Rajoy, Raxoi e a corrupción

Intervención de Rajoy no peche da convención © PP

A pasada fin de semana o PP celebrou en Madrid a convención dende a que se lanza ao longo ano electoral de 2015, un ciclo de comicios que no caso galego se prolongará, agás sorpresa maiúscula, ata 2016. No mitin final do evento, celebrado baixo a longa sombra de Luis Bárcenas, o líder dos conservadores e presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, arengou os seus ante enormes pantallas que alternaron a imaxe dunha bandeira española coa de diferentes espazos monumentais. Unha delas foi unha panorámica do centro histórico de Compostela, coa Catedral como protagonista e, diante dela, a terraza do Pazo de Raxoi, emblemático edificio que comparten a Presidencia da Xunta e o Concello de Santiago.

Nesa terraza de Raxoi, pazo no que Rajoy pasou a súa etapa como vicepresidente da Xunta, comezou simbolicamente hai tres anos e medio o via crucis do PP no consistorio da capital de Galicia. O 1 de xullo de 2011 o flamante alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa, ofrecía nos primeiros minutos do seu mandato un concorrido convite no que destacaba a presenza do presidente da Xunta. Nove meses despois Conde Roa víase obrigado a ceder o bastón de mando por mor da fraude fiscal da súa construtora. Case a continuación, a trama Pokémon sumía no descontrol o goberno local que, xa con Ángel Currás á fronte, avanzou inexorablemente cara a un caos que estourou de vez coa inhabilitación por prevaricación da metade do seu gabinete.

A feble memoria política colectiva e o escaso peso dos avatares políticos galegos na axenda estatal permitiron que o decorado do mitin de Rajoy pasase practicamente desapercibido

A excepcional crise institucional da capital de Galicia culminou coa intervención directa do presidente da Xunta e do PPdeG, quen deu en colocar como terceiro rexedor en tres anos ao conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, quen pechara simbolicamente a lista popular en 2011. Así, dende o pasado xullo, Hernández ten a tarefa de reconstruír as ruínas do consistorio e do PP local á fronte dun gabinete formado maioritariamente por edís non electos.

Malia estes acontecementos, a feble memoria política colectiva e o escaso peso dos avatares políticos galegos na axenda estatal permitiron que o decorado audiovisual do mitin de Rajoy en Madrid pasase practicamente desapercibido. O atribulado presidente, que noutrora apoiara persoalmente con entusiasmo a candidatura de Conde Roa... Seguir lendo en Propósito de emenda

Intervención de Rajoy no peche da convención © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.