Clara Gayo

Clara Gayo

Clara Gayo (Vigo, 1971) é actriz, dramaturga e directora. A súa formación escénica principiou na Escola de Teatro Danza Espazo Aberto e co curso de Especialización en Arte Dramática da Universidade de Santiago de Compostela. Ao longo dos anos, traballou en compañías como Chévere (foi asidua das Ultranoites) ou Berrobambán, co Centro Dramático Galego e en espectáculos de produción propia. No eido audiovisual, Gayo realizou pequenas incursións en series (Escoba ou O Faro), curtas (Bilingüe e Conciencias tranquilas) ou en filmes (Arenal, a visitadora de cárceres). 

Nos últimos anos exerceu como directora con formacións como Pista Catro (Paxaros no Cabo, 2022) ou Mofa&Befa en Pirolíticos, espectáculo con textos de Lucía Aldao e María Lado co que o dúo composto por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira celebrou o seu 30º aniversario. Dende 2002, Gayo dirixe e escribe para a compañía de teatro amador FarandOleiras Cabaré. 

Malia o seu perfil polifacético, Gayo cultiva con maior asiduidade a escrita dramática. Neste ámbito, publicou textos como Movidas e Razóns de peso con Estaleiro Editora, Agorafobia: parálise sobre o medo con Redenasa ou Prohibido sufrir na Erregueté. En 2015, gañou o Premio do Xurado no IX Premio Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega con Evasión. Fai parte xunto a Carlos Santiago e Zé Paredes do colectivo G.O.D Favia Antonia (Grupo Oportunista de Drama) dende 2017. Froito deste experimento de escrita a tres mans xurdiron Acto de hixiene (2017), Poetas suicidas (2018) e Á mesa! (2019).