Jorge Suárez encabezaba a única lista que se presentou para liderar Ferrol en Común e recibiu a unanimidade dos 213 votos que emitiron os inscritos no proceso de primarias. Este funcionario de xustiza suma xa dúas victorias tras ser elixido hai unhas semanas como candidato de EU. Aproveitamos unha viaxe súa por motivos laborais para que nos conte as expectativas da plataforma cidadá.
Xa foi o candidato máis votado nas primarias de Esquerda Unida e despois de Ferrol en Común, como se sente con tanta responsabilidade?
Non é un motivo de autogabanza, síntome reforzado por un grupo importante de persoas que decidiron respaldarme porque saben que formo parte dun proxecto colectivo sen liderados absolutos, senón ser partícipes dun proceso colectivo para unha nova cultura política que está a crearse en toda Galicia.
Por que EU e Anova deixan a Marea Ártabra e crean Ferrol en Común?
Ben, fomos parte do movemento inicial da Marea Ártabra pero non se creou o espazo de confluencia necesario nin había unha masa crítica social que fora partícipe da Marea Ártabra, de feito converteuse máis nun lugar de confrontación que de creación. Entón decidimos abandonar ese espazo que, para nós, non era unha alternativa real de goberno e Ferrol en Común mesmo facilitou a entrada de moita xente de Podemos, que tampouco compartían a visión da Marea Ártabra e moitos colectivos sociais que estaban como agardando a que deramos o paso.
Desde a Marea tacharon a formación de Ferrol en Común de “irresponsable” porque “dividía e restaba forzas”…
A Marea Ártabra quedou reducida ás posicións críticas dos partidos que perderon os seus debates internos democraticamente, polo tanto, nós non tivemos un só comunicado negativo sobre a Marea Ártabra, de feito quixemos confluír xuntos nunha única papeleta contra o PP e o PSOE pero eles contestaron de xeito agresivo e tendencioso á nosa oferta. Polo tanto, eles levan o seu camiño e nós faremos o noso. Consideramos que temos o apoio da sociedade ferrolá indignada e eles están empeñados nunha cultura que nós non compartimos. Desde o principio nós afirmamos que se precisaba un proxecto de esquerdas para renovar Ferrol e a Marea pois di non ser nin de esquerdas nin de dereitas e nós si. Proxecto cidadán, popular e de unidade, pero netamente de esquerdas.
"Somos un proxecto cidadán, popular e de unidade, pero netamente de esquerdas"
Se viñera un estranxeiro que non soubese nada de política galega, como lle explicaría que é o que diferenza a Ferrol en Común da Marea Ártabra?
Pois que é un proxecto de esquerdas, que conseguiu o acordo de partidos e sen repudiar a militancia política, nós defendémola firmemente, tanto en partidos como en sindicatos. No regulamento da Marea recollíase que non podías ter cargos en partidos nin sindicatos, cousa lamentable. Polo tanto, o básico non é mirar o carné político ou sindical senón as ideas. A falta de programa da Marea e a indefinición ideolóxica non se corresponde co que demanda a sociedade que son actuacións serias, firmes e colectivas. E en realidade a esquerda é iso: a creación colectiva para o ben común.
"A falta de programa e a indefinición ideolóxica da Marea Ártabra non se corresponde co que demanda a sociedade"
Que papel xoga Podemos na composición de Ferrol en Común?
Podemos tivo un proceso moi accidentado en Ferrol e nós sempre dixemos que se esas 900 persoas que estaban inscritas nos círculos de Podemos estaban interesadas en formar unha alternativa ao réxime debían ter cabida nunha candidatura de unidade popular. E aínda que o partido non se vai presentar ás municipais e quere preservar a súa marca, valoramos moi positivamente que moitos deles decidiran asembleariamente incorporarse a este proceso e estamos traballando todos como un bloque cohesionado.
Ter a Podemos preto é garantía de éxito electoral?
Eu prefiro non facer as contas en suma de votos, senón en suma de ideas. Eu creo que Podemos ten un programa bastante parecido ao de Esquerda Unida, tanto a nivel nacional como local, moitos dos militantes de Podemos, coincidimos na rúa con eles nas mobilizacións sociais e é aí onde se crean os lazos para logo ter un bloque forte co que artellar esta iniciativa. Se non hai un traballo forte na rúa de mobilización e demais é imposible crear nada.
Dicíame que a Marea Ártabra non se define de dereitas nin de esquerdas, a Marea Atlántica tampouco se molla moito nisto, o propio Podemos tampouco, por que vostedes optaron pola definición clara no campo da esquerda?
Nós asinamos un manifesto que di que isto nace da vontade política de tres actores: EU, Anova e Podemos, nós non concordamos en repudiar o embrión, e o noso texto di que somos de esquerda e asumiuno Anova, Podemos e EU. Pode ser esquerda nacionalista ou non nacionalista, pero esquerda.
"Ferrol en Común pode ser esquerda nacionalista ou non nacionalista, pero esquerda"
Semella que na composición das mareas ao longo do país falta a peza do BNG…
Si, o BNG, tanto cando empezou a Marea Ártabra como con Ferrol en Común, fixemos un chamamento ao BNG porque, consideramos que PP e PSOE teñen unhas políticas calcadas, pero o BNG si que é unha alternativa ao réxime pero, lamentablemente, parece que o BNG parece estar atravesando esa travesía do deserto encapsulados nas súas posicións máis firmes e non están abertos a ningún tipo de negociación. Pretenden preservar a súa identidade, eu respecto esa decisión aínda que pense que é un erro de estratexia política porque agora mesmo o que cómpre é un cambio de sistema radical e hai que ter altura de miras e o BNG está errando. Pero o que si é certo é que, aínda que non nos atopemos agora antes das eleccións, estou convencido de que chegaremos a moitos puntos de encontro nos concellos e administracións máis próximas.
"O BNG é unha alternativa ao réxime pero, lamentablemente, parece estar nunha travesía no deserto"
En Ferrol en Común falades de “apartar das gadoupas do poder das empresas e dos partidos do réxime os fondos públicos”…
Nós temos un programa desenvolto, aprobado en asemblea, por unha parte, a visión crítica, que non é a construtiva, temos todas as taxas récord en cousas negativas, e paralelamente, mentres sucede isto, ao que se dedicou o goberno municipal foi á externalización a grandes multinacionais de todos os servizos: a auga, o saneamento e nós falamos dunha palabra clave nun programa político social que é a remunicipalización. Se nós entramos no goberno, as primeiras xestións van ser para remunicipalizar todos os servizos e facelo de forma participada. En Ferrol existe un regulamento de participación cidadá que está nun caixón, tanto o PP como o PSOE nin o miraron e contempla xa figuras como consellos de veciñanza, territoriais nos que os veciños e veciñas forman un consello asesor do goberno.
Ferrol é un exemplo claro de cidade dominada pola casta da que tanto se fala?
Ferrol é a zona cero do modelo político actual baseado no roubo sobre os servizos públicos, na degradacióoon dos servizos sociais, na dificultade de acceder á renda de inserción básica ou a dificultade de crear emprego máis aló do monocultivo do naval. Ferrol é o paradigma deste modelo de empresas e casta política que entre eles mesmos se reparten o pastel. Eu creo que desde o concello se podería crear emprego cun pouco de esforzo, cun modelo viable financieiramente. Nós traballamos nun plan de choque para, no primeiro ano de lexislatura, crear emprego de calidade e público, ben directamente ou a través do cooperativismo social.
"Ferrol é a zona cero do modelo político baseado no roubo e na degradación dos servizos sociais"
Fala de cooperativismo, de remunicipalización, afonde un pouco máis nesas liñas mestras do programa político para revivir o Detroit galego.
Hai moita xente que non lle gusta o de Detroit galego porque queren manter un pouco a dignidade de Ferrol pero imos asumir que é o Detroit do norte. Nós temos un programa aberto e imos facer unhas xornadas para a achega de ideas, tanto individuais como colectivas pero ten que ter tres piares básicos: a participación, emprego e os servizos sociais. Nós sostemos a posibilidade de implementar unha renda básica municipal, hai fondos e recursos para facelo, e non queremos os servizos sociais que fai o Partido Popular que son do nacional-catolicismo: entregan axudas puntuais. Un caso concreto é que, en Ferrol a xente que se desafiuza pois o concello lévaos unha semana a un hostal e xa. O urbanismo tamén vai ser fundamental porque, froito da burbulla inmobiliaria, a cidade expandiuse sen sentido, temos unhas 9.000 vivendas baleiras e xente que non ten onde vivir. Consideramos importante rexenerar os barrios do Ferrol Vello, que parecen unha película de Vietnam dos 70, e a través da rexeneración de vivendas, aluguer social e un banco de vivenda social tamén se xeraría emprego. Simplemente é ter a vontade política de, en vez de destinar recursos a obras faraónicas, facelo a necesidades básicas de sustento, vivenda e traballo.
"Non queremos os servizos sociais que fai o PP, son do nacional-catolicismo"
Que teñen pensado para paliar o actual problema do monocultivo do naval?
É un problema, pero non xorde da nada, vén da falta da vontade política e dun plan estratéxico. O naval estase deixando morrer intencionadamente, nós tiñamos que ser un país de servizos e turismo ao entrar na UE e por iso o naval está en degradación. Nós defendemos recuperar o sector naval público cuns investimentos masivos, que se constrúan as infraestruturas que se demandaron: un dique flotante e un cuberto, que se dote de cadro de persoal a Navantia-Fene porque actualmente hai 300 empregados, a maioría de máis de 50 anos, e iso é inviable para que un estaleiro funcione con tecnoloxía punta.
"O naval estase deixando morrer intencionadamente"
Como alternativa ao naval temos varias propostas. Unha delas é o cooperativismo agrícola. Nós cremos que hai que mudar as canles de distribución alimentaria, temos pensado recuperar terreos do Ministerio de Defensa e crear esas cooperativas que darán emprego a persoas da comarca, entre distribución, mercado e demais. Todo o consumo de Ferrol, tanto de comedores sociais como escolares ten que ser de produto autóctono e local. E, como xa mencionaba antes, o emprego da rehabilitación que, ademais, é sostible no tempo porque se precisa mantemento.
De onde van saír os recursos para financiar a campaña?
Non agochamos de que formamos parte, tanto EU, Anova e Podemos, desta coalición e nós temos recursos para as campañas e imos poñelos todos á disposición da coalición porque queremos a máxima visibilidade posible e que a xente coñeza por todos os medios as nosas propostas.
Móllese un pouco, cales son as expectativas nos resultados?
A nosa aspiración é gobernar, non podo dicir outra cousa. Non creo que o Partido Popular revalide a maioría absoluta e entón, a partires de aí, hai que falar de pactos e decisións conxuntas pero eu creo que hai que tombar ao PP. A título persoal non son partidario de entrar nunha coalición co PSOE, pero claro, se cadra a asemblea de Ferrol en Común decide outra cousa. Aspiramos, polo menos, se con EU tiñamos 2 concelleiros, con esta agrupación, eu creo que podemos falar de entre 4 e 6 concelleiros.
O alcalde do PP, Rey Varela, vén de propoñer en twitter un debate entre todas as forzas que concorredes, Ferrol en Común participaría?
É demagóxico que, despois de 4 anos sen interlocución nin coa oposición nin co tecido social, pretenda abrir un debate. Eu, ironicamente, xa dixen que eran ordes do PP, Partido Piramidal, porque dixérono simultaneamente en todas as cidades. En todo caso, nós aceptaremos calquera debate e mesmo facelos repetidos polos barrios pero eu creo que isto é síntoma do medo que teñen. Onte Tellado, o portavoz popular, en sede parlamentaria dixo que, en Ferrol o inimigo a bater era IU, un pouco ignorante pola súa parte porque EU non se presenta, pero ven na coalición un inimigo.