Villares presenta ENCE como símbolo dun PP "tóxico" e promete o saneamento das rías

Villares, Santos e outros membros de En Marea, fronte a ENCE CC-BY-SA En Marea

ENCE como símbolo. O programa electoral do PP para as eleccións galegas non inclúe desta volta, como si fixera en 2009 e 2012, o traslado da fábrica de pasta de papel fóra da ría de Pontevedra. A factoría, que en virtude da decisión do Goberno de España en funcións ten permiso para permanecer nos terreos de Lourizán ata 2073, foi empregada este luns polo candidato de En Marea á Presidencia, Luís Villares, como símbolo dun PP "tóxico". Fronte a el, asegura, a aposta de En Marea pasa por "compatibilizar economía e ecoloxía", a comezar polo saneamento pendente das rías.

Dende a praia de Lourido, en Poio, Villares bosquexou xunto á cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Carmen Santos, e o responsable do programa medioambiental da formación, Xavier Simón, unhas liñas programáticas que, asegura, "permiten demostrar que o valor verde non está rifado co azul do mar". "Temos políticos tóxicos para Galicia e ata agora Feijóo foi a súa peor bacteria", di o candidato. Actuacións como a ampliación do permiso a ENCE dan lugar "ao peor escenario ambiental" derivado "dunha forma de goberno baseada en portas xiratorias" ou "xirasorias", ironiza, en referencia ao envío do ex-ministro de Industria ao Banco Mundial.

Na pasteira, di Villares, é onde o PP galego ten unha das mellores mostras de transferencia de cargos políticos a consellos de administración. Non en van, resalta, o que fora conselleiro de Medio Ambiente do Goberno de Manuel Fraga, Carlos del Álamo, senta na cúpula da empresa xunto á ex-ministra da mesma área na etapa de Aznar, Isabel Tocino. A política ambiental do PP, critica, "está pensada unicamente para favorecer amigos e amigas", aínda que iso implique "estragar o medio ambiente do noso país".

"Temos políticos tóxicos para Galicia e ata agora Feijóo foi a súa peor bacteria", di Villares, que ve en ENCE a mellor mostra das "portas xiratorias" do PP en Galicia

Neste escenario, di, se En Marea chega ao Goberno abordará "o saneamento integral das rías, para poder crear ata cinco veces máis postos de traballo que cunha ría contaminada". E isto, asegura, non implica impedir o "desenvolvemento industrial": "O medio ambientel é unha rinqueza intanxible, pero tamén económica, porque produce postos de traballo para a xente da ría, do sector primario e do sector turístico".

Medidas coma estas, asegura, serían adoptadas tendo en conta a posición dun Consello Galego de Medio Ambiente que, unha vez "transformado", poida "vertebrar" estas políticas. Este ente, di, tamén actuaría na reformulación de Sogama para que "deixe de ser unha simple incineradora para ser un catalizador das oportunidades que dá reciclar e reducir os residuos". 

Segundo Xavier Simón, a devandita "compatibilidade" entre "economía e ecoloxía" debe "ser o punto de partida de todas as políticas da Xunta dende o 25 de setembro". Unha lei para afrontar o cambio climático, unha estratexia galega de educación ambiental con "recursos persoais e materiais" ou a ampliación da rede natura son, di o coordinador do programa ambiental de En Marea, outras das prioridades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.