Unha bolsa de pipas e un dónut: así denuncia Ribadeo o cativo investimento da Xunta na vila

Cartel instalado nos últimos días polo Concello de Ribadeo no que se detalla o investimento das distintas administracións © Concello de Ribadeo

Este mércores comezaron en Ribadeo as obras na rúa da Estación, que discorre paralela á vía de Feve, cun investimento total de algo máis de 359.000 euros. O vieiro terá 10 metros de ancho, beirarrúa nunha das súas marxes, iluminación led e árbores. A nova non pasaría de ser unha breve nota de interese local se non fose polo cartel que anuncia a actuación, instalado polo Concello, e no que se detalla o investimento realizado por cada administración.

O investimento achegado pola Xunta , cero euros, foi ilustrado cun dónut, co que se quere salientar o cativo apoio emprestado polo Goberno autonómico a esta e outras obras e actuacións na localidade

Nel, indícase que a Deputación Provincial, a través da Área de Medio Rural, achegou a maior parte (280.000 euros) e que o Concello de Ribadeo completou con fondos propios o restante 22%, algo máis de 79.000 euros. O rechamante é que tamén se indica o investimento achegado pola Xunta de Galicia, cero euros, ilustrado cun dónut, co que se quere salientar o cativo apoio emprestado polo Goberno autonómico a esta e outras obras e actuacións na localidade. 

Inicio das obras na rúa da Estación, en Ribadeo © Concello de Ribadeo

No inicio das obras, o alcalde, Fernando Suárez (BNG), denunciou que “foi unha pena que a Xunta de Galicia, despois de térsenos asegurado no pleno da Corporación por parte do PP local que desta volta ía poñer si ou si, ao final coma sempre foi non". Suárez sinalou que "con todo, xa estamos afeitos a estes desplantes e oxalá no futuro inmediato cambien a súa actitude porque sempre será positivo para Ribadeo". "Mentres iso non aconteza, como sempre, nós ao noso que é seguir transformando Ribadeo para mellor”, engadiu.

“Foi unha pena que a Xunta, despois de térsenos asegurado no pleno da Corporación por parte do PP local que desta volta ía poñer si ou si, ao final coma sempre foi non", sinalou o alcalde

O PP local respondeu a través do seu voceiro, Daniel Vega, que criticou que o alcalde "se dedique a facer propaganda e a malmeter en lugar de xestionar cousas para Ribadeo, como facemos nós aínda que lle pese".

Curiosamente, o cartel do Concello dá continuidade a outro, instalado hai ano e medio de xeito anónimo, que denunciaba o atraso nesta obra na rúa da Estación (que dá moito uso ás parroquias do interior do Concello). Facíao con tres dónut, un para cada administración, simbolizando a falta de investimento de Xunta, Deputación e Concello. Dende entón, o ente provincial e o Goberno local si completaron a achega económica que permitirá realizar as obras e só a Xunta continúa co dónut.

Hai dous anos o Concello de Ribadeo denunciou o cativo investimento da Xunta na renovación do campo de fútbol municipal ilustrándoo cunha bolsa de pipas no cartel das obras

Non é a primeira vez que o Goberno local ribadense denuncia deste xeito o escaso investimento da Xunta na localidade. No ano 2019 o Executivo municipal reclamou durante meses que o Goberno galego realizase unha achega económica para a renovación do campo de fútbol municipal que fose máis ou menos equivalente á feita pola Deputación e o Concello, de xeito que cada administración puxese ao redor de 140.000 euros. Porén, finalmente, a achega da Xunta limitouse a 47.000 euros, fronte aos 140.000 da Deputación e aos 235.000 do Concello de Ribadeo, que tivo que responsabilizarse da parte ausente do Goberno galego.

En resposta, o Goberno municipal instalou un cartel no que se detallaba a achega económica de cada unha das tres administracións, ilustrando a parte da Xunta cunha bolsa de pipas, unha mostra do alcance e do uso que se lle podía dar ao investimento do Goberno galego.

Hai dous anos o Concello de Ribadeo denunciou deste xeito o cativo investimento da Xunta na renovación do campo de fútbol municipal © Concello de Ribadeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.