O Goberno portugués decreta situación de crise enerxética pola folga indefinida de transportistas de materias perigosas que comeza este luns
Ás cero horas da medianoite do domingo ao luns comezou en Portugal unha folga indefinida dos transportistas de materias perigosas en reclamación de melloras salariais e formativas ante a que o Goberno de Antònio Costa decretou a situación de crise enerxética, unha medida coa que estableceu servizos mínimos de ata o 100% para os corpos de emerxencias pero que deixa en 15 litros o máximo que pode botar un vehículo particular en determinadas estacións de servizo. A folga prodúcese catro meses despois da anterior, que incrementou o xa tradicional uso das gasolineiras galegas fronteirizas por parte de vehículos portugueses polo menor custo do combustible.
Coa folga os transportistas de materias perigosas reclaman da patronal diversas melloras laborais en forma de días de descanso ou formación e un progresivo incremento salarial dos 630 euros de soldo base que cobran actualmente, que con diversos complementos pode duplicarse. O seu obxectivo é subir o soldo base a 700 euros en 2020 (1.400 euros cos complementos), 800 en 2021 (1.550 euros cos complementos) e 900 en 2022 (1.715 euros cos complementos).
O Goberno clasificou as estacións de servizo segundo a súa prioridade para garantir os servizos mínimos e as menos importantes xa están a sufrir desabastecemento
O paro levou o pasado venres ao Consello de Ministros a decretar a situación de crise enerxética e establecer a denominada Rede Estratégica de Postos de Abastecimento (REPA), un total de 373 puntos, o 12% do total, reservada en exclusiva para os vehículos de emerxencias, corpos de seguridade e transporte público. Tras esa rede, unha segunda rede 321 puntos deberá ter reservado un surtidor para os vehículos de emerxencias podendo dispensar ao resto de particulares un máximo de 15 litros de combustible. Por último, o resto de estacións de servizo poderán dispensar ata 25 litros aos vehículos lixeiros e 100 aos pesados. Porén, a garantía de abastecemento deses puntos redúcese a medida que baixan de chanzo -o Goberno garante o funcionamento da REPA coas forzas de seguridade- e xa son numerosas as gasolineiras nas que non queda combustible.
Os medios portugueses están estes días a divulgar unha web e unha aplicación (janaodaparaabastecer.vost.pt ) que permiten consultar o estado de abastecemento de todas as estacións de servizo do país e se teñen ou non a consideración de punto REPA.
“No caso de uma greve que afete a vida ou a saúde das pessoas ou o regular funcionamento dos setores essenciais, os serviços mínimos podem e devem ser mais extensos", avanza o Goberno de Costa
O Goberno de Costa indicou que en Portugal existen reservas de combustibles para uns tres meses, polo que os problemas de abastecemento estarían directamente ligados á folga dos transportistas e o dispositivo para garantir os servizos mínimos está a centrarse en protexer e organizar os convois de camións que abastecen os puntos de subministro prioritarios. O executivo xa anunciou que “no caso de uma greve que afete a vida ou a saúde das pessoas ou o regular funcionamento dos setores essenciais de interesse público e da economia, provocando prejuízos desmesurados, os serviços mínimos podem e devem ser mais extensos, podendo, no limite, corresponder à manutenção da normalidade de funcionamento”.