As eleccións do 20 de decembro depararon varios elementos novos. Entre eles, o primeiro deputado galego de Esquerda Unida. Deputada, en realidade. O paradoxo é que se todo sae segundo o previsto, Yolanda Díaz (Fene, 1971), non acompañará a Alberto Garzón no mesmo grupo no Congreso. A candidatura de confluencia En Marea logrou nas xerais os números que marca o regulamento para optar a grupo parlamentario propio. Pelexarán por el e xa apuntan a quen pode impedirllo: "A cidadanía galega quixo que tivésemos grupo propio, ía nos acordos, era unha das nosas pretensións e conseguímola. Sería un erro que o PSOE o impedise". Ao seu líder, Pedro Sánchez, advírtelle de que non terán os seus seis votos para unha hipotética investidura salvo que se comprometa a un cambio de políticas, tamén no ámbito territorial, onde defende o dereito a decidir.
Díaz atende a eldiario.es por teléfono desde A Coruña, onde ultima os preparativos para a nova vida que a espera desde o 13 de xaneiro, mentres prepara as súas intervencións no Parlamento galego a conta dos orzamentos de 2016. "Vou seguir vivindo aquí", asegura. Farao polo menos até o próximo curso. A política galega explica que tomou a decisión de ir de número dous na lista de En Marea despois de "moitas insistencias plurais" e polo "momento histórico" que se está vivindo.
"Hai un cambio na sociedade, moi profundo, que foi moi determinante para que optasen por En Marea. Hai un tempo novo, e os dirixentes ou vemos que a sociedade cambiou ou cometeremos graves erros históricos"
O resultado avala a súa decisión pero tamén ratifica a súa defensa da confluencia. Con Podemos agora pero non só. Yolanda Díaz foi en 2012 una das precursoras de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), unha iniciativa que tivo un grande éxito, que foi precursora das “mareas" e que puxo en xaque un dos principais feudos do PP. Alí estivo tamén Pablo Iglesias. Díaz defende sen molestias, froito da súa propia experiencia, a necesidade de superar IU, coincidir con Podemos e de buscar unha nova ferramenta "para as maiorías sociais do século XXI".
As enquisas daban unha boa estimación de voto a En Marea pero o resultado foi moito mellor, que valoración fai?
Superamos as expectativas. A metade de campaña xa se percibía que estaba a pasar algo grande. Non era só que os actos estivesen cheos, senón que se notaba na rúa. Cando hai cambios tan profundos isto percíbese. Tiñamos boas expectativas, pero a marea desbordounos.
A que atribúen superar esas expectativas?
Esgotouse un ciclo político. E en Galicia, que era un feudo do PP, a xente está farta de tanta corrupción. Aquí temos máis de 100 cargos públicos imputados. Tampouco hai ningunha expectativa de futuro, só queda que a xente emigre. E ademais hai un cambio na sociedade, moi profundo, que foi moi determinante para que optasen por En Marea. Hai un tempo novo, e os dirixentes ou vemos que a sociedade cambiou ou cometeremos graves erros históricos.
"A cidadanía galega quixo que tivésemos grupo propio, ía nos acordos, era unha das nosas pretensións e conseguímola. Sería un erro que o PSOE o impedise"
O 13 de xaneiro constitúese o Congreso e a súa opción declarada é formar un grupo parlamentario. En principio os números téñenos, confían en que a Mesa do Congreso lles permita telo?
Sería outro grave erro histórico non facelo, porque sería necesario un pacto bipartidista da vella política para impedírnolo. O artigo 23 [do regulamento do Congreso] é bastante claro. En caso negativo tomaremos as accións pertinentes para defender os nosos dereitos. A cidadanía galega quixo que tivésemos grupo propio, ía nos acordos, era unha das nosas pretensións e conseguímola. Sería un erro que o PSOE o impedise.
Que motivo lles leva a reclamar ese grupo propio?
Porque Galicia é unha nación e ten especificidades propias. Porque os nosos sectores produtivos son nalgúns casos moi relevantes no conxunto do Estado e foron moi maltratados, coma o sector naval. Tamén cando falamos de pesca e de leite falamos de Galicia. Isto non foi defendido nin posto no centro de actuación política nunca polo PP nin polo PSOE. Ten que haber unha actuación política para darlle saída ás propostas políticas do noso país. Iso si, formando parte do novo cambio político no conxunto do Estado.
"O que non ten sentido é que invistamos a Pedro Sánchez se as políticas non van cambiar. Non imos cambiar nada se non derrogamos o artigo 135 da Constitución, fariamos trampas"
As eleccións do 20 de decembro deixaron unha gobernabilidade complicada, non saen os números dunha forma clara. Ada Colau xa dixo que os 12 deputados de En Comú Podem non votarán a investidura de Pedro Sánchez se este non apoia o referendo. Que liñas vermellas márcase En Marea para investir a algún candidato?
Temos prevista esta semana unha reunión de coordinación para concretar, pero como dixemos en campaña actuaremos sobre o noso eixo programático central. Por unha banda, o rescate cidadán para as 177.000 persoas sen ningún tipo de protección social en Galicia. E por outro a posibilidade de que os pobos decidan. Non só en Cataluña, tamén noutros sitios. Nós dixemos que nos sumamos á defensa dese exercicio do dereito de autodeterminación en Cataluña. Temos que darlle saída ao problema político catalán e non hai outra maneira.
Como valoran a opción dunhas eleccións anticipadas?
Non pasaría nada, estamos máis que preparados para unhas novas eleccións. O que non ten sentido é que invistamos a Pedro Sánchez se as políticas non van cambiar. Non imos cambiar nada se non derrogamos o artigo 135 da Constitución, fariamos trampas. Eu veño da cultura de Xulio Anguita e non se trata de que a gobernabilidade sexa un fin en si mesmo, senón de que a xente teña unha cobertura social que hoxe non ten.
"Hai que decidir se IU quere formar parte desa alternativa sen dependencia do PSOE que por primeira vez se pode formar en España, ou non"
Menciona a Xulio Anguita, quen nunha recente entrevista en eldiario.es falou do escenario que lle vén á esquerda en 2016 e mencionou a Podemos e a IU. Cal cre que debe ser a relación entre ambos?
Primeiro, de absoluta normalidade, que é a primeira materia que temos pendente. É un síntoma de absoluta inmadurez non abordar esta temática con normalidade porque até agora deuse con distancias e certas miradas que resultan incómodas. E que se resolva no sentido que se pronunciou Xulio Anguita porque é o mellor para a maioría social.
Noutra entrevista en eldiario.es, o secretario xeral do PCE, José Luís Centella, fala de superar a actual IU. Cara a onde debería ir a súa organización?
Centella propón a receita de sempre cando estamos fronte a un precipicio. A materia pendente que ten IU é decidir se quere ser unha formación que sirva para defender os intereses das maiorías sociais do século XXI ou non. Tamén hai que decidir se IU quere formar parte desa alternativa sen dependencia do PSOE que por primeira vez se pode formar en España, ou non. Se quere deixar de ser unha organización subalterna e que poida romper o imaxinario dunha proposta socialdemócrata. Para isto non valen as vellas receitas, non se trata de refundar IU. Iso xa o tentamos.
Non se trata de refundar IU, senón de superar IU entón?
Cando digo que ten que ser unha forza que sirva para a sociedade e a maioría social do século XXI, estou a dicir que a sociedade cambiou. O anterior secretario de Converxencia, Enrique Santiago, xa dimitiu polo fracaso nestas políticas. Nós defendiamos nos nosos textos asemblearios non só refundar IU, senón refundar a esquerda. Hai moitos matices, pero dáme que pode repetirse a historia. Non é tempo de vellas receitas, é tempo de actuar nunha sociedade que cambiou.
"Temos a certeza de que a única alternativa real ao PP son as mareas, chámense como se chamen. Xa estamos a traballar na configuración desa alternativa social. Este país merece que se abran as xanelas"
Máis aló das confluencias catalá e galega, como valora os resultados de IU-UP?
A lei electoral española é profundamente inxusta e hai que cambiala, pero son resultados malos, non hai moito máis que dicir. É o que dicía antes: temos unha gran materia pendente e témola que tomar con moita seriedade.
Volvendo a Galicia, están previstas as autonómicas para 2016. Cre que haberá adianto electoral? Como o afrontan?
Afrontamos o reto das eleccións galegas cunha enorme forza. Eu mesma pedinlle a Alberto Núñez Feijóo a disolución da Cámara ante unha lexislatura que está completamente esgotada. Temos a certeza de que a única alternativa real ao PP son as mareas, chámense como se chamen. Xa estamos a traballar na configuración desa alternativa social. Este país merece que se abran as xanelas. Abandonemos o sufrimento e que a xente poida ter unha alternativa de vida.