos portuarios faríase contando coa "participación pública da cidadanía" e nese senso este martes Xulio Ferreiro salientou que dende o Concello "estamos traballando na definición dos usos deses terreos portuarios, e o faremos tendo en conta os principios recollidos no protocolo e coa participación da veciñanza, do tecido empresarial da cidade e de todas as institucións públicas que queiran participar e teñan relevancia".
Llorca rexeitou na xuntanza que a Autoridade Portuaria se poida acoller a unha quita da súa débeda, ao igual que fixeron as autoestradas radiais de Madrid
Ferreiro felicitou á Autoridade Portuaria e a Puertos del Estado por ter renunciado ao proxecto inicial contido no convenio de 2004, sinalando que “parece que por fin hai unha cesión ao sentido común da cidade, como é a xestión e titularidade pública dos terreos, e a necesidade de non especular e de crear un modelo de cidade sostible". Porén, concluíu que “lamentablemente seguen buscando atallos e trucos para ceder e, ao mesmo tempo, conservar o control sobre as decisións, saltándose directamente á cidade e ao seu Concello”.
En canto á débeda que arrastra a Autoridade Portuaria e que é utilizada por Puertos del Estado para xustificar o plan de privatización dos terreos litorais, José Llorca rexeitou na xuntanza que o ente se poida acoller a unha quita, ao igual que xa fixeron por exemplo as autoestradas radiais de Madrid. Con todo, anticipou que o Porto da Coruña non terá que correr cos gastos da construción da conexión ferroviaria a Punta Langosteira, aínda que se negou a facilitar máis detalles.