Técnicos de Facenda recean da baixada de impostos "sen precedentes" prometida por Feijóo

Aplausos do PP a Feijóo tras o seu discurso no debate © Parlamento de Galicia

Un agasallo inoportuno. O sindicato Técnicos del Ministerio de Hacienda (GESTHA), colectivo sectorial que representa parte do persoal do Ministerio de Facenda e mais da Axencia Tributaria, observa con receo a chuvia de dádivas fiscais e subvencións anunciada por Alberto Núñez Feijóo durante o derradeiro debate de política xeral da lexislatura. O 'cheque bebé' e, sobre todo, as rebaixas xeralizadas de impostos son, para esta organización, cando menos pouco axeitadas a un momento no que o contexto orzamentario do Estado está en seria dúbida por mor dos receos da Comisión Europea.

O pasado día 12 o comisario europeo de Asuntos Económicos, Pierre Moscovici, emitía un ditame no que expresaba as súas dúbidas sobre a capacidade do Goberno de España para cumprir os obxectivos de déficit para 2016 e reclamaba, ademais, coñecer polo miúdo os plans orzamentarios das comunidades autónomas para o vindeiro exercicio. Este episodio, que non se resolverá totalmente ata a constitución do novo Executivo central, leva a GESTHA a advertir a Feijóo de que 2016, ano electoral en Galicia, "non é precisamente o ano axeitado para este tipo de medidas".

GESTHA advirte de que "non é o momento axeitado" para estas rebaixas polas dúbidas de Bruxelas sobre os orzamentos do Estado, que afectan tamén ás autonomías

"Non é o momento axeitado" para aplicar unha rebaixa do treito autonómico do imposto sobre a renda (IRPF), ademais, din, porque "aínda non se rexistrou o impacto real da rebaixa" que sufriu o treito estatal deste mesmo tributo para 2015 e para o propio 2016. Só cabería, di, se o recorte de Feijóo "se limita a acomodarse aos treitos e tipos datarifa estatal de 2016", xa que ese impacto "xa foi avaliado"a finais de 2014.

Alén disto, GESTHA observa tamén con preocupación a "acta de defunción do imposto de sucesións e doazóns galego", xa que o PP prevé "estender a cónxuxes e descendentes de calquera idade o réxime moi favorable do que agora gozan os descendentes menores de 25 anos". "O Goberno galego -afirman- non debería desaproveitar o aumento da recadación recoñecida, a que aínda non está ingresada, deste gravame por máis de 109 millóns sobre o orzamentado ata xullo e 2015 e 2014 cunha rebaixa fiscal". "Nun futuro -aseguran- podería ser utilizada para reducir a débeda ou consolidar a economía galega".

Máis gardarías e menos cheques

"Sería preferible que os fondos destes cheques se utilicen para aumentar o número de prazas nas escolas infantís"

Os técnicos agrupados en GESTHA tampouco ven con bos ollos a medida estrela lanzada por Feijóo, o 'cheque bebé' de 100 euros mensuais por nacemento que, con matices, lembra na súa filosofía ao promovido polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, que o propio presidente da Xunta criticou no seu momento con dureza. "GESTHA posiciónase en contra dos cheques universais para todas as familias calquera que sexa o seu nivel de renda [Feijóo asegurou que a axuda chegará ao 80% das familias]", así como dos "bonos gardaría para as familias que non teñan praza pública e dos bonos coidador nas localidades onde non exista gardaría", medidas tamén avanzadas por Feijóo.

Dende o punto de vista desta organización, sería "preferible" que os orzamentos que a Xunta vaia dedicar a estes cheques "se utilice para aumentar o número de prazas nas escolas infantís" públicas. "Ademais -engaden- a aprobación destes cheques obrigaría a reformular a permanencia da dedución por nacemento ou adopción de fillos ata en tres exercicios na declaración da renda", promovido dende o Estado.

Aplausos do PP a Feijóo tras o seu discurso no debate © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.