A FEGAMP urxe á Xunta a actuar ante a praga de moscas que afecta a vinte concellos

Moscas atrapadas en papel adhesivo Dominio Público

Os concellos afectados son A Gudiña, A Laracha, A Teixeira, Aranga, Bergondo, Burela, Coirós, Gondomar, Muíños, Narón, Oia, Paradela, Rairiz de Veiga, Riotorto, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Teo, Tomiño e Vilamartín de Valdeorras

Unha vintena de concellos galegos sofre dende hai meses unha praga de moscas, que se mantén no tempo e mesmo se está a "agudizar", segundo denuncian varios deles. Este xoves a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) esixiu publicamente á Xunta a adopción de medidas para abordar o problema, indicando que "se debería tomar como referencia o procedemento seguido no caso da velutina". "É urxente que se axilice a resposta coordinada dende a Xunta", di a entidade

Este requirimento, sinala, debería ser atendido dende os ámbitos competentes en medio rural, medio ambiente, sanidade e administración local do goberno da Xunta de Galicia. A FEGAMP subliña que a Xunta "xa recibiu" a información requirida á Federación e aos concellos polo que unicamente "resta que lles convoque co urxencia á xuntanza solicitada para coordinar accións".

Unha das causas para a proliferación de moscas pode estar na diminucións dalgúns dos seus depredadores naturais, coma os paxaros, debido ao incremento das zonas urbanizadas e á redución das zonas de vexetación natural

Os concellos afectados son A Gudiña, A Laracha, A Teixeira, Aranga, Bergondo, Burela, Coirós, Gondomar, Muíños, Narón, Oia, Paradela, Rairiz de Veiga, Riotorto, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Teo, Tomiño e Vilamartín de Valdeorras. Pertencen a áreas moi distintas das catro provincias, sen que semelle existir un patrón común de proximidade ou de localización.

O que si se sabe é que en todos os casos a praga corresponde a moscas domésticas, como comprobou unha investigación da Universidade de Vigo realizada en Tomiño. A investigación realizada polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal detallou as "acumulacións" de insectos en determinadas zonas, durante períodos de 3 a 5 días, habitualmente preto de zonas húmidas coma o río Miño ao seu paso por este concello. Tamén destacou que unha das causas para a proliferación de moscas pode estar na diminucións dalgúns dos seus depredadores naturais, coma os paxaros, debido ao incremento das zonas urbanizadas e á redución das zonas de vexetación natural.

Para a FEGAMP "xa é hora" de que a Xunta "interveña sobre este asunto", tomando como referencia o proceso seguido no caso da velutina, "no que despois de celebrarse varias xuntanzas dende o goberno da Xunta cos concellos se concretaron estratexias e iniciativas que paliaron a situación, así como mecanismos de coordinación e seguimento que están dando bos resultados".

A FEGAMP subliña que tanto esta entidade coma os concellos afectados cumpriron xa co acordado, polo que agora corresponde ao Goberno galego a adopción de medidas de coordinación

Xa o pasado Nadal a Federación reclamou unha xuntanza ao Goberno galego para tratar o problema, un encontro que non tivo lugar ata o pasado 23 de abril. Ese día acordouse que a FEGAMP achegaría os resultados das consultas realizadas sobre os concellos, os informes dos concellos sobre a proliferación das moscas e o informe da Universidade de Vigo sobre a situación da praga en Tomiño, e ao mesmo tempo se xestionaría poder celebrar a xuntanza cos ámbitos competentes en medio rural, medio ambiente, sanidade e administración local do goberno da Xunta a na que participarían os concellos afectados e a FEGAMP.

A FEGAMP subliña que tanto esta entidade coma os concellos afectados cumpriron xa co acordado, polo que agora corresponde ao Goberno galego a adopción de medidas de coordinación.

Tomiño esixe unha "resposta coordinada"

O cambio climático, as elevadas temperaturas ou a alteración do medio natural, entre as posibles causas da praga

Tras recibir os resultados do estudo realizado coa Universidade de Vigo, o Goberno municipal mantivo xa un encontro con produtores e agricultores e convocou unha reunión da mesa de traballo integrada por representantes de diferentes eidos para abordar esta problemática "que pon en risco o modelo de convivencia entre o desenvolvemento agrícola e a calidade de vida dos veciños e veciñas". 

O Concello pon a disposición da Xunta este estudo e insta ao goberno autonómico a colaborar na elaboración dun manual de boas prácticas con agricultores e gandeiros para minimizar o impacto do agro na contorna. A alcaldesa sinala tamén a influencia do cambio climático, das elevadas temperaturas ou da alteración do medio natural, que como afirman as e os científicos, contribúe a agravar o problema das pragas de insectos.

“Esta situación require unha resposta coordinada. Entendemos o malestar dos veciños e veciñas, especialmente nas zonas de máis afectación como son Carregal e Forcadela, porque aínda que se trata de insectos que non transmiten enfermidades, está a deteriorar a saúde psicolóxica das persoas que padecen estas pragas, ao seu benestar e á súa calidade de vida”, di a alcaldesa, Sandra González.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.