Cando comezou a diáspora galega? Hai cinco séculos dous baioneses iniciaron a primeira circunnavegación da Terra, impulsada polo portuense Fernão de Magalhães e que levou a un escravo das Molucas a ser a primeira persoa en dar a volta ao planeta
Cando comezou a diáspora galega? Hai cinco séculos dous baioneses iniciaron a primeira volta ao mundo, impulsada polo portuense Fernão de Magalhães, culminada polo guipuscoano Elcano e que levou a un escravo das illas Molucas, as illas das Especias, a ser a primeira persoa en dar un xiro completo ao planeta.
Nos últimos tempos Madrid e Lisboa veñen disputándose e colaborando á vez na celebración dos 500 anos da primeira circunnavegación da Terra, que partiu de Sevilla o 10 de agosto de 1519, hai agora cinco séculos, e volvía a ese mesmo porto tres anos máis tarde, o 8 de setembro de 1522. Pero a procedencia dos 18 homes que lograron aquela fazaña (dos 239 que a iniciaron) é moito máis plural: andaluces, gregos, italianos, vascos e dous galegos, os dous de Baiona, onde un monumento e nomes de rúas os lembran: o mariñeiro Diego Carmona (ou Carmena) e o grumete Vasco Gómez.
Enrique de Malaca, escravo de Magalhães, converteríase na primeira persoa da que hai constancia que deu a volta ao mundo ao regresar á súa terra polo leste dez anos despois de ser tirado dela polo oeste
Con Portugal consolidando a súa ruta ás Indias, en particular ás illas das Especias que tanto se cotizaban en Europa e que facían rendibles aquelas viaxes, polo itinerario aberto por Vasco da Gama en 1498 polo sur de África (con galegos tamén polo medio), a idea de Magalhães, natural do Porto, de apostar pola viaxe cara o oeste buscando un paso a través de América non tivo receptividade en Lisboa. O financiamento tivo que conseguilo o portugués na coroa e en comerciantes españois, que o axudaron a conformar a flota que hai agora 500 anos partiu de Sevilla.
Magalhães atoparía o paso cara ao Pacífico, polo estreito que leva o seu nome, pero tardaría un ano e medio en chegar ás Indias polo oeste en 1921. E ao chegar alí, en Filipinas, morrería nun enfrontamento cunha tribo. Magalhães xa estivera na zona en 1511, cando no arquipélago das Molucas se fixera cun escravo, Enrique de Malaca, que levou como intérprete nesa nova viaxe cara ao oeste. El converteríase polo tanto, dez anos despois de ser tirado da súa terra á forza, na primeira persoa da que hai constancia que deu a volta ao mundo.
Unha das repercusións en Galicia daquela expedición de Magalhães da que agora se cumpren 500 anos foi a creación na Coruña da Casa de Contratación da Especiería, similar á de Sevilla pero que só funcionaría sete anos
Coa morte de Magalhães, e tras diversos enfrontamentos internos e cos portugueses que levaban anos pola zona, o liderado da reducida flota recaeu en Elcano, que emprendeu, sempre cara ao oeste, a viaxe de volta á Península, culminando en setembro de 1522, tres anos despois de iniciarse, a primeira circunnavegación do globo. Dos cinco barcos que partiran só chegaba un, a nao Victoria, cargada de especias pero con apenas 18 dos 239 homes que iniciaran a expedición, entre eles os dous baioneses. Uns anos máis tarde outros galegos da mesma flota que quedaran nas Molucas reparando un dos barcos acabarían completando tamén a súa volta ao mundo.
Unha das repercusións en Galicia daquela expedición de Magalhães da que agora se cumpren 500 anos foi a creación na Coruña da Casa de Contratación da Especiería, outorgada por Carlos V á cidade para centralizar o comercio coas Indias que puidese derivarse da viaxe do mariño portugués ao xeito en que Sevilla facía o mesmo co comercio con América. A posterior cesión a Portugal dos dereitos sobre as illas das Especias fixo que só funcionase durante sete anos.