Vence aposta por un BNG "clave" para derrotar o PP e pide "repensar discurso e alianzas"

Vence e Muíños, na homenaxe a Castelao CC-BY-SA BNG

O BNG toma 2016 como un ano decisivo para o cambio en Glaicia que debe ter "como prioridade" a derrota do PP, na que o nacionalismo do Bloque ten que ser clave. “Ten que ser un ano de cambio, punto de inflexión ás portas dunhas eleccións autonómicas que deben significar a derrota do PP para parar as súas políticas de desfeita deste país e de laminación do autogoberno”, asegurou o portavoz nacional, Xavier Vence, no acto de homenaxe a Castelao en Rianxo.

"O nacionalismo debe ser unha peza clave nesa derrota do PP nas urnas e na alternativa a este desgoberno do PP”, dixo, tras advertir que na vindeira asemblea nacional a formación tomará "decisións importantes no organizativo, no discurso e nas alianzas que fagan posible esa derrota porque Galiza non pode soportar unha nova lexislatura de desgoberno de Feijóo e do PP”.

Vence advirte que a asemblea nacional tomará "decisións importantes no organizativo, no discurso e nas alianzas"

Vence reivindicou o nacionalismo como “proxecto necesario” para o país, pero advertiu que os malos resultados do 20D deben facer “repensar organización, discurso e alianzas”, tendo en conta que a prioridade para a maioría social do país é derrotar o PP. “E para iso hai que tomar decisión valentes e audaces, sabendo que é preciso sumar para derrotar a dereita e o centralismo que representa o PP”, explicou.

O portavoz nacional reivindicou o proxecto nacionalista que representa o BNG como “necesario para o futuro deste país”, e instou a “poñelo ao dia” para continuar a ser valorado como “ferramenta útil pola maioría social da nosa nación”. Neste sentido, Vence salientou que o futuro do proxecto do Bloque “xógase” nas eleccións galegas “onde temos a obriga de derrotar ao PP”.

O voceiro nacional pide "poñer ao día" o BNG, cuxo proxecto "xógase" nas autonómicas

“Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Esa ten que ser a prioridade absoluta na conxuntura na que estamos. Derrotar o PP é unha prioridade para o país e para o futuro do proxecto nacionalista”, engadiu Vence. 

Pola súa banda, o alcalde de Rianxo, Manuel Muíños, lembrou que Castelao confiaba nas potencialidades da nación galega. “Que pensaría hoxe Castelao ante o intento de privatizar a riqueza da Ría de Arousa contra o que loitan centos de mariscadores e mariscadoras”, denunciou, ante un goberno da Xunta “ausente e de costas á xente do mar, que só é dilixente para desmantelar barcos e reducir capturas en vez de poñerse á fronte dun país que é potencia pesqueira”.

Muíños criticou tamén que o Executivo de Feijóo avale unha normativa en materia de acuicultura “que abre as portas das nosas rías ao capital foráneo”, ao tempo que “non sabe ou non quere atallar a contaminación, as mareas vermellas, pero si pensa en piscifactorías de capital estranxeiro”.

Vence e Muíños, na homenaxe a Castelao CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.