Sopesan o maxistrado Luís Villares como candidato da Marea á Presidencia

Luís Villares CC-BY-SA Praza Pública

En Marea sopesa a posibilidade de nomear a Luís Villares como candidato á presidencia da Xunta. Villares é portavoz de Xuíces para a Democracia en Galicia, e é maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O ofrecemento non pasou polo de agora do ámbito informal pero foi trasladado, dun xeito ou outro, a todas as partes implicadas na procura dunha fórmula para disputarlle a Feijóo o Goberno galego.

O seu nome xa obtivo o consenso de todas as partes implicadas cando se configurou a lista ao Congreso de cara ao 20D. Entón, pretendíase que Villares encabezase a lista pola provincia de Lugo, pero o xuíz preferiu non aceptar o encargo

Non é a primeira vez que o espazo de En Marea pensa na figura deste maxistrado para unha lista electoral. O seu nome xa obtivo o consenso de todas as partes implicadas cando se configurou a lista ao Congreso de cara ao 20D. Entón, pretendíase que Villares encabezase a lista pola provincia de Lugo, pero o xuíz preferiu non aceptar o encargo. Agora o seu perfil volve soar con forza, a pesar de que hai outros nomes sobre a mesa. 

Carlos Aymerich foi quen sondou ao maxistrado. Fíxoo nun encontro que ambos mantiveron na Coruña e por encargo directo de Xosé Manuel Beiras. A parte coruñesa da confluencia galega, Marea Atlántica, tamén é consciente de que as primeiras sondaxes se produciron xa. Aseguran que "se comentou ese nome e que a priori non hai unha negativa". Marea Atlántica insiste, con todo, en que aínda non decidiron como será a arquitectura da oferta política que acordarán para as eleccións autonómicas se é que chegan a conseguir un entendemento como o que os levou ao Congreso dos Deputados. 

Villares aclara: "non teño unha oferta formal por parte das mareas encima da mesa"

Preguntado ao respecto, Villares aclara: "non teño unha oferta formal por parte das mareas enriba da mesa". De confirmarse a súa elección, sería o quinto membro da xudicatura que dá o salto a unha lista electoral nunha candidatura da chamada nova política, despois dos casos de Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), Manuela Carmena (Ahora Madrid), Juan Pedro Yllanes e Victoria Rosell (Podemos). En Euskadi, tamén á maxistrada Garbiñe Biurrum Podemos lle ofreceu encabezar o cartel ás eleccións deste ano.

Luís Villares CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.