A espionaxe española serviuse dos servizos do narco Marcial Dorado para introducir espías en territorio marroquí de maneira discreta. Así o denunciou fronte a Anticorrupción o ex garda civil José Manuel Sánchez Zabala, unha das principais testemuñas de cargo no xuízo contra Dorado. Eldiario.es púxose en contacto co CNI desde onde unha fonte oficial afirma: "Negamos rotundamente que tivésemos relación ou usásemos as empresas de Dorado como pantalla en Marrocos".
O CNI nega "rotundamente" que usase as empresas de Dorado como pantalla en Marrocos
No entanto, a redacción do diario tivo acceso á denuncia que Sánchez Zabala presentou en Anticorrupción. O rexistro de entrada é do 5 de novembro de 2007. Nela, este ex garda civil explica que os seus superiores lle ordenaron en 1996 achegarse a Marcial Dorado e introducirse na súa contorna no contexto dunha operación secreta que tiña por obxecto captar o daquela contrabandista de tabaco como colaborador da espionaxe española.
Segundo denunciou Sánchez Zabala, "todo o obxectivo da operación non foi outro que utilizar o poder económico de D. Marcial Dorado para comprar unha empresa estratéxica en Marrocos". Segundo o seu relato, "cando Dezcallar foi elixido por Aznar para dirixir o CNI, a empresa de Marcial Dorado foi ofertada como cobertura para a actuación dos servizos de intelixencia que operaban en Marrocos en plena crise diplomática".
A espionaxe española tería usado a Dorado como "cabalo de Troia" para introducir espías que se facían pasar por empregados das súas empreas
Dito doutro xeito, o que declara o principal infiltrado na rede de Dorado é que a espionaxe española serviuse de Marcial Dorado como "cabalo de Troia" para introducir en Marrocos espías que se facían pasar por empregados das súas compañías. Marrocos é tradicionalmente o país de maior relevancia para a espionaxe española e un dos países aos que máis recursos dedica. Os conflitos diplomáticos entre ambos os reinos foron constantes a pesar das boas relacións que sempre mantiveron as monarquías de ambos os países. En círculos diplomáticos considérase Marrocos como a rexión obxectivo número uno para España en materia de información e espionaxe.
A empresa que Dorado instalou no reino alauí dedicábase á produción de aceite baixo o nome Oil-Maroc S.A. Segundo a denuncia presentada en 2007, "o propio embaixador de España en Rabat (Sr Dezcállar) facilitou a través dos seus conselleiros a compra da devandita empresa para Dorado".
O ex garda civil asegura que sempre actuou baixo as ordes dos seus superiores e denuncia ameazas
Manuel Sánchez Zabala iniciou a súa relación con Dorado por motivos do servizo pero terminou desenvolvendo co narco unha relación persoal e profesional. Na actualidade atópase imputado por delitos relacionados coas supostas actividades ilícitas do narco galego.
Na súa defensa, Sánchez Zabala, argumenta que sempre actuou baixo as ordes dos seus superiores e denuncia que foi ameazado por estes da posible apertura dun expediente de investigación. Sempre segundo o relato do ex garda civil, estas presións son as que motivaron a súa decisión de solicitar a excendencia voluntaria do corpo armado.
Segundo o seu relato, todos os seus superiores coñecían e auspiciaban as relacións con Dorado, até o punto de que algúns altos mandos da Garda Civil incluíron a familiares no accionariado das empresas de Dorado en Marrocos. Segundo Zabala, "proba de que a adquisición da empresa estratéxica levou a cabo con éxito son os numerosos documentos mercantís rexistrados nos que figuran como accionistas Marcial Dorado e María do Pilar López López, cónxuxe do superior do denunciante (xefe de equipo de Policía Xudicial).
A denuncia presentada por este ex espía da Garda Civil non tivo relevancia xudicial algunha e tampouco supuxo para el ningunha imputación relacionada coas acusacións que nela realiza.