No trixésimo quinto congreso do PSOE, no ano 2000, José Luis Rodríguez Zapatero comezou metendo no peto os delegados cunha proclama que levou como sinal de identidade durante non pouco tempo: "non estamos tan mal". No seu informe xestión ante o duodécimo Congreso Nacional do PSdeG, Pachi Vázquez botou man dunha fórmula semellante: "estamos mellor do que nos pretenden facer crer". Nunha combinación de contidos, no que combinou o propio informe de xestión co que podería ser un adianto do discurso co que pedirá o voto para seguir á fronte da secretaría xeral, Vázquez lanzou unha mensaxe sobre o estado de saúde do partido que moitos interpretaron como un recado á súa opoñente, Elena Espinosa. "Repetir que estamos mal é parte da estratexia da dereita, nunca lle axudemos á dereita".
A primeira grande ovación chegou ao reivindicar Vázquez o principio "unha persoa, un cargo"
Mentres nas redes sociais os partidarios de Espinosa censuraban a chamada do candidato a reelección a "non alimentar a estratexia do PP", Vázquez aseguraba que a súa proposta é "un debate en positivo" tras "tres anos de confianza". "Hai case tres anos movíame o que me move agora, a forza para sacar adiante este país" e por iso, di, "non marchei para a casa", senón que fixo "o que fai un bo socialista, cantos máis problemas, máis hai que dar a cara". Nesa clave de balance xurdiu o primeiro grande aplauso do Congreso ante a mención do que foi un dos grandes cabalos de batalla de Vázquez: "Cumprimos a norma de incompatibilidades, unha persoa, un cargo, para que todos esteamos onde temos que estar, sen repetirnos".
Xunto á reivindicación da propia xestión, Pachi Vázquez esforzouse en subliñar que o partido "non o está facendo mal" grazas aos seus militantes e representantes institucionais. "Baixo condicións estremas estámoslle marcando a axenda política" e "conseguindo que lle caia a máscara ao PP". O PSdeG, asegura, é o responsable de que "lle caia a máscara" ao Goberno de Feijóo. "Estamos logrando que os galegos empecen a saber a verdade, que están sufrindo o maior ataque ideolóxico" e "un recorte de dereitos sen pudor" para "converter nun negocio a sanidade e a educación".
Neste contexto e cun ton próximo ao mitin, Vázquez ponse unha meta ambiciosa: "liderar a grande irmandade da esquerda galeguista que saque a Galicia deste problema". Entre as súas receitas para logralo, outra posible mensaxe á súa rival: o PSdeG debe ser "un partido en clave de país, coa máxima autonomía, onde as decisións se tomen en Galicia e pensando no que pase en Galicia", proclamou, nunha chiscadela que tamén saíu ben parada do aplausómetro. "É tempo de recoller o sementado" e non dunha "volta aos nosos problemas nin aos vicios do pasado", conclúe Vázquez.