Unha ducia de organizacións asinan un manifesto conxunto para o 25 de xullo

Bandeiras nacionalistas nun partido da selección galega Dominio Público Praza Pública

Diversas organizacións nacionalistas, convocantes no seu día dunha mobilización nacional, o pasado 3 de marzo, pola soberanía, veñen de asinar o manifesto Viva o Día da Patria Galega! con motivo do 25 de xullo. O manifesto, subscrito por Agir, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, Central Obreira Galega, Comités, Confederación Intersindical Galega, Federación Rural Galega, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega e Nós-UP, apela á necesidade de acadar "a soberanía nacional para Galiza".

O texto afirma que "na carencia de soberanía radican a inmensa maioría dos graves problemas que padecemos como pobo e como nación"

O texto afirma que "na carencia de soberanía radican a inmensa maioría dos graves problemas que padecemos como pobo e como nación. O atraso secular que arrastramos deriva da explotación económica, da dominación política e da asimilación cultural a que a Galiza se ve sometida por España, un estado que conculca os mais elementares dereitos colectivos dunha nación como a Galiza, un estado que imposibilita o exercicio do dereito de autodeterminación recollido en todos os tratados e protocolos internacionais". 

Engade que "a crise económica, política, institucional do réxime español acelerou a recentralización e a implementación dun conxunto de medidas tendentes a destruíren a nosa identidade nacional e a reforzar os mecanismos de dependencia que visan inviabilizarnos economicamente" e que "é evidente que a situación económicas e social do pobo galego sería outra de posuírmos un sistema financeiro propio e de participarmos directamente e sen intermediarios innecesarios nas políticas agrarias, pesqueiras ou nas que están a rematar coa nosa industria naval".

As entidades asinantes manifestan "a nosa satisfacción pola constitución da iniciativa suprapartidaria, plural e unitaria Galiza pola Soberanía" e chaman "a secundar activamente todas aquelas iniciativas patrióticas promovidas nas vindeiras semanas ao longo da Nación que reclamen a soberanía e a independencia nacional da Galiza" e a "pendurar nas varandas, xanelas, fachadas de casas e vivendas, o emblema nacional da nosa única Patria, a bandeira da Galiza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.