Todo está no aire

Suso de Toro Dominio Público Praza Pública

Suso de Toro analiza para eldiario.es as eleccións do 21-0: "Crece en todo o Estado a animadversión ao Goberno, tan autoritario que é incapaz de buscar aliados. Rajoy necesita desesperadamente non perder o poder en Galicia e o paradoxo é que para que Rajoy o conserve o candidato Feijóo nestas eleccións ten que parecer distante de Rajoy". E sinala que a favor de Feijóo "xoga o ter unha blindaxe informativa enorme, conta coa televisión estatal, que agora controla o seu partido, coa autonómica e co apoio incondicional da maior parte da prensa local, especialmente na provincia coruñesa".

Debería darnos que pensar o que se lembre tan pouco que a democracia en España se fundou en dous pactos, un entre franquistas e antifranquistas por unha banda e, tras, o regreso do exilio do Honorable Tarradellas e do lehendakari Leizaola, outro pacto con Cataluña e País Vasco para que convivisen nun marco español. Iso se desdebuxou dun modo consciente tras o 23-F impulsando 17 improvisadas autonomías, moitas sen que ninguén as pedise. Nas próximas eleccións autonómicas País Vasco e Cataluña con seguridade van remarcar o seu carácter de nacións, o caso de Galicia, a outra nacionalidade histórica, é distinto e, quizá, contrario.

Rajoy necesita desesperadamente non perder o poder en Galicia e o paradoxo é que para que Rajoy o conserve o candidato Feijóo nestas eleccións ten que parecer distante de Rajoy

A reivindicación nacional galega comeza por mor da centralización do Estado a mediados do XIX, nace dunha minoría de ilustrados e artistas como o magnífico Antolín Faraldo, un revolucionario liberal, e aínda que no século XX conseguiu transcender do mundo dos intelectuais a sectores sociais populares, excepto o breve período republicano, non conseguiu liderar o país. Galicia plebiscitou o seu autogoberno no 36 pero o franquismo foi aquí moi duro, ao morrer Franco o soño republicano e galeguista que custara tanto sangue estaba esquecido nunha sociedade debilitada primeiro polo exilio e logo pola posterior emigración masiva a América e Europa. O Goberno galego no exilio, en Buenos Aires alén do océano, sen conexión co interior extinguiuse nos anos cincuenta e xa non retornou; é indicativo da debilidade histórica de Galicia cando recupera a autonomía. E así foi administrada por unha dereita que nunha primeira época gobernaba con tanto nepotismo como paternalismo, que logo con Fraga mostrouse máis autoritaria e que agora se fixo tan cínica como submisa á sede madrileña do PP.

Crece en todo o Estado a animadversión ao Goberno, tan autoritario que é incapaz de buscar aliados. Rajoy necesita desesperadamente non perder o poder en Galicia e o paradoxo é que para que Rajoy o conserve o candidato Feijóo nestas eleccións ten que parecer distante de Rajoy. Polo demais, Feijóo é perfectamente capaz de conseguir iso ou o contrario, é un político hábil e en constante movemento que non para de mover as cartas na mesa. O problema é que como gobernante foi un completo fracaso: só creou división onde non a había: na lingua galega, a fusión das dúas caixas era un obxectivo imposible, aplicou desde o primeiro día a política de recorte do público e privatizacións do recortado e o seu traballo foi desfacer unha a unha as reformas da anterior Xunta.

Ao seu favor xoga o ter unha blindaxe informativa enorme, conta coa televisión estatal, que agora controla o seu partido, coa autonómica e co apoio incondicional da maior parte da prensa local, especialmente na provincia coruñesa

Encima, suspendeu as adxudicacións que se concederon a través dun concurso eólico público e non se crearon os postos de traballo que xerarían, pero ademais as empresas recorreron a suspensión e agora haberá que pagarlles unha indemnización monstruosa; con diñeiro noso, naturalmente. Por outra banda, irrompeu na política galega un fenómeno parido na caverna político-mediático madrileña, Mario Conde. E como Conde é listo e como é un momento de confusión e hai cabreo nas bases da dereita, o PP está moi preocupado: é posible que entre no Parlamento quitándolles a maioría absoluta e que Feijóo se vexa obrigado a pedir a súa man para gobernar.

Con todo, ao seu favor xoga o ter unha blindaxe informativa enorme, conta coa televisión estatal, que agora controla o seu partido, coa autonómica e co apoio incondicional da maior parte da prensa local, especialmente na provincia coruñesa. E ao seu favor xoga o sumario por corrupción que abriu unha xuíza de Lugo e que ensuciou bastante a imaxe dos dous principais partidos da oposición, PSdeG e BNG. É tan rechamante e está a ser tan discutida a actuación xudicial que fai deste un caso digno de estudo, pola interferencia entre un proceso xudicial e outro político e polo poder que veñen demostrando en España os xuíces para orientar ou condicionar as decisións da cidadanía. O caso é que ese proceso xudicial pode ser clave para decidir quen gañe as eleccións.

O triunfo electoral de Feijóo tería varias dimensións, apontoaría a Rajoy e, de paso, el converteríase nun home forte do seu partido

O triunfo electoral de Feijóo tería varias dimensións, apontoaría a Rajoy e, de paso, el converteríase nun home forte do seu partido. Outra consecuencia é que a política económica e social de Rajoy veríase confirmada. E a consecuencia para Galicia é que, unha vez quede claro que Cataluña e Euskadi son nacións e non hai quen o poida evitar, verá diluído o seu autogoberno nun lote de autonomías que van ser baleiradas polo proxecto neocentralista do Goberno máis rancio desde a chegada da democracia (Aznar era descaradamente autoritario, este Goberno tamén pero, encima, devólvenos á época do NON-DO, o peite e o puro nos touros).

E se Feijóo perde? Entón ao candidato socialista, Pachi Vázquez, probablemente non lle baste negociar con Francisco Jorquera, o candidato do BNG, senón que terá que buscar a Esquerda Unida (EU). Desde hai uns meses as sondaxes dábanlle a EU a entrada no Parlamento e é probable que agora o confirme a Alternativa Galega de Esquerdas, tras fusionarse con Beiras, que abandonou o Bloque. Dun Parlamento de tres partidos poida que se pase a un de cinco ou seis.

Dun Parlamento de tres partidos poida que se pase a un de cinco ou seis

En xeral o ambiente está marcado polos efectos da crise nas nosas vidas, o descrédito de todo: a banca, a xudicatura, a policía, os medios de comunicación e, naturalmente, a política; moi en concreto os dous grandes partidos que gobernaron España nas pasadas décadas. A confusión, o cabreo e a desesperanza danlle a unha parte da poboación gañas de probar cousas novas e iso beneficiaría os partidos pequenos que aspiran a entrar. Por outra banda se prevalece a idea de que é unha oportunidade para censurar as políticas antisociais do PP quitándolle poder, esa perspectiva animaría á xente a concentrar finalmente o seu voto no tres partidos actualmente representados. Pero a estas alturas ninguén sabe o que vai pasar, nin sequera os estrategos do PP. Nin sequera as persoas que van votar, ou non. Todo está no aire.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.