Este martes o Sergas informa da detección de 405 novos casos, moi por debaixo dos 781 do pasado martes e dos 837 do martes anterior
A quinta vaga da pandemia de COVID segue a remitir en toda Galicia, cunha incidencia acumulada á baixa e unha cifra diaria de novos positivos que comeza a baixar dos 500 por primeira vez dende comezos de xullo. Este martes o Sergas informa da detección de 405, moi por debaixo dos 781 do pasado martes e dos 837 do martes anterior.
A incidencia acumulada a 14 días descende ata os 429 casos por cada 100.000 habitantes, o valor máis baixo dende o 18 de xullo. De igual xeito, a incidencia acumulada a 7 días cae ata os 173 casos por cada 100.000 persoas, nivel que non se acadaba dende o 13 de xullo.
Cómpre sinalar que a taxa de positividade segue en valores elevados, roldando o 10% de media na última semana. O número de probas PCR realizadas este luns (3.679) foi o máis baixo dende os últimos días de xuño.
Os efectos da quinta vaga da pandemia seguen a notarse na cifra de mortes, que continúa a aumentar, con dous novos falecementos nos datos comunicados este martes, o que eleva o número total ata as 2.518.
Tamén nos datos de hospitalización, que seguen sen reducirse de forma clara, amosando nas últimas dúas semanas unha tendencia ao estancamento.
Nestes momentos hai aínda 63 persoas nas UCI, a mesma cifra que onte e o valor máis elevado dende marzo. O número total de persoas ingresadas nos hospitais con COVID é de 326, un descenso de 19 con respecto ao martes da semana pasada, pero aínda preto do máximo da quinta onda.
Nas residencias de maiores, cómpre destacar a aparición dun gromo que afecta de momento a 49 persoas na residencia As Gándaras de Lugo. Este luns coñecíase a aparición doutro brote de 37 positivos no centro de atención á discapacidade de Redondela. En total as residencias de maiores de toda Galicia suman neste momento 119 positivos e os centros de atención á discapacidade chega a 51 casos activos
Aínda que a incidencia tende a descender en toda Galicia, hai aínda algunhas comarcas e concellos concretos nos que as cifras de contaxios detectados nos últimos días seguen a ser elevados. Fisterra é a localidade cunha maior incidencia (1.469 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días), seguida de A Pobra do Brollón. Malpica de Bergantiños, Betanzos e Monterrei, todos por riba dos mil casos por cada 100.000 persoas.
Na Costa da Morte, ademais de Fisterra e Malpica, tamén Laxe, Cabana de Bergantiños, Muxía, Corcubión e Cee presentan cifras de incidencia moi altas
Na Costa da Morte, ademais de Fisterra e Malpica, tamén Laxe, Cabana de Bergantiños, Muxía, Corcubión e Cee presentan cifras de incidencia moi altas. Sucede o mesmo en concellos da contorna de Vigo, como Redondela, Pazos de Borbén, Tui ou A Cañiza. E, igualmente, en localidades próximas á cidade da Coruña, como Betanzos, Sada ou Arteixo, e tamén en Cabanas e Pontedeume, xa na comarca do Eume.
Entre as cidades, é A Coruña a que segue a rexistrar valores máis elevados, aínda que o número de casos activos comeza a descender con máis rapidez. Vigo e Ferrol tamén presentan incidencias por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días.