Xunta e persoal de Xustiza retoman as reunións 23 días despois coas posturas máis enfrontadas

Traballadores da Xustiza queiman as súas nóminas © AX-CUT

Vinte e tres días despois da última xuntanza, Xunta e comité de folga reuniranse en San Caetano este mércores co obxectivo de pór fin a un conflito que acumula 70 días e máis de dez semanas de paro indefinido, con máis de 18.000 xuízos suspendidos e adiamentos até 2020. Malia  o tempo transcorrido e a máis dunha ducia de xuntanzas, a desconfianza segue a ser máxima entre representantes do Goberno e dos traballadores, que manteñen un elevado seguimento da protesta. O vicepresidente Alfonso Rueda insistiu en que o Executivo non se achegará ás pretensións de incremento do complemento salarial que reclama o persoal, que á súa vez responde que a Administración escusa intentar negociar se a súa base é a mesma que até agora. 

Rueda insiste en que a Xunta non se achegará ás pretensións dos traballadores e en incluír a suba estatal aos funcionariado na súa oferta

A Xunta mantense en ofrecer unha suba de entre 133, 108 e 105 euros mensuais máis segundo a categoría laboral, mentres que o funcionariado solicita 180 euros para todos os corpos. Con todo, o Goberno insiste en falar dun aumento de 300 euros mensuais, ao incluír a suba salarial aos funcionarios que será aplicada en todo o Estado, algo que os sindicatos xa advertiron que non aceptarían. Este mesmo mércores repetiuno Rueda nun acto en Vigo sobre a segunda fase das obras da Cidade da Xustiza e onde foi recibido polas protestas e apupos duns vinte traballadores en folga. Insistiu neses 300 euros e que "con esa cifra" suentará o Executivo ó mesa, aínda que non el. 

Traballadores da Administración da Xustiza reciben a Alfonso Rueda con apupos e protestas en Vigo 

"Nesa contorna negociadora sería posible chegar a un acordo, pero non desde logo nas cifras nas que están os sindicatos, ás que xa advertimos que non podemos chegar", avisou Rueda que, no entanto, asegurou que a Xunta estaba "disposta a esgotar a vía do diálogo". 

O persoal de Xustiza advirte de que "non haberá acordo" se a Xunta non muda a súa última proposta

Desde o comité de folga, un dos seus voceiros, Julio Bouza, xa advertiu que esperaba que a Xunta non chegue á negociación "coa mesma proposta". "Esperemos que sexa distinta porque a última é a que xa temos e coñecemos todos e os traballadores non a aceptan", aclarou. "Non haberá posibilidade de acordo", insistiu, no caso de que o Goberno inclúa na súa oferta eses 300 euros. 

 

Queima de nóminas na Coruña

Ademais da protesta en Vigo, na Coruña funcionarios de Xustiza en folga queimaron as súas nóminas como sinal de protesta polas "coaccións" que aseguran recibir por parte da Xunta a través do sistema de peche das devanditas nóminas en datas posteriores ás fixadas.

Desde que se iniciou o conflito, a Xunta pecha as nóminas máis tarde "para meter máis descontos e coaccionar", segundo os traballadores

No acto, cun cento de persoas, o portavoz do comité de folga na Coruña, Javier Fernández, explicou que as nóminas --na actualidade de entre 300 e 500 euros polos descontos polo paro indefinido-- "péchanse sempre a día 5 de cada mes", pero aclara que desde que se iniciou o conflito "pecháronse o 13 de febreiro e o 11 de marzo".

"Porque cantos máis descontos metan na nómina, mellor", dixo ao explicar os argumentos polo que, na súa opinión, a Administración autonómica está a levar a cabo o peche de nóminas nestas datas. Javier Fernández vinculouno, ademais, cun intento de "coaccionar" os traballadores en folga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.