A Coruña declara a emerxencia sanitaria polo conflito do lixo e contratará unha nova empresa para recoller os residuos

O lixo na cidade da Coruña leva días sen ser recollido CC-BY-SA Praza.gal

Dende hai seis días o lixo non se recolle na maior parte da Coruña. A cidade sofre os efectos dun conflito no que mesmo foron queimados varios camións do servizo de recollida, que tamén foron obxecto de picadas nos seus neumáticos e outras sabotaxes mecánicas, e tamén varios contedores foron destruídos por artefactos incendiarios. O custo das sabotaxes levadas a cabo nos últimos días supera o medio millón de euros, segundo a concesionaria do servizo, PreZero, mentres toneladas de residuos se acumulan polas rúas, provocando xa desagradables cheiros e, nalgúns lugares, a presenza de ratas, segundo denuncia algunha asociación de veciños. Unha situación, ademais, que se fixo coindicir coas celebracións do Entroido na cidade.

"A cidade da Coruña non pode permanecer máis días nesta situación", dixo Inés Rey

Este luns ao mediodía a alcaldesa Inés Rey vén de anunciar a declaración da emerxencia sanitaria na cidade, un movemento que lle permitirá contratar outra empresa -Tragsa- para a partir deste martes recoller todo o lixo e tamén para realizar a limpeza viaria, unha operación que deberá ser pagada pola empresa concesionaria. A rexedora subliñou que "a cidade non pode ser refén dun conflito do que non temos constancia" e engadiu que "non imos tolerar que se poña en risco a saúde da cidadanía incumprindo de forma evidente o contrato de recollida".

Intervención de Inés Rey, este luns © Concello da Coruña

Nos últimos días foron queimados varios camións de recollida do lixo, que tamén sufriron outro tipo de sabotaxes. Tamén arderon contedores e toneladas de residuos se acumulan nas rúas

Tragsa ocuparase tanto da recollida dos desperdicios coma da limpeza viaria, que segundo o Concello tampouco se estaba cumprindo con normalidade. Na súa intervención, Inés Rey explicou que "dende a noite do pasado martes vén producíndose unha situación de grave anomalía na prestación do servizo público de recollida de lixo e de limpeza viaria na cidade". "Producíronse numerosos actos vandálicos e sabotaxes: queimáronse camións, queimáronse contedores e numerosos traballadores manifestan a súa indisposición á hora de entrar a cumprir as súas quendas de traballo", denunciou, engadindo que mesmo naquelas zonas nas que a recollida do lixo si se levou a cabo non se fixo "de forma completa, por razóns que descoñecemos".

As acusacións sobre a orixe das sabotaxes diríxense ao sindicato STL, maioritario no servizo, pero os representantes desta agrupación negan estar detrás dos ataques

"Dende o primeiro día que se produciron estes incidentes esiximos a ambas concesionarias [da recollida do lixo e da limpeza viaria] que cumpran cos termos do contrato e que reforcen o servizo. Lamentablemente, nestes seis días foron incapaces de garantir a normalidade no servizo de recollida e no de limpeza", sinalou a alcaldesa, que en consecuencia, anunciou a declaración de emerxencia "para garantir a limpeza e a recollida e, en definitiva, a saúde e a salubridade na cidade". "A cidade da Coruña non pode permanecer máis días nesta situación", sentenciou.

Paradoxalmente, non existe un conflito laboral establecido publicamente, nin unha declaración de folga e nin sequera unha reivindicacións concretas a cargo dos traballadores do servizo de recollida do lixo. As acusacións sobre a orixe das sabotaxes diríxense ao sindicato STL, maioritario no servizo, pero os representantes desta agrupación negan estar detrás dos ataques. En todo caso, tanto o Concello como a propia empresa concesionaria PreZero, denuncian que estes traballadores están a levar a cabo unha folga encuberta "de brazos caídos". Nos últimos días, nin sequera a escolta policial permitiu desenvolver o servizo con normalidade. 

Tanto o Concello como a propia empresa concesionaria PreZero, denuncian que estes traballadores están a levar a cabo unha folga encuberta "de brazos caídos"

Si están en marcha negociacións para a actualización salarial dos traballadores do servizo de limpeza viaria, dunha concesionaria distinta, pero representados maioritariamente tamén por STL. Polo tanto, estes ataques e a folga de "brazos caídos" foron interpretados inicialmente como medidas de presión do sindicato nesta negociación. O sindicato STL xa protagonizou incidentes e folgas encubertas hai uns anos, cando a Marea Atlántica gobernaba a cidade.

O Concello da Coruña habilitou un servizo especial de protección para os camións de recollida do lixo e outro de vixilancia que, segundo informou a alcaldesa Inés Rey, "permitiron a identificación de persoas que poderían estar relacionadas cos incidentes que se están investigando neste momento".  

As empresas concesionarias do servizo de recollida do lixo e da limpeza viaria "non foron quen nos últimos seis días de cumprir co servizo con normalidade", polo que "terán que pagar por incumprir os contratos", sentenciou a alcaldesa na súa declaración

Este martes persoal de Tragsa comezará a recoller os residuos non recollidos nos últimos días, unha contratación que deberá ser pagada polas empresas concesionarias do servizo de recollida do lixo e da limpeza viaria que, destaca o Concello, "nos últimos seis días non foron quen de cumprir co servizo con normalidade". En consecuencia, "terán que pagar por incumprir os contratos", sentenciou a alcaldesa na súa declaración. Ademais, estas empresas poderían ter que enfrontar sancións por estes incumprimenros de contrato. 

PreZero asumiu o servizo de recollida do lixo na cidade da Coruña hai dúas semanas, despois de adquirir Cespa, filial da división de servizos medioambientais de Ferrovial, que xestionaba o contrato. A empresa é parte do grupo alemán Schwarz (propietario de Lidl).

"As concesionarias asinaron uns contratos e teñen que cumprilos, sen que os problemas que haxa entre empresas e traballadores poidan intervir na seguridade e hixiene da cidade", declarou a Federación de Asociacións Veciñais

Nos últimos días, a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña manifestou "o seu total rexeitamento ós actos de vandalismo que se están a levar a cabo na cidade da Coruña", esixindo a adopción de medidas "para que os traballadores que provocan todos estes danos asuman os custos derivados desta situación". "As empresas concesionarias dos servizos de limpeza asinaron uns contratos e teñen que cumprilos, sen que os problemas que poida haber entre as empresas e os seus traballadores poidan intervir na seguridade e na hixiene da cidade", declarou a Federación.

De igual xeito, Marea Atlántica reclamara ao Goberno local a adopción das "medidas necesarias para que a recollida de lixo funcione con normalidade". "A situación é grave e está a xerar unha indignación comprensible entre a veciñanza. As rúas non poden seguir no estado no que se atopan”, declarou María García, voceira municipal. Pola súa banda, o BNG condenou as sabotaxes perpetradas e pediu que se esclarecese a súa responsabilidade, engadindo que "as demandas laborais son lexítimas" pero que "as canles para as expresar son outras”.

O lixo na cidade da Coruña leva días sen ser recollido CC-BY-SA Praza.gal
Camión do lixo incendiado en Feáns (A Coruña) © Policía Local A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.