Santiago, paralizado ata a chegada do goberno non electo

Escanos do goberno compostelán, baleiros durante o pleno CC-BY-SA Praza Pública

Apenas dous minutos, tantos como edís sentaban na bancada do PP. Foi o tempo que o aínda alcalde de Santiago, Ángel Currás, precisou para oficializar nun pleno extraordinario as baixas dos sete edís do seu goberno condenados por prevaricación e a dimisión da edil de Educación, imputada na Pokémon. Mentres ao seu carón sentaba a súa número dous, Reyes Leis, que xunto a el mesmo aglutina todas as competencias do Concello da capital, Currás leu a que vén ser a acta de defunción política do seu gabinete e, ao tempo, a luz verde para a entrada no consistorio do equipo comandado por Agustín Hernández e composto, na súa maioría, por persoas que non foron elixidas nas urnas.

Os asentos baleiros do pleno municipal fronte aos escanos ocupados pola oposición de PSdeG e BNG tornaron este mércores nunha crúa metáfora da situación do Concello santiagués, unha escena que Currás semella querer evitar a toda costa. Nun escenario de parálise política o rexedor convocou para este xoves unha xunta de portavoces na que, segundo foi transcendendo, lles proporá aos representantes socialista e nacionalista adiar o pleno de xuño, que debería celebrarse o xoves 26 e, polo tanto, que implicaría desenvolver unha sesión ordinaria cun goberno de catro persoas no que dúas delas acumulan a totalidade das responsabilidades.

"Unha imaxe vale máis que mil palabras"

Á espera desa Xunta de Voceiros as forzas da oposición, aínda sumidas nunha certa estupefacción, sitúan a imaxe ofrecida no pleno polos conservadores como mellor resumo do acontecido. "Unha imaxe vale máis que mil palabras", ilustra o nacionalista Rubén Cela, para quen a situación é xa "absolutamente patética e terríbel" e, ademais, pórtico dun episodio inédito, o que suporá que "por primeira vez na historia de Santiago e do municipalismo galego" haxa "o goberno dunha corporación municipal coa maioría dos seus membros como concelleiros non electos". Para o socialista Francisco Reyes o que vén agora é unha "intervención pola porta de atrás" na que, tras o "epílogo do drama", Hernández nomeará "dixitalmente a quen o van elixir como alcalde".

A oposición ve a situación "patética e terríbel" cun goberno "non por vontade popular, senón do Partido Popular"

"A decisión pode ser legal, pero a todas luces é unha auténtica fraude democrática", acrecenta Cela, quen apela a non concentrar toda a responsabilidade unicamente en Currás e nos seus colaboradores máis directas. Este "tristísimo final", di, deriva da "responsabilidade colectiva do PP" e da súa dirección, que "amparou e avalou unha candidatura encabezada por Gerardo Conde Roa sabendo quen era e o que podía saír de aí" e tamén "mirou cara a outro lado" ante "cada nova causa xudicial". Mentres uns e outros dubidan da capacidade para gobernar dun equipo que, entre outras cousas, estará limitado polas sentenzas xudiciais que impiden que os non electos formen parte da Xunta de Goberno, Reyes lamenta a "foto" que está a ofrecer Compostela: "Imos ter un goberno non por vontade popular, senón por vontade do Partido Popular".

Plataforma cidadá

A inédita situación municipal está a provocar consecuencias tamén fóra do Pazo de Raxoi, desta volta nunha non menos inédita de forzas políticas e sociais para censurar a actuación do PP. Xusto antes do pleno extraordinario unha ducia de organizacións -Anova, Asemblea Aberta, BNG, Candidatura do Povo, CxG, EQUO, Espazo Ecosocialista Galego, EU, NOS-UP, Podemos, Santiago de Corruptela e Stop Desafiuzamentos- anunciaron a súa intención de promover accións para procurar que a cidadanía se "impoña a estes déspotas coa protesta na rúa e tamén co traballo conxunto", a comezar pola organización dunha asemblea aberta o vindeiro día 25 na Praza do Toural como paso previo a unha "manifestación pola recuperación da dignidade compostelá e contra a investidura ilexítima de Agustín Hernández, a quen non consideramos o noso alcalde".

Unha ducia de organizacións convocan unha asemblea aberta para o día 25 co obxectivo de emprender mobilizacións

"A corrupción impregnou o goberno municipal", di unha das voceiras da plataforma, Mar Lopes, que no nome do conxunto das organizacións critica que "o goberno do PP decidise escapar cara a adiante, continuando coas prácticas corruptas" e actuando de forma "despótica". "Só dan conta ante os seus cómplices" mentres a veciñanza, di, "só contamos para pagar os impostos que financian as súas corruptelas". A situación, láianse, "tornou insostíbel" cun Concello "paralizado" pola "corrupción" e polas "loitas internas do PP". "Non renunciamos a sentirnos orgullosos deste concello, a cidade é de todas e todos, non do Partido Popular", conclúen.

Membros da plataforma cidadá, ante o Pazo de Raxoi CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.