Un novo 'Banquete de Conxo' prevé xuntar as forzas e colectivos que impulsan a confluencia

Persoas promotoras do 25 de xullo cidadán CC-BY-SA Praza Pública

"Pasou o momento de limitarse a debater en facebook, nos grupos de correos ou nos comentarios das novas. Fagámolo nas rúas e nas prazas". Con esta petición remata o chamado que a Comisión Cidadá pola Unidade do 25 de Xullo, o grupo promotor que impulsou a mobilización unitaria, para celebrar un Banquete de Conxo 2.0. Unha xuntanza de todos os proxectos, plataformas, iniciativas e forzas políticas que apostan pola confluencia nunha candidatura unitaria galega de cara ás xerais e que "mostran a súa predisposición a apoiar e contribuír á realización desa alternativa". 

Os promotores do 25X unitario chaman a unha xuntanza de todos os colectivos que se pronunciaron a favor da confluencia para o 23 de agosto en Conxo

Un convite para o 23 de agosto ás 12 do mediodía en Conxo, "no mesmo lugar onde o 2 de marzo de 1856 se celebrou o máis transcendental acto de irmandade da historia recente de Galicia". Un chamado a esas "redes municipalistas, culturais, deportivas, veciñais ou sindicais" e aos "proxectos que nos últimos días teñen coincidido en reclamar accións encamiñadas á creación dunha alternativa galega de base cidadá". E tamén ás "forzas políticas de moi distinta caste organizativa, partidos e mareas, que mostran a súa predisposición a apoiar e contribuír á realización desa alternativa". Un chamado a "confluír a todos os colectivos que se pronuncian a favor" e no que se intentarán incluír tamén a algúns que polo momento non o fixeron. 

Pretende esta Comisión Cidadá, xa que logo, centralizar e xuntar nunha mesma convocatoria todos eses representantes de formacións políticos, sindicais, do mundo da cultura ou dos movementos sociais que levan semanas pulando pola confluencia política do nacionalismo e da esquerda transformadora galega nunha lista unitaria e que levou á proliferación de varios e variados manifestos. 

"Nese Banquete de Conxo 2.0 toda aquela persoa que se sinta concernida e todos eses movementos e todos os colectivos podemos ter a oportunidade para establecer as bases de funcionamento que conteñan uns principios mínimos de democracia de base e transparencia", din os promotores, que aclaran ter uns "obxectivos claros": "a construción dun movemento cívico de sensibilidades plurais que teña como fin inmediato elaborar unha candidatura que logre que os intereses da inmensa maioría da sociedade galega estean representados nas próximas Cortes do Estado".

O obxectivo é un "movemento cívico" plural que elabore unha candidatura "que represente os intereses da inmensa maioría da sociedade galega" no Congreso

Unha candidatura, segundo aclaran, "que non teña ningún tipo de dependencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega e que mesmo sirva para alentar a construción dun suxeito político que constitúa unha alternativa á inanidade e a desafección que desgoberna Galicia". Un movemento "que non se deteña no aspecto electoral, senón que paralela e posteriormente posibilite unha correntada de conciencia colectiva que o acompañe e o sustente, que poida abrir a porta a novas solucións para a xestión soberana do noso futuro colectivo", aseguran. 

A lista unitaria "non debe ter ningún tipo de depedencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega"

A Comisión Cidadá está convencida de que esta "idea que percorre Galicia" é un obxectivo amplo na sociedade: "a necesidade dun movemento cívico que erga unha alternativa política e electoral á sen razón que nos goberna e ao monstro que devora o noso futuro. Non fai falta describilo nin debullar o rosario das súas infamias. Son patentes e cadaquén sabe a súa". Ademais, coinciden en que a manifestación unitaria polo Día Nacional de Galicia puxo as bases e foi "o primeiro sopro de aire" ao se "clamar pola unidade deste pobo para facer posible o soño que alí se albiscaba: xunt@s". "Falar é bo. Xuntarse é necesario. Organizarse é imprescindible", rematan. 

O chamado dos promotores do 25X unitario chega logo de que agromasen unha morea de manifestos e manifestacións a prol da confluencia nunha candidatura galega. Logo do documento que impulsou a manifestación unitaria, do chamamento á Marea Galega,  da petición que chegou da mocidade activista ou do documento Pola Unión, plataformas cidadás e mareas apostaron tamén por unha lista única. Mentres, o BNG mantivo xa xuntanzas con CxG, Agora Galiza e o Partido Galeguista na busca de fórmulas para a unión política, ao tempo que Anova explorou as posibilidades de acordos con Podemos-Galicia. Agora, este Banquete de Conxo procura unha xuntanza na que todos estes colectivos asenten as bases e avancen na unidade. 

Cabeceira da manifestación CC-BY-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.