A CIG denuncia á Seguridade Social por "vulnerar a intimidade" ao informar as empresas sobre baixas causadas por abortos ou menstruacións

Susana Méndez, Secretaria Confederal de Organización da CIG, e Nicolasa Castro, Secretaria das Mulleres © CIG

A CIG denuncia que, dende xuño, cando unha muller ten unha baixa laboral por situacións de "menstruación incapacitante", de interrupción do embarazo, voluntaria ou non, e de xestación desde a semana trixésima novena, a empresa é informada da circunstancia concreta

O pasado 1 de xuño entraron en vigor as novas situacións de incapacidade temporal especial por continxencias comúns que se introduciron na Lei Xeral da Seguridade Social a consecuencia das modificacións introducidas pola Lei Orgánica 1/2023 no relativo a saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo. Entre elas figuran situacións de "menstruación incapacitante", de interrupción do embarazo, voluntaria ou non, "mentres reciba asistencia sanitaria polo Servizo Público de Saúde e estea impedida para o traballo" e de xestación da muller traballadora desde o día primeiro da semana trixésima novena. Un importante avance que, con todo, pode estar provocando unha "vulneración da intimidade" das mulleres que se atopen nestas situacións e causen baixa laboral.

A CIG vén de presentar unha denuncia contra a Seguridade Social perante a Axencia de Protección de Datos e dos organismos de representación do INSS, por vulneración da normativa de protección de datos. O sindicato alerta de que nestes casos a Seguridade Social está a informar ás empresas das causas concreta de baixa das traballadoras nestas situacións.

Oficina da Seguridade Social © Seguridade Social

A central tivo coñecemento desta circunstancia a través dunha muller afectada, afiliada do sindicato, que descubriu que tanto na súa empresa como na xestoría coa que traballa tiñan coñecemento de que viña de pasar por un aborto

A central tivo coñecemento desta circunstancia a través dunha muller afectada, afiliada do sindicato, que descubriu que tanto na súa empresa como na xestoría coa que traballa tiñan coñecemento de que viña de pasar por un aborto. Unha situación que Nicolasa Castro, Secretaria das Mulleres da CIG, sinalou como "xa de por si dolorosa e estigmatizadora” e que deixou esta traballadora “sorprendida, indignada e machacada”.

A presentación da denuncia ante Proteccións de datos foi anunciada en rolda de prensa por Nicolasa Castro e mais por Susana Méndez, Secretaria Confederal de Organización do sindicato. Nicolasa Castro manifestou o “abraio” e “indignación” da CIG ao saber a xestión que se fai destes procesos, derivada dunha instrución da Seguridade Social, que implica que as mulleres que pasan por eses procesos de incapacidade temporal "ven expostos diante das empresas, xestorías e mutuas os motivos desas baixas", polo que queda "o seu dereito á intimidade e á privacidade totalmente eliminados na práctica”.

Castro considerou "máis grave aínda" que moitas mulleres que están a pasar por estas “situacións especiais” neste momento “non saben que na súa empresa teñen coñecemento desas situacións e do diagnóstico que as provoca”

A partir desa instrución, cada vez que unha muller traballadora pasa por un deses procesos, á súa empresa chega un parte da Seguridade Social a través do ficheiro FIE que especifica o código correspondente á “situación especial” o que significa que na empresa desa traballadora, na xestoría que lle realice os trámites e tamén na mutua correspondente, teñen coñecemento do motivo da Incapacidade Temporal.

Castro considerou "máis grave aínda" que moitas mulleres que están a pasar por estas “situacións especiais” neste momento “non saben que na súa empresa teñen coñecemento desas situacións e do diagnóstico que as provoca”, porque se fai todo a través dun sistema interno de notificacións que as traballadoras non coñecen e ao que non poden acceder.

Extracto da denuncia presentada pola CIG © CIG

En cambio, Castro explica que “se tes unha gripe, rompes unha perna, ou algún problema dixestivo, está garantido que non pode ser recollido no parte de incapacidade temporal e non pode ser coñecido pola túa empresa”

En cambio, Castro explica que “se tes unha gripe, rompes unha perna, ou algún problema dixestivo, está garantido que non pode ser recollido no parte de incapacidade temporal e non pode ser coñecido pola túa empresa”. Porén, engadiu, “se es muller e estás no final do teu embarazo, tes menstruacións incapacitantes, ou pasas por un proceso de interrupción do embarazo, sexa voluntaria ou non, a túa empresa vai saber que ese é o motivo da túa baixa, que eses son os motivos polos que te ausentas do traballo”.

Nicolasa Castro considera que isto é “inadmisíbel, gravísimo e atenta contra todos os dereitos humanos”, en concreto, “contra os dereitos das mulleres” e que “non se pode consentir”. E lamenta que, “cando por fin se recoñece algún dereito ás mulleres, vulnérase outro por outro lado, non vaia ser que as mulleres teñan dereitos de máis”.

Susana Méndez destacou que esta “gravísima vulneración do dereito á intimidade" é “dobremente grave e absolutamente intolerábel” cando quen o fai é unha Administración Pública

Pola súa banda, Susana Méndez destacou que esta “gravísima vulneración do dereito á intimidade" é “dobremente grave e absolutamente intolerábel” cando quen o fai é unha Administración Pública. Méndez considera que a esta altura poden ser miles as mulleres afectadas por esta vulneración de dereitos desde o mes de xuño, e esixe “que remate esta barbaridade, que se modifique esa instrución e o xeito de comunicar ás empresas estas situacións”. De igual xeito, anima a todas as mulleres que viron exposta a súa situación a que fagan reclamacións patrimoniais ao Estado polo dano causado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.